Toda a historia que pode entrar en 16 hectáreas

Un recinto arqueolóxico en Vilar de Barrio permite identificar unha colosal fortificación da Idade do Bronce e un asentamento temporal ligado ao primeiro dominio romano da Limia

Un recinto arqueolóxico en Vilar de Barrio permite identificar unha colosal fortificación da Idade do Bronce e un asentamento temporal ligado ao primeiro dominio romano da Limia
Ilustración para os paneis interpretacións do Castelo. Autor: Miguel Robledo, asesoría científica de Solventa / Concello de Vilar de Barrio
"Téñome que mover en 4x4 para ir de sondaxe en sondaxe, dentro do mesmo recinto arqueolóxico, porque senón perdo o día!". Así explica cunha brincadeira Martiño X. Vázquez, arqueólogo da empresa Solventa (Grupo Cooperativo Xeitura) as extraordinarias dimensións dun xacemento que sorprende e pon ao límite cada día ao equipo que está a traballar nel. Vázquez é o director da intervención arqueolóxica no descomunal recinto fortificado do Castelo (Vilar de Barrio, Ourense) que, con dezaseis hectáreas de extensión, constitúe un dos complexos arqueolóxicos de maior dimensión da provincia. Por dar unha referencia, o castro de Baroña (Porto do Son) apenas supera as dúas. Con todo, o tamaño de O Castelo non é o maior dos desafíos do proxecto. En toda esa superficie, os arqueólogos atoparon un auténtico crebacabezas de épocas e usos. As sucesivas campañas levadas a cabo no sitio e os resultados das últimas datacións, chegados a semana pasada, permiten aclarar xa un esquema xeral do que foi sucedendo neste xacemento localizado no borde da antiga lagoa de Antela.




É mellor explicalo, antes de nada, cunha imaxe que nos permita entender termos unha visión de conxunto do que se vai contar neste texto. Este grupo de outeiros está cinguido por unha gran muralla. Tras ese recinto interior, na zona superior atópase un castro, que conta co seu propio sistema defensivo. E, nalgún punto deste recinto, un castelo medieval aínda non identificado. De todos estes lugares imos falar nesta reportaxe.

Os resultados sinalan que a enorme muralla exterior, de case dous quilómetros de tamaño, foi construída entre os séculos XIII-IX a.C., en plena Idade do Bronce, converténdose na primeira fortificación desta escala documentada en Galicia, con dimensións para ese período ata agora só coñecidas, na Península Ibérica, en áreas mediterráneas. Na zona superior do recinto documéntase un castro de murallas monumentais. Pero sobre el aparece outro fenómeno pouco frecuente: as testemuñas dunha intensa e curta ocupación romana, posiblemente militar, vinculada aos primeiros momentos do dominio romano sobre a Limia, no século I d.C. Por se fora pouco, poden existir evidencias de minería e aínda ten que aparecer un castelo medieval que figura, con moita claridade, na documentación da época.

Unha enorme fortificación
"O proxecto comezou en 2018 cando os investigadores Rebeca Blanco-Rotea e João Fonte estaban á procura de recintos altomedievais empregando unha estratexia de teledetección, e localizaron unhas grandes murallas", explica Vázquez, "viñeron ata aquí e confirmaron que era un sitio moi interesante pero cheo de vexetación e era difícil ver algo". O equipo de Solventa estaba traballando xa na posta en valor doutro xacemento de Vilar de Barrio, pero cando tiveron coñecemento do informe polo concello, puxeron en marcha un plan de traballo. "Deseñamos unha estratexia de sondaxes tanto nesa muralla exterior como noutros puntos do xacemento para valorar o que alí había", explica Martiño X. Vázquez. As intervencións vanse sucedendo desde entón, cun equipo hoxe en campo coordinado polo arqueólogo Manuel García Cabo. En 2021 practicouse a primeira, repartíndose as sondaxes con distancias mesmo dun quilómetro entre elas. O obxectivo era calibrar a que se enfrontaban nun recinto tan grande. Era todo do mesmo período ou había diferentes situacións, épocas, tipos de estruturas? Os resultados foron positivos. "A partir de aí as expectativas medraron moito porque confirmabamos un xacemento arqueolóxico enorme, de 16 hectáreas", explica Martiño Vázquez. Isto situaba ao Castelo como o recinto arqueolóxico de maior envergadura da comarca e un dos maiores da provincia de Ourense. As campañas arqueolóxicas están a ser asumidas economicamente desde entón polo concello de Vilar de Barrio, combinando financiamento propio e as liñas de subvencións da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e de AGADER. O obxectivo é poñer en valor o xacemento para a súa rendibilidade turística, escavando e restaurando as diferentes áreas que se investigan. Un estudo documental permitiu obter tamén datos sobre as fases históricas de toda esa área.




O castro e a muralla. Foto: Solventa

Unha enorme cantidade de ánforas
En 2022 os arqueólogos continuaron os traballos nalgunhas das zonas abertas na campaña anterior. Nunha sondaxe practicada no castro que está na zona superior aparecera unha cabana recoñecible como propia da cultura castrexa e unha conta de colar oculada "como das púnicas, pero máis tardías". Tamén aparecía algún material do cambio de era. Un ano despois determinadas evidencias comezaron a dispararse na escavación. "Apenas en vinte metros cadrados apareceu unha enorme cantidade material cerámico todo similar. Todo eran ánforas da Bética, do sur peninsular", explica Vázquez, "é dicir, o castro tiña un rexistro anfórico tan denso como parecía o castro das Rías Baixas da altura. Parecía o Trega". O director fai referencia aos xacementos costeiros nos que nas últimas décadas se está a documentar un intenso comercio cos establecementos púnicos e romanos do sur de Hispania nos séculos previos ao dominio efectivo romano sobre Gallaecia. Tal cantidade de material de importación Martiño X. Vázquez non a tiña visto -nin lido- nos castros ourensáns, especialmente para unha cronoloxía tan temperán como o cambio de era. Estaba claro que alí pasaba algo raro, que confirmou a sorpresa dos propios especialistas en cerámica do equipo, os arqueólogos da Universidade de Vigo Adolfo Fernández e Alba Antía. Eles liderarán toda a investigación sobre estas inxentes cantidades de ánforas que no seu día transportaron aceite, viño ou outros produtos.


Flecha trilobulada romana. Foto: Solventa

Un establecemento temporal romano para a primeira organización do territorio
Pero todos aqueles anacos de ánforas localizados no castro ían máis alá, como confirmaron ao estender tamén as sondaxes nas zonas inferiores do recinto arqueolóxico, por debaixo do castro pero dentro de aquela gran muralla perimetral. Aquí e alá, separados por distancias grandes, en diferentes pequenas sondaxes aparecían moitos máis fragmentos de ánforas. Todas coincidían no período coas que se atopaban no alto do castro, o cambio de era. Pero aquí abaixo non había estruturas domésticas asociadas. Centos de ánforas procedentes da Bética, actual Andalucía, estradas ao longo de hectáreas de recinto. E isto é moi pouco frecuente: o habitual é que os materiais de importación pasen a formar parte dun rexistro arqueolóxico da vida cotiá, na que hai fogares domésticos, cerámica indíxena, muíños de man, outros obxectos. Mesmo tamén cerámica sigillata, unha cerámica romana de luxo e usos máis decorativos que as propias ánforas. E aínda que se atopaban algúns fragmentos de cerámica indíxena, o gran peso dos achados eran esas ánforas. Intrigantemente, outros obxectos que comezaron a aparecer foron chatolas de caligae, as sandalias habituais no exército romano e algunhas armas, como unha flecha trilobulada, tamén asociadas aos militares romanos.

Nestes momentos os arqueólogos traballan coa hipótese de que estamos ante un lugar que narra un episodio crítico da historia galega: os primeiros momentos da ocupación do territorio por Roma. "Isto sucede nalgún momento entre cando Décimo Xuño Bruto pasa o río Lethes, no século II a.C. e o forte Aquis Querquernnis, que se funda en Bande no século I d.C. Nese intermedio este xacemento estoupa e despois desaparece", explica Martiño Vázquez. "Cremos que ten que ver coa posición estratéxica entre os vales do Limia e de Maceda, así como a saída cara o Arnoia, e este lugar actúa como un pivote entre todas esas áreas. Na zona de Maceda Roma practicou unha extracción mineira moi potente". É como se aquí se establecera o exército nun primeiro paso, formando a primeira Civitas Limicorum, a capital desta zona da Limia. Logo se establecería na actual Xinzo de Limia, onde se conservan numerosos restos romanos.
Para o arqueólogo, o feito de que despois se instalara nestes outeiros o castelo medieval de San Xoán de Bara suliña o valor estratéxico deste espazo ata o que case chegaban, no seu tempo, as augas da lagoa de Antela. Unha ilustración de Miguel Robledo encargada polo equipo ilustra xa os novos achados: un continxente de lexionarios custodia un cargamento de ánforas e controla o acceso á fortificación.

O achado engade novos matices á presenza militar romana que se está documentando nos últimos anos en Galicia, coa presenza de campamentos temporais romanos vinculados á conquista e control do territorio, pero nos que non aparece esa materialidade anfórica, senón achados máis propios dun exército en marcha. Parece indicar unha segunda etapa neste proceso, cando o poder romano comeza a tomar control do territorio pero todo está aínda por definir.

O enigma das murallas
Un dos elementos máis singulares de todo o recinto arqueolóxico é esa enorme muralla de dous quilómetros que cingue todo o conxunto de outeiros. A hipótese inicial puña sobre a mesa a posibilidade de que fora construída en época tardoantiga, polas súas semellanzas con fortificacións similares noutras partes de Galicia. Porén, os investigadores estaban intrigados porque o que se atopaban no recinto non parecía encadrarse cun mundo galaicorromano tardío. Por unha banda, estaba todo o conxunto de ánforas do cambio de era, que apuntaban a un enorme continxente militar romano. Por outra, desde o primeiro momento chamaba a atención que o recinto inferior tiña moitas laxes cuns curiosos furados labrados na pedra, e que parecían formar coma o negativo de estruturas feitas con materiais perecedoiros que desapareceran. De feito, había tal número de pedras con gravuras perforadas que os veciños hai anos lle chamaban o "monte dos buracos". Na memoria local fica que moitos deses furados foron tapados xa que o monte era de pastoreo e os animais podían introducir accidentalmente as patas neles.

Para Rebeca Blanco Rotea, especialista en sistemas defensivos, observar aquelas estrañas estruturas sobre as pedras lle fixo preguntarse se as murallas que as rodeaban tiñan algo que ver. "Tiñamos dúas hipóteses sobre a muralla", explicaba Rebeca Blanco Rotea, "unha é que poida ser tardoantiga. E logo está a outra", di entre risos. As intervencións no interior do recinto protexido por esta estrutura revelaron que ademais desas curiosas gravuras nas pedras, se documentaban restos doutras. "Nas sondaxes nesas zonas tamén atopamos tamén algúns fondos de cabana", explicou Martiño X. Vázquez, o cal parece apuntar a que ese recinto exterior tan grande tivo algunhas vivendas nalgún momento.

A gran fortificación da Idade do Bronce
A fins da semana pasada chegaba a batería de datacións desa misteriosa muralla, remitidas por Jorge Sanjurjo, profesor da Universidade da Coruña e director do Grupo Interdisciplinar de Patrimonio Cultural e Xeolóxico, o equipo que nos últimos anos está facendo enormes avances na datación de estruturas arqueolóxicas en Galicia. "Conseguimos ter datacións da muralla con cronoloxías absolutas", explica Martiño X. Vázquez, "é dicir, temos dous métodos cruzados, o C14 e a datación por OSL, e tomamos mostras en diferentes puntos da muralla para estarmos seguros de poder coñecer o seu momento fundacional". Aínda así, Vázquez pensa ben as palabras antes de resolver o enigma. "Esta primeira fortificación foi construída entre os séculos XIII e IX a.C. É dicir, estamos nos castros antes dos castros", explica non sen unha certa emoción. "É a primeira fortificación desta escala e antigüidade localizada en Galicia", explica Rebeca Blanco Rotea, que consideraba o Bronce como a outra posibilidade posible.

Aínda que nalgúns castros do noroeste peninsular se documenta a construción dos seus recintos de finais da Idade do Bronce, ao redor dos séculos IX-VIII a.C., ata o momento nada tiña esta antigüidade nin estas dimensións. Unha fortificación de 16 hectáreas construída hai máis de tres mil anos. A envergadura do recinto lembra as fortificacións prehistóricas de épocas próximas no sur e levante peninsulares. "O que estamos vendo agora", explica Martiño X. Vázquez, "é se eses fondos de cabana e esas estruturas rupestres teñen que ver con esta muralla da Idade do Bronce". Porque este é outro dos aspectos fascinantes de O Castelo. Algúns deses buracos nas laxes do monte forman estruturas ovais que lembran ao tipo de cabanas coñecidas como long houses, unhas grandes cabanas lonxitudinais que se atopan por toda Galicia nos poboados da Idade do Bronce. De feito, esas estruturas nas pedras teñen moito parecido con outra da parroquia de Adai (Lugo) e que recentemente se ten identificado como unha destas long houses.
Non marchen que aínda hai máis: un desafío non só científico, senón tamén loxístico, no que se atopa metido o equipo arqueolóxico nestes momentos. Recapitulemos: ata agora no Castelo de Vilar de Barrio localizouse un enorme recinto fortificado da Idade do Bronce, posiblemente reutilizado de forma temporal un milenio despois, no cambio de era, por un continxente romano vinculado ao establecemento do novo poder na Gallaecia, un prominente castro da Idade do Ferro no alto e un castelo medieval aínda por descubrir. Pero hai unha estrutura que trae de cabeza os investigadores: o Buraco dos Mouros.





Un túnel por escavar
"É como unha especie de túnel escavado na rocha que ten unha enorme cantidade de lendas", explica Martiño X. Vázquez. "Comezamos a traballar nel na procura do castelo medieval, se estaba tería que ser aquí". O túnel tiña ao seu redor estruturas, pero ao intervir nelas, decatáronse de que non pertencían ao castelo nin á Idade Media. "De novo estabamos no horizonte temporal de todas aquelas ánforas das outras zonas, no cambio de era. Aquí apareceron catro estancias, e unha delas mesmo conservaba un silo enorme de cereal no chan, e algunhas lareiras, aínda que parece que teñen carácter estacional. Os materiais descubertos con claramente romanos, aínda carece de tégula e os muros teñen unha boa factura interna pero mala cara o exterior", explica o arqueólogo. O espazo tamén ofreceu pezas singulares, coma un lintel cunha sorte de labirinto gravado. Ao carón destas estruturas está o túnel.



"Contactamos con expertos en minería romana para que nos deran a súa opinión sobre o espazo, xa que tiñamos tanto material romano alí. Observabamos que no interior do túnel, nun lateral, había uns pequenos rebaixes. O arqueólogo valdeorrés Santi Ferrer, especialista en minería romana, tívoo claro cando os mirou. Para el, son lucernarios de época romana". A hipótese de que a cavidade poida ter unha cronoloxía romana e un sentido mineiro está moi presente, aínda que tamén sería o primeiro xacemento de Galicia no que hai unha mina localizada no propio interior do recinto. "Estamos programando a escavación no túnel, que require unhas necesidades loxísticas importantes e moito coidado desde o punto de vista da seguridade laboral", explica Martiño X. Vázquez.

Na procura de máis especialistas
Se vostede chegou ata aquí é porque está tan sorprendido coma os propios arqueólogos por todo o que está a ofrecer o xacemento de O Castelo. Pon ao límite os coñecementos de calquera especialista. "Por iso estamos a traballar un equipo interdisciplinar", explica Martiño X. Vázquez, "ademais de Solventa contamos con Rebeca Blanco Rotea, especialista en fortificacións, e João Fonte coas ferramentas de teledetección e coordinando a relación coa empresa portuguesa ERA Arqueologia, que fixo un levantamento LIDAR centimétrico de todo o xacemento. Víctor Rodríguez Muñiz achegounos a análise documental para coñecer ben o castelo medieval, o profesor da UDC Jorge Sanjurjo coas analíticas de solo financiadas pola Fundación PALARQ, os investigadores da Universidade de Vigo Adolfo Fernández e Alba Antía para a cerámica romana e Marta Cerviño na Restauración". Vázquez fica calado un momento, pensando para si mesmo. "E agora teremos que buscar tamén especialistas na Idade do Bronce tamén, claro".

Non podemos rematar a reportaxe sen tentar responder ante a pregunta que vostedes e máis nós nos estamos a facer desde o primeiro parágrafo. Pode ser este complexo sitio arqueolóxico a orixe da famosa lenda da cidade de Antioquía? O relato, ben presente na Limia, falaba de como na lagoa de Antela había unha antiga cidade mergullada baixo as augas e desaparecida dun día para outro por unha maldición. Martiño X. Vázquez rise. "Vouche dicir unha cousa. Elixio Rivas, o gran erudito local da Limia, xa se fixou no seu momento nos furados de poste labrados na pedra que inzan todo o recinto inferior. Para el, seguindo un pouco as ideas da súa época, estes postes eran a base dos palafitos cos que se construíra no pasado algunha poboación prehistórica que habitara na lagoa de Antela. Isto historicamente non é así", aclara o arqueólogo "pero indica que Rivas xa intuíra o importante que era este lugar".

Non é calquera lugar
A existencia dunha gran fortificación da Idade do Bronce neste lugar fai pensar se nas motivacións dos romanos para establecerse temporalmente neste lugar había máis intereses que os militares ou os estratéxicos. "Pode que o propio monte fose un lugar de memoria e referencial para as comunidades galaicas da Limia", especula Martiño, ou aproveitar unha muralla xa existente. Difícil de saber polo momento.


Ilustración: Miguel Robledo. Asesoramento científico: Solventa. Concello de Vilar de Barrio.

O Castelo seguerá a dar sorpresas e, sobre todo, numerosas preguntas. Un roteiro ilustrado por Miguel Robledo e con explicacións interpretativas permite xa coñecer os principais puntos descubertos pola investigación nos últimos anos. A semana pasada o ilustrador enviou as últimas, que actualizan o xacemento incluíndo soldados romanos e comerciantes de ánforas. Pode que aínda teña que facer unhas cantas máis.