A necrópole e capela do castro de San Lourenzo. Foto: Proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo

A procesión chega á croa do castro. Foto: Proxecto Arqueolóxico
O paradoxo era aínda máis grande ao observar que a situación cambiaba totalmente a partir da toma de control do territorio da parroquia polo bispo de Lugo no século XIII. Da absoluta invisibilidade, Cereixa pasaba a converterse nun dos territorios máis documentados para o final da Idade Media. "É un exemplo de como a arqueoloxía pode axudar na Idade Media a desvelar realidades que, por moitos motivos, non figuran na documentación que conservamos", explica Xurxo Ayán.
Carbóns, dentes e ferros
Esa realidade amosada pola arqueoloxía vai máis alá da confirmación da existencia de comunidades fóra do control dos principais axentes eclesiásticos da zona, como Cereixa. Novos resultados de analíticas confirman a existencia dun rico universo de prácticas rituais funerarias neste camposanto altomedieval, que van máis alá do propio control da propia Igrexa e conectan a vida dos campesiños medievais coa herdanza pagá do campo galego. As sucesivas campañas de escavación foron promovidos pola Asociación Cultural local María Castaña e contaron coa colaboración das diferentes entidades públicas tanto locais, como provinciais ou autonómicas.
Case desde o inicio das escavacións na necrópole do castro de San Lourenzo aos arqueólogos chamoulles a atención que no interior das tumbas había fragmentos de carbón vexetal. Nalgúns casos nos que as tumbas non colapsaran e conservaban aínda o espazo baleiro entre o finado e as lousas, podíase ver a simple vista unha presenza enormemente significativa de cinzas de carbón vexetal cubrindo os defuntos. Nalgúns deles, ao carón dos seus corpos, aparecían tamén outros restos anómalos. Desde os dentes dun herbívoro e dun can, doas de pasta vítrea ou mesmo un quilo de escoura de ferro rodeando a cabeza dun dos defuntos. Ayán decidiu tomar mostras deses carbóns en 22 das tumbas. Grazas a unha subvención da Deputación de Lugo, as mostras acaban de ser analizadas pola arqueóloga María Martín Seijo, especialista en antracoloxía (especialista no estudo de restos de madeira e vexetais) do grupo SCOPE da Universidade de Cantabria. "É un dos primeiros exemplos nos que se analizan cientificamente estes carbóns de enterramentos en toda a Península Ibérica", sinala Ayán.
Os carbóns revelaron que esas cinzas mesturadas cos corpos dos mortos de Cereixa procedían dunha enorme diversidade de especies: a máis frecuente é o carballo, seguindo de leguminosas, sobreiras, castiñeiros, nogueiras, abeleiras, salgueiros ou prunos como as ameixeiras, así como arbustos como roseiras, breixos ou fabas. É como se queimaran e meteran toda a paisaxe da parroquia dentro das tumbas. "Coñecemos o ecosistema da contorna do castro e mesmo o seu uso no Antigo Réxime", explica Ayán, "o xacemento goza dun microclima que permite a aparición de sobreiras, que aínda se conservan, pero entre as especies detectadas tamén hai árbores das ribeiras, froiteiras e vides. Esa variabilidade tan grande non se daba no interior do antigo castro abandonado cando se enterraba alí na Alta Idade Media", explica o arqueólogo. Para el, o depósito das cinzas é contemporáneo do propio enterramento e non se debe a un proceso posterior. "as tumbas están un metro de profundidade, por riba temos a capa vexetal, os derrubes da ermida, sedimentos e un nivel de selado formado por gravas e pequenos cantos rodados. É difícil pensar en filtracións de carbóns recentes. E contamos coa datación dun deses carbóns e é coetáneo do propio enterramento".

Unha das tumbas analizadas cos carbóns visibles.
Paralelos na Europa atlántica
Ayán buscou paralelos, e non foi difícil atopalos. Noutras necrópoles altomedievais do norte peninsular, en Asturias, Cantabria ou en Euskadi, pero tamén no ámbito inglés ou francés, aparecían mortos soterrados con carbóns. No ámbito merovinxio, o investigador Edouard Sallin vinculaba estes achados con fogueiras rituais nas proximidades das tumbas e co depósito na tumba de cinzas do lar para acompañar ao defunto ao alén. Aínda que en Cereixa non foron atopadas evidencias de fogueiras nas proximidades da necrópole, Ayán considera que toda esa cinza provén das lareiras das casas das aldeas de abaixo. "Estas son prácticas levadas a cabo polos parentes do defunto. A casa é o símbolo identitario, tal e como acontece na Galicia rural de hoxe en día. Estes carbóns poden proceder dos fogares domésticos, como un xesto que simboliza o vencello entre a casa dos vivos e dos mortos", explica Ayán. Non é a única conexión. En numerosas tumbas aparecen, entre as tampas que fechan os enterramentos, bargos de lousa da cuberta das casas. Identifícanse por seren lousas cun pequeno furado que permitía suxeitala ao tellado. Os mortos enterrábanse cun anaco da súa vida, das casas nas que viviran e das súas memorias familiares.
Un cristianismo de antigos recordos
"Nas tumbas de San Lourenzo fican estes restos que reflicten crenzas prerromanas, romanas e mesmo priscilianistas, propias dun cristianismo popular anterior ao invento do Purgatorio e a afirmación teolóxica da superioridade da alma sobre o corpo. Son prácticas paganizantes", conclúe Ayán, "neses séculos IX ao XII a materialidade do corpo era importante". Colares, restos de dentes animais, escouras e cinzas acompañaban ao defunto na súa viaxe ao alén, achegándolle as súas propiedades simbólicas. Nunca ata agora, en ningunha necrópole galega medieval, se atopara un repertorio tan amplo de prácticas rituais funerarias alén dos ritos funerarios tradicionais da Igrexa.
A necrópole do castro de San Lourenzo clausúrase ao redor do século XII, cando os poderes feudais van tomando conta do espazo de Cereira. Fúndase a igrexa no val e os enterramentos abandonan o castro para realizárense baixo un control eclesiástico máis estrito, ao carón da Igrexa. Pero o castro continuou ben presente na memoria local ao longo dos séculos. Tanto é así que no século XV, os veciños volveron á croa para erguer a ermida de San Lourenzo, tamén escavada polo proxecto, sobre a antiga necrópole. Os arqueólogos atoparon un único enterramento, ben preservado, asociado a ese templo baixo medieval. Un home a quen soterraran no interior do edificio, que tivera unha boa alimentación e posiblemente pertencera á elite local. Pero aquela última tumba, construída tres séculos despois da clausura da necrópole altomedieval, reflectía un universo cultural distinto e máis coñecido en Galicia. Nada acompañaba ao morto no seu enterramento. Nin carbóns do lar, nin doas, nin ofrendas. A casa, a súa vida e a memoria dos seus ficaran para sempre alá embaixo, no val.







