Moito máis que unha porta

A nova campaña no castro de Montes Claros desvela inxentes traballos na construción do sistema de acceso

| Santiago. Manuel Gago | Seccións: Historia
Compartir:
Porta de acceso ao castro de Montes Claros. Foto: Proxecto de investigación Montes Claros

Porta de acceso ao castro de Montes Claros. Foto: Proxecto de investigación Montes Claros

A nova campaña arqueolóxica do castro de Montes Claros (A Laracha) xa leva tres ampliacións das sondaxes ao longo de todo este tempo. Puri Soto, directora da intervención, tenta aclarar a complexidade das estruturas que van aparecendo nunha área sempre sensible dos castros: o sistema de acceso. E xa van pola terceira ampliación das sondaxes. "Criamos que xa coñeciamos a estatigrafía do camiño e o volume de terra, pero por suposto non se cumpriu", di Soto entre risos. A campaña está financiada pola consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A escavación permite comprender o coidado que a comunidade prehistórica que fundou o xacemento prestaba á porta de entrada. Reunindo o escavado en fases anteriores co actual, o camiño laxento que se introduce no xacemento xa se prolonga máis de dez metros. Ata a campaña actual, a calzada introdúcese na croa, pero hai un gran desnivel entre a calzada e a altura que ten o castro. "Na visita multitudinaria do venres pasado había todo tipo de especulacións nos visitantes sobre como se podía salvar ese desnivel!", explica Soto, "pero o certo é que aínda non sabemos como conseguirán levar a calzada ata arriba". Escaleiras? Ou é un nivel que ficou moi sepultado polo entullo dos torreóns?

"Estes ártabros traballaban a pedra con sumo coidado", explica Soto. Ao írense aproximado á muralla e os afloramentos do alto do outeiro, decatáronse de que os construtores foran rebaixando a rocha nai para construír nela o camiño laxeado que permite acceder ao xacemento. Non só iso, nunha solución nada frecuente na Idade do Ferro, tallaron un dos afloramentos para obter unha forma semircircular á entrada e darlle a forma de torreón. "É un traballo moi coidado", explica Puri Soto.


O tramo de calzada localizado nesta campaña

Non é a única intervención na rocha. Nesta campaña e nas anteriores decatáronse de que os ártabros fixeron un uso extenso destas rochas naturais. "Máis arriba temos tamén a rocha labrada para conformar unha estrutura semicircular, da que aínda non temos clara a monumentalidade. Tamén está o foxo cortado na rocha, todas as pías practicadas tamén nas laxes e para máis agora aparécenos un pequeno esporón que baixa da rocha e que está cheo de petróglifos de coviñas, algunhas grandes e outras pequenas", explica Soto. A arqueóloga ten identificados varios bastións rodeando ese camiño de acceso, que teñen paralelos noutros castros ártabros con Elviña.
Porén, Puri Soto ten unha intriga ao redor do espazo que están investigando, que é o foxo. Recentemente, o castro de Montes Claros foi obxecto dunha prospección xeofísica da man do INCIPIT-CSIC que revelou a existencia de gabias e estruturas exteriores á croa, pero tamén o foxo. "O foxo que rodea a croa está localizado e de feito nos ten valido para conseguir datar o xacemento, xa que nos niveis de amortización había materiais de importación", explica Soto, "pero non sabemos que fai exactamente cando chega a esta área". Aínda que a campaña actual non permitirá profundizar nesa incógnita, Soto traslada unha problemática pouco coñecida, que é a relación entre os foxos e os sistemas de acceso dos castros.

Unha área de especial concentración simbólica
A arqueóloga considera que as estruturas que se están escavando nesta campaña corresponden ao nivel fundacional do xacemento "ao redor do século IV ou III a.C", explica, "pero cada vez teño máis clara a hipótese de que o xacemento puido ter un uso anterior, e que a famosa ‘pegada do xigante’ que está no anterior (un petróglifo nunha laxe) pode responder a un uso simbólico anterior, ao xeito dun santuario.

Por agora o equipo non fixo unha escavación no interior da croa. Pero só no exterior, ao redor desta porta de acceso, a concentración de materiais é sorprendente. En campañas anteriores aparecera mesmo unha tumba paleocristiá dobre. "Sabemos que as portas funcionan como espazos simbólicos e moitas veces ao carón delas están espazos de asemblea", explica Soto. "A localización desas tumbas pode ter que ver con esa relevancia simbólica.

O castro de Montes Claros é de propiedade municipal e nos últimos anos está a ser obxecto de campañas de escavación, posta en valor e conservación. Entrementres, coa súa fusión entre a rocha natural intervida de xeito intensivo e a monumentalidade das estruturas que aparecen, permite avanzar no coñecemento do mundo dos ártabros.

Que che parece esta nova?
141 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

No confín dos vellos castros

Ver serie completa
Marcha un imperio, volven os castros

Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

Na traza dos mineiros galaicos

Na traza dos mineiros galaicos

A investigación da Roda do Castro (Salcedo, A Pobra do Brollón) confirma a elevada actividade metalúrxica nos castros da terra de Lemos

Un mapa para buscar as trazas do poder

Un mapa para buscar as trazas do poder

A escavación no castro de Tralocastro (Ferrol) localiza posibles espazos colectivos ás portas da acrópole

O forno por debaixo do monumento con forno

O forno por debaixo do monumento con forno

A nova campaña do castro do Sarridal revela a existencia dun posible 'forno comunitario' por debaixo da sauna galaica

Arquitecturas que marcan distancias

Arquitecturas que marcan distancias

Unha escavación no castro de Pereiras exhuma un anómalo edificio de grandes dimensións

Do mesmo ámbito

O castro menos castro

O castro menos castro

A nova intervención en Penas do Castelo desvela unha estrutura inédita na Idade do Ferro galega

As sorpresas do Leste

As sorpresas do Leste

A escavación no castro de Montes Claros (A Laracha) revela un peculiar sistema hidráulico

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cultura da Xunta, Consellería de Cultura, Xunta de Galicia, A Laracha...