Uns cabalos que corrían máis alá das fronteiras

Unha nova investigación conclúe que moitas das representacións de animais dos petróglifos son do tempo dos castros

19/1/2023 | Redacción: Santiago. Manuel Gago | Seccións: historia
44 lecturas | Compartido 0 veces

Representacións de zoomorfos na arte rupestre do noroeste peninsular. Imaxe: Composición a partir de Xurxo Pereira, Eduardo Méndez e Pilar Prieto

Un dos motivos máis habituais dos petróglifos galegos agrupados na coñecida como 'arte rupestre atlántica' son os cuadrúpedos. Figuras de cervos, cabalos ou outro tipo de animais que con frecuencia aparecen representados en combinacion con outros motivos circulares ou xeométricos. Se un consulta os paneis turísticos destas estacións de arte rupestre ou moita da bibliografía divulgativa ou académica, asócianse estas representacións ao periodo coñecido como a Idade do Bronce. En Galicia, iso significa un longo tempo que ocupa o segundo milenio antes de Cristo. Unha nova publicación dos arqueólogos Xurxo Pereira, Eduardo Méndez e Pilar Prieto na revista científica portuguesa Estudos do Quaternário estudou 169 superficies con presenza de zoomorfos entre Galicia e o norte de Portugal, nas que figura 673 figuras de animais. A partir do seu traballo propoñen unha datación máis moderna para a representación destes animais. O que estariamos a ver serían motivos do tempo dos castros, reflectindo a relevancia que tiñan os cabalos, e pode que os cervos, para os galaicos da Idade do Ferro.
Segundo os investigadores, cando menos as figuras de équidos (cabalos sós, ou en escenas de monta ou caza) hai que asocialos ao I milenio a.C., é dicir, ao tempo dos castros, tamén coñecida en terminoloxía arqueolóxica como protohistoria ou Idade do Ferro. Para xustificalo, os investigadores poñen en relación a arte galega coa doutras zonas da Península Ibérica e en Europa, así como "a reiterada presenza de gravados de cuadrúpedos en xacementos protohistóricos no noroeste ibérico". De feito, na zona investigada teñen aparecido numerosos achados arqueolóxicos da Idade do Ferro con representacións de cabalos. E non serían as únicas representacións da Idade do Ferro entre tantos paneis de arte rupestre. "Consideramos que os datos actuais sustentan a existencia dun ciclo protohistórico dentro da arte rupestre atlántica, que estaría en consonancia co que sucede no resto do territorio ibérico", afirman os autores.

A datación dos petróglifos galegos ten sido obxecto de controversia académica, entre aqueles arqueólogos que situaban os motivos máis coñecidos na Idade do Bronce e outros, como Manuel Sántos Estévez e outros investigadores, que os levaban cara a Idade do Ferro. Para Xurxo Pereira, Eduardo Méndez e Pilar Prieto, deuse un problema de alcance do estudo. Segundo eles, a interpretación da arte rupestre atlántica estaba ata o momento "axustada a límites administrativos e cunha ausencia sistemática de estudos monográficos globais que ao final foron un obstáculo importante na comprensión global destes motivos. Aceptáronse posturas que vían na arte rupestre galega ou portuguesa un foco independente e sen relación coas dinámicas do resto do territorio peninsular".

Os investigadores tamén apreciaron diferencias rexionais nas representacións de animais, tanto no estilo como nas especies. Deste xeito, ao norte do río Miño hai unha preponderancia de cervos mentres que os cabalos aparecen sobre todo ao sur, na zona do Miño litoral, en consonancia con outras tradicións de diferencias rexionais na arqueoloxía da Idade do Ferro.

Achados arqueolóxicos

Ver serie completa
28/11/2025

Na cerna da Gallaecia romana

As investigacións en Brandomil revelan que o complexo arqueolóxico abrangue 25 hectáreas

03/11/2025

A vila que non chegou a ser

Entre a dilatada secuencia temporal do castelo de Lobarzán, os arqueólogos identifican un poboado altomedieval que non prosperou por motivos descoñecidos

15/10/2025

Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

10/09/2025

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

21/07/2025

Escavar na casa da santa Compaña

Unha intervención arqueolóxica investiga as orixes dun templo altomedieval en Ponteareas

15/07/2025

Moito máis que unha porta

A nova campaña no castro de Montes Claros desvela inxentes traballos na construción do sistema de acceso

Universo culturagalega.gal