Muro perimetral que rodea a sauna. Foto: Emilio Ramil

A intervención arqueolóxica explorou a zona á dereita da sauna nesta foto. Foto: E. Ramil
Un barrio por debaixo da sauna
Os resultados confirmaron as sospeitas dos arqueólogos dun xeito moi claro. "Un metro por debaixo da sauna apareceron restos de catro muros que son claramente de estruturas domésticas circulares. E en dirección cara o norte, cara a terraza inferior, saíron tres muros máis correspondentes a outras estruturas circulares". Dito doutro xeito, o espazo no que se construiu a sauna no século III a.C. fora totalmente remodelado. Quitaron as vivendas que alí existían para construír un espazo monumental ao carón da porta da entrada do poboado. "O material que nos aparece nestas unidades domésticas é dos séculos IV-V a.C.", explica o arqueólogo, "tivo que suceder un cambio importante no castro porque evidentemente a construción da sauna significou un deseño dun espazo novo, un cambio de uso e de función absolutos para ese lugar".

Estruturas por debaixo do nivel da sauna. Foto: E. Ramil
Con todo, nesa reorganización do espazo hai un aspecto que intriga a Emilio Ramil: un muro que non parece ter unha gran calidade pero que rodea todo o espazo. "Hai unha especie de valado que, cando ti o miras, parece moderno, pero non o é. Está cimentado xusto sobre os restos das cabanas que quedaron por debaixo da sauna", explica. Nas fotografías, pódese ver que se trata dun muro cunha certa identidade. "É dicir, ese valado non se fixo despois dun abandono de séculos, parece contemporáneo ao monumento con forno, como delimitando ese espazo". Non é doado, polo momento, saber moito máis sobre esta estrutura que podería ter coa organización dese espazo, separando a sauna do seu contorno. Non ten ningún equivalente, polo momento, nos castros do noroeste. "A canle de desaugue da sauna pasa por debaixo dese valado, así que tal e como está ese espazo, polo momento non podemos destruíla para saber por onde se está a canalizar a auga do monumento", explica Ramil. "Por certo, tamén nos apareceron numerosos croios rubefactados que deberon ser usados na sauna".

Zona da intervención arqueolóxica. Foto: E. Ramil
A controversia das datacións das saunas galaicas
Os monumentos con forno son das arquitecturas máis intrigantes e significativas da cultura do noroeste peninsular na Idade do Ferro. Aparecen sobre todo no norte, na franxa cantábrica, e tamén entre o Miño e o Douro, con algunhas pequenas diferencias entre elas. Durante moito tempo, os investigadores se teñen detido en comprender a súa cronoloxía, xa que se consideraron durante décadas como arquitecturas de influencia romana. As datacións absolutas con C14 desbotaron esa posibilidade na maior parte dos casos, e sitúan a fundación de moitas destas saunas ao redor dos séculos IV ou III a.C. A partir dese momento detéctanse sucesivas remodelacións e reparacións que revelan a importancia que tiñan estes edificios para os habitantes dos castros, e que adoitan chegar ata a época imperial romana, no que os de uso máis tardío esmorecen ao redor do século II d.C.
Con todo, O Sarridal engade un dato novo para comprender o proceso de construción destes monumentos e o seu impacto nas comunidades galaicas: cando menos na franxa cantábrica de Gallaecia polo momento é a primeira sauna da Idade do Ferro que para ser construída tivo que derrubar un entramado anterior de cabanas aparentemente domésticas. O dato revela que por volta do século III a.C., no Sarridal alguén –sexa ese alguén singular ou colectivo- tiña capacidade e intención de transformar un espazo no que vivían as persoas para construír un monumento. Quen o fixo, con que intención e a que custe, as pedras aínda non son capaz de contalo.









