Un castro para dous (ou máis) tempos

A nova campaña no Castelo dos Mouros (Ons) revela a muralla do castro e os niveis máis antigos do xacemento

10/10/2024 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniohistoria
39 lecturas | Compartido 0 veces

Vista da zona excavada. Foto: GEAAT/ Uvigo

Na illa de Ons o perfil da illa permite descubrir, ao sur da illa, un impoñente castro que destaca polas súas grandes murallas. É o Castelo dos Mouros, un castro que, xunto coas factorías romanas do Canexol, que se atopan nas proximidades, sobre a praia, configuran un importante polo arqueolóxico no Parque Nacional das Illas Atlánticas. As últimas escavacións no castro, levadas a cabo este verán, permiten ter indicios da longa duración do xacemento e a súa prolongada duración, desde os inicios da segunda Idade do Ferro ata o final do Imperio romano.
Non hai moitos castros da costa galega nos que se continúe habitando de xeito continuo desde o século IV a.C. en plena Idade do Ferro, ata os séculos IV ou V d.C., no remate do Imperio romano. Pero o Castelo dos Mouros, na illa de Ons, parece que tivo unha vida ben prolongada. Alba Rodríguez Novoa, investigadora do grupo GEAAT da Universidade de Vigo e directora da intervención arqueolóxica no Castelo dos Mouros, cre que a existencia da factoría de salga e púrpura na próxima praia do Canexol tivo que ver. "Observamos materiais e cronoloxías similares nos dous xacementos, no castro e na factoría", explica, "así que é posible que o castro fora habitado polos traballadores da factoría". As evidencias apuntan a que o poboado foi abandonado progresivamente: "non atopamos indicios de que o poboado teña sufrido algún ataque ou destrución violenta", explica, "e hai que ter en conta que cando o Castelo dos Mouros o veciño porto de Vigo está moi activo". As primeiras intervencións descubriran casas romanas, curiosamente escadradas dun xeito que tende a oblícuo.


Vista cenital da zona excavada, onde se poden apreciar as casas de época romana (dereita) e as cabanas circulares anteriores. Foto: GEAAT/ Uvigo


Unha fundación antiga
En anteriores campañas arqueolóxicas, que son financiadas pola Xunta de Galicia como parte da estratexia de posta en valor do Parque Nacional, os arqueólogos decatáronse de que por baixo das casas romanas –nas que apareceu agachado un espectacular tesouro de máis de trescentas moedas -, aparecían cabanas circulares sobre as que se superpuñan tamén niveis romanos. Así que a campaña deste ano centrouse, por unha banda, en tentar coñecer as orixes do xacemento nos seus niveis fundacionais. "Practicamos unha sondaxe de dous metros de profundidade por debaixo das cabanas redondas", explica Rodríguez Novoa. A intervención obtivo indicios dun posible nivel fundacional nos inicios da Segunda Idade do Ferro, ao redor do século IV a.C. A intervención puido amosar a complexidade da vida e das transformación sociais ao longo de oitocentos anos de historia. Se no nivel superior aparecían as cerámicas romanas propias dos séculos centrais do Imperio, conforme se achegaban ao cambio de era estaban moi presentes os materiais de importación da Bética romana, como ánforas. Máis abaixo documéntase a cerámica de importación púnica, propios dos castros das Rías Baixas ao redor dos séculos III-II a.C. Máis abaixo, nos estratos inferiores, aparece unicamente cerámica indíxena. "Hai moitísimos materiais de importación", insiste a arqueóloga, "e amosa que Ons está no centro dunha gran dinámica comercial".


Vista frontal da muralla. Foto: GEAAT/ Uvigo

Na intervención arqueolóxica revelouse un tramo importante de muralla. "Foi unha campaña dura, polo impacto do vento e polo estado de conservación da muralla", explica Alba Rodríguez, "caíannos ollos do muro". Os datos resaltaron unha estrutura monumental construída como en tres chanzos, e que tamén amosaba os cambios culturais e sociais sucedidos entre a idade do Ferro e a época romana. "Observamos que as cabanas da Idade do Ferro deixan un espazo de circulación en relación á muralla, pero as de época romana toman a muralla para construír parte da casa", apunta a arqueóloga. A estrutura defensiva está conformada por dous tipos de pedra distinta, máis miúda no interior.

Para posibles vindeiras campañas, o equipo arqueolóxico quere seguir traballando nestes dous polos que parecen formar parte do mesmo: o complexo industrial romano de salga e púrpura e o castro. O problema é que as factorías de salga teñen data de caducidade: a erosión mariña sobre os cantís da praia do Canexol van rematar co xacemento.


Ánfora de importación da Bética. Foto: GEAAT/ Uvigo

Cousa de dous
Non é tan frecuente en Galicia poder observar unha factoría de salga e un vello castro cuxas vidas discorreron en paralelo. "É que moitas veces parece que se presentan aos galaicos da Idade do Ferro e a sociedade romana como algo oposto, ou como dúas épocas totalmente distintas, pero o que estamos a ver aquí é unha cultura galaicorromana", explica contundentemente Rodríguez.
O que se pode observar nas escavacións de Sálvora e Ons son procesos paralelos que parecen seguir a mesma dinámica. Ao redor do século I d.C., nas primeiras etapas da dominación romana, a cerámica indíxena é moi abundante e convive gradualmente coa importación de materiais procedentes do sur de Hispania ou de Italia. No caso de Ons, nas proximidades da factoría romana tamén aparecen materiais galaicos dese cambio de era, aínda que Alba Rodríguez é cauta á hora de determinar a función desas estruturas. O que si revelan é que, como noutras partes de Galicia, non hai unha ruptura cultural, cando menos nos útiles cotiás, entre o mundo indíxena e a nova norma romana. Na construción e explotación das novas factorías mariñas parecen estar os galaicos, xa incipientes galaicorromanos. Aínda que falta moito por investigar, o esforzo da primeira gran explotación a gran escala do mar galego foi cousa de dous.
Para saber máis

Achados arqueolóxicos

Ver serie completa
28/11/2025

Na cerna da Gallaecia romana

As investigacións en Brandomil revelan que o complexo arqueolóxico abrangue 25 hectáreas

03/11/2025

A vila que non chegou a ser

Entre a dilatada secuencia temporal do castelo de Lobarzán, os arqueólogos identifican un poboado altomedieval que non prosperou por motivos descoñecidos

15/10/2025

Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

10/09/2025

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

21/07/2025

Escavar na casa da santa Compaña

Unha intervención arqueolóxica investiga as orixes dun templo altomedieval en Ponteareas

15/07/2025

Moito máis que unha porta

A nova campaña no castro de Montes Claros desvela inxentes traballos na construción do sistema de acceso

Universo culturagalega.gal

23/12/2021

Un castro entre dous mundos

Datacións presentadas hoxe revelan que o castro de Penas do Castelo (A Pobra do Brollón) é un dos máis antigos de Galicia