Entre o bo e o mellor

A nova campaña no castelo de Portomeiro abre novas incógnitas sobre o recinto civil mellor preservado da Alta Idade Media galega

A nova campaña no castelo de Portomeiro abre novas incógnitas sobre o recinto civil mellor preservado da Alta Idade Media galega
O castelo de Portomeiro. Foto: Castelos no aire.
"Queres ver o bo ou o mellor?", bromea Mario Fernández Pereiro, director da intervención arqueolóxica no castelo de Portomeiro que rematará este venres. Un numeroso grupo de estudantes de Historia traballa na única sondaxe que aínda fica aberta no castelo, antes do remate da campaña este venres. Un pouco máis alá, na parte máis alta da fortificación, unha restauradora consolida unha gran estrutura rectangular que vai ficar visible para os visitantes.

A intervención é parte das iniciativas do proxecto "Castelos no aire", que leva xa bastantes anos investigando nunha das 'zonas de sombra' da arqueoloxía galega, as ata agora moi descoñecidas fortificacións da Antigüidade Tardía e a Alta Idade Media galegas. A intervención está financiada polo proxecto de investigación "Arqueoloxía tardoantiga e altomedieval en Galicia", dirixido polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo, do grupo Síncrisis da Universidade de Santiago, e contan coa colaboración con Tempos Arqueólogos, a Deputación da Coruña e a colaboración dos novos propietarios do castelo, a Asociación Cultural Larada. A entidade adquiriu a finca ao seu anterior propietario, un veciño da aldea de Portomeiro, trala campaña anterior. En canto os arqueólogos rematen a escavación, comezará o desbroce da finca e a instalación de paneis interpretativos explicativos. Pero entrementres, aínda fica traballo por facer.

Nesta primeira sondaxe, situada no centro do sitio arqueolóxico, os estudantes traballan nunha sondaxe na que se revela unha das teimas desta campaña. Ao carón dunha estrutura xa escavada o ano anterior apareceu outra que incorpora no seu interior unha enigmática e alta pía rupestre. O curioso da estancia é que parece ter dous tipos de muros. O que olla cara o sur é modesto e máis pobre. Pero o que olla cara o norte, apenas exhumado durante a intervención, ten unha factura moito máis elaborada e de máis anchura. "Sospeitamos que aquí estamos fronte algún tipo de edificacións auxiliares de algún tipo", sinala Fernández Pereiro. O contraste de execución entre os dous muros é notable, e está a converterse, como logo veremos, nunha das maiores incógnitas do xacemento. Pero a segunda campaña en Portomeiro comeza a revelar outro dato, agardable pero intrigante. As diferentes estancias escavadas parecen ter funcións distintas.


Gran estrutura interpretada como edificio de traballo ou cociña.

Así que, para responder a Mario Fernández, escollemos comezar polo bo e coñecer unha destas intrigas. Gabeamos por uns penedos ata o punto máis alto do castro. Ao abeiro do petón, xurde unha grande construción rectangular, definida polo tipo de muros de peor calidade. A estancia xa está escavada e en vías de consolidación. "Aquí atopamos a que ata hoxe é a maior colección de cerámicas altomedievais galegas", explica satisfeito Fernández Pereiro. "O 90% da cerámica de todo o xacemento", precisa Sánchez Pardo, "son todo olas de cociña". Mario Fernández sinala nun dos recantos. "E alí apareceu o que podería ser unha lareira", co cal estamos a pensar que se trata de algún espazo produtivo ou unha cociña", explican os arqueólogos. Na zona máis alta?, preguntamos. "Ten todo o sentido", explica Francisco Alonso Toucido, técnico de Tempos Arqueólogos, "de este xeito teñen illada a zona de lume no caso de incendio. Os espazos residenciais están máis abrigados". O edificio, xa parcialmente escavado na campaña anterior, corresponde á fase altomedieval do xacemento, unha relativamente curta franxa temporal entre os séculos IX e X. Pouco a pouco, no alto de Portomeiro, estase a conformar o que é ata o momento o sitio arqueolóxico de carácter civil -non relixioso- máis monumental de Galicia. Ata agora, as aldeas ou residencias da época excavadas en actuacións de urxencia en obras públicas implicaban pequenas aldeas ou cabanas rurais con poucas trazas visibles.


Novo edificio con muros de gran calidade.

E agora toca "o mellor", xusto na parte oposta do xacemento e ao abeiro dos ventos. Como moitas das outras estruturas do castelo, parte das súas paredes están conformadas polos propios penedos. Pero nada máis chegar apréciase que a factura dos muros non ten nada que ver cos da 'cociña' visitada xusto antes. Son moito máis grandes, mellor feitos e nun excelente estado de conservación. "Non sabemos que había aquí. Só localizamos algún fragmento de cerámica, pero pouco máis", indica Mario Fernández Pereiro, "aínda que o edificio esténdese cara o norte e podería haber máis información". Non é a única diferencia: os escavadores deron localizado nesta estancia restos do que ata o momento é o único pavimento de xabre de todo o escavado no castelo ata o momento. Pero a diferencia de calidade desta estancia con respecto ás outras do castelo salta á vista desde o primeiro momento, xunto con outro detalle que advertiron os arqueólogos: o seu intrigante paralelo cos muros de orixe romana.

"Esta é unha das nosas novas preguntas de investigación", puntualiza Sánchez Pardo. "Temos dous tipos de técnicas construtivas. A deses outros edificios, de peor calidade, e a deste, que parece lembrar á tradición romana. Son da mesma época ou de momentos distintos?". Este novo edificio, descuberto nesta campaña, permite ver que ou ben o sitio arqueolóxico ten unha secuencia máis dilatada do agardado, ou ben os seus construtores diferenciaban funcionalidades das estancias pola calidade das edificacións.

O Castelo de Portomeiro ten unha primeira fase identificada como castro, con materiais e datacións que o sitúan nun tempo bastante antigo para a época castrexa: entre os séculos V e III a.C. Non está claro se o castro durou cando menos ata o cambio de era, como é moi frecuente. Os seguintes construtores arrasaron con case todo o xacemento prehistórico, do que só son apreciables trazas mínimas de muros e algún material cerámico disperso, coma nun crebacabezas, polo medio dos restos altomedievais. A súa última fase de ocupación tamén está bastante clara: un intenso período que coincide con importantes cambios políticos e sociais na zona. "Cremos que este castelo ten que ver de algún xeito coa emerxencia de Santiago de Compostela como núcleo de poder", indica Sánchez Pardo, "ou con ordes políticas do monarca de Oviedo para controlar esta zona", engade Fernández Pereiro. É un momento no que o poder real tenta fortalecerse mentres os señores da terra comezan a ensaiar o feudalismo. Sexa como for, o castelo foi abandonado por volta do ano 1000 para non volver ser ocupado, o cal apuntala a posibilidade de que a súa construción ou a súa función debía responder a algún tipo de decisión política.

O 'nivel pantasma'
Hai unha fase intermedia na fortificación? Unha sorte de 'nivel pantasma' anterior a esa fase altomedieval? "A muralla está asentada sobre fragmentos de tella", explica Fran Alonso Toucido. O mesmo acontece en moitos outros muros xa escavados, onde parecen aproveitarse materiais dun nivel anterior do que non se dan atopado estruturas. Parece existir algo en Portomeiro que é anterior á fase actual do castelo, pero se tal houbo, as evidencias escápanse. Unha fortificación da Antigüidade tardía? Unha fase altomedieval inicial? Pode ser esa diferencia na factura dos muros a indicación de que o sitio arqueolóxico foi ocupado durante máis tempo do pensado, ou están a revelar aspectos como a división funcional do castelo na mesma época, entre dependencias de servizos e habitacionais? Os indicios non son en modo algún evidencias concluíntes. Esa misteriosa fase intermedia flota no ambiente da escavación arqueolóxica, pero non se dá materializado.

Canto máis se investiga no castelo de Portomeiro, máis preguntas xorden. Mario Fernández Pereiro e José Carlos Sánchez Pardo xa as teñen anotadas na axenda para a campaña do ano que vén.