Levar a casa para o outro mundo

A escavación dun sartego antropomorfo no xacemento do Preguntoiro (Pantón) confirma a práctica de rituais de fonda raíz familiar na Alta Idade media galega

27/12/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: historiapatrimonio
98 lecturas | Compartido 0 veces

Ofrenda no interior dun sarcófago. Foto: equipo arqueolóxico

Tras catro campañas no xacemento do Preguntoiro (Pantón), os arqueólogos comezan a ter clara a secuencia de uso deste xacemento medieval, abandonado na mesma Idade Media. Ata o momento, os investigadores identificaron a capela de san Xoán Degolado, unha necrópole de sartegos rupestres e evidencias dun uso habitacional do espazo anterior, que vinculan a un posible eremitorio ou un espazo relixioso altomedieval. Pero na nova campaña, os investigadores adentráronse aínda máis nas connotacións simbólicas deste espazo con novos achados. A campaña, baixo a dirección de Xurxo Ayán e a coordinación de Sonia García, contou co financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura.
Nesta campaña os arqueólogos atoparon un sartego antropomorfo adicional aos que xa eran coñecidos neste antigo recinto cultual presidido pola capela de san Xoán Degolado, que xa fora abandonada na propia Idade Media, e unha coñecida inscrición a un Asterigo que posiblemente foi un dos primeiros abades do mosteiro de san Vicenzo de Pombeiro, no século X. En Galicia estes sartegos na rocha son relativamente habituais, pero chegaron a nós espoliados, coas tampas abertas ou xa sen depósitos arqueolóxicos no seu interior. É dicir, non se podía acceder ao cadáver que fora alí depositado e, sobre todo, ao xeito no que fora colocado nese lugar. Pero o equipo arqueolóxico liderado por Xurxo Ayán tivo sorte desta volta. "Este sartego é un caso único", explica Ayán no informe valorativo, "porque para a Ribeira Sacra só tiñamos depósitos secundarios, é dicir, materiais que chegaron ao sartego posteriormente, nalgúns sartegos, coma nos Conventos (A Pobra do Brollón) ou en Barxacova (Parada de Sil), pero ata agora nunca un contexto funerario primario". Esta ollada ao interior do sartego permitiu observar algo que a Ayán xa lle era coñecido. Alí dentro non estaban só os restos dun cadáver. Canda algúns materiais óseos, os arqueólogos atoparon un depósito de tellas na parte central e costado do enterramento, aparentemente de factura local. E, polo interior da tumba, dispersos, cinco seixos brancos. Para máis, a tumba tiña por riba indicios dunha fogueira da que se recollleron mostras para a súa datación e análise. Ayán non ten dúbida de que se trata dun depósito ritual no interior da tumba, e ponno en relación con achados similares que atopou no castro de san Lourenzo, onde a intervención na necrópole altomedieval tamén amosou que os defuntos parecían soterrarse cun rango amplo de cinzas, escouras de ferro, dentes de animais ou mesmo rodas de muíño. A xeito de hipótese, considera que estas tellas teñen que ver co propio contexto vital do morto e unha práctica, documentada na Europa medieval, como no mundo carolinxio ou británico, de soterrar os mortos con anacos da casa na que viviron ou pertenceron. Detrás disto está un profundo cambio cultural. "Nestes séculos IX a XII, nos que temos documentada esta necrópole, a materialidade dos corpos era importante, de aí o coidado na construción das tumbas", explica Ayán, "estes son restos que reflicten crenzas atávicas, nas que conflúen crenzas prerromanas, romanas e mesmo priscilianistas". A partir dos séculos XII e XIII a Igrexa tomará cada vez máis control sobre os rituais de inhumación, ata o momento en mans das familias. E será neste momento cando este tipo de ofrendas e rituais comece a desaparecer, aínda que nunca de todo. Pía ao carón da que se explorou a posible zona de enterramento infantil Estrutura cistoide con posible enterramento infantil A intervención tamén abordou outro dos elementos característicos do Preguntoiro, ben visible antes mesmo da intervención arqueolóxica. Unha gran pía labrada na rocha cunha cruz no seu interior. Aos investigadores chamáballes a atención que os construtores da capela respectaran tanto a pedra coa inscrición de Asterigo como esta pía, así que interviron ao seu redor, conscientes do valor simbólico deste espazo e do simbolismo das augas na cultura tradicional galega. A intervención documentou como todo o espazo, no que afloraba a rocha, tiña rebaixes, pero que tamén aparecía unha estrutura "cistoide" apoiada contra o afloramento rochoso, "idéntica á identificada en 2023 e moi próxima a ela". No interior da cista atoparon "terra orgánica negra e no fondo unha peza lítica de procedencia foránea, un coio riarengo pulimentado". A hipótese que manexan os arqueólogos é que se trate dun cementerio infantil, de neonatos, ao xeito doutros exemplos similares na cultura tradicional galega.

Achados arqueolóxicos

Ver serie completa
28/11/2025

Na cerna da Gallaecia romana

As investigacións en Brandomil revelan que o complexo arqueolóxico abrangue 25 hectáreas

03/11/2025

A vila que non chegou a ser

Entre a dilatada secuencia temporal do castelo de Lobarzán, os arqueólogos identifican un poboado altomedieval que non prosperou por motivos descoñecidos

15/10/2025

Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

10/09/2025

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

21/07/2025

Escavar na casa da santa Compaña

Unha intervención arqueolóxica investiga as orixes dun templo altomedieval en Ponteareas

15/07/2025

Moito máis que unha porta

A nova campaña no castro de Montes Claros desvela inxentes traballos na construción do sistema de acceso

Universo culturagalega.gal

21/11/2023

Tumbas na porta da casa

A terceira campaña do Preguntoiro constata unha ocupación doméstica do século X previa á capela

03/11/2025

A vila que non chegou a ser

Entre a dilatada secuencia temporal do castelo de Lobarzán, os arqueólogos identifican un poboado altomedieval que non prosperou por motivos descoñecidos