A muralla dos mortos

Unha escavación no castro de San Millán (Cualedro) procura verificar a existencia da primeira necrópole dun castro galego

30/7/2021 | Santiago. Manuel Gago | Seccións: historiapatrimonio
85 lecturas | Compartido 0 veces

O castro de San Millao. Foto: Xeitura

Os arqueólogos están a restaurar e escavar o castro de San Millao (Cualedro, Ourense), nun proxecto promovido polo concello e financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Neste xacemento apareceran uns intrigantes achados nos anos 80. Xa nesa época especulárase con que un conxunto de olas soterradas ao carón da muralla puideran ser, en realidade, a primeira necrópole localizada nun castro en Galicia. Agora, con novas tecnoloxías e métodos, os arqueólogos tentan comprobalo.
O profesor da USC Carlos Alonso del Real expresaba con humor unha dos paradoxos máis significativos (e enigmáticos) da arqueoloxía galega: "os habitantes do mundo megalítico morrían pero non vivían. E os habitantes dos castros vivían pero non morrían". Referíase a que na súa época, nos anos 60 e 70, aínda non foran escavadas nin localizadas as aldeas do Neolítico, pero tampouco as necrópoles da Idade do Ferro. Varias décadas despois, unha parte dese paradoxo xa se resolveu: en gran medida grazas á construción das grandes infraestruturas, téñense investigado moitas aldeas e cabanas do tempo dos dolmenes. Pero a segunda parte continúa incógnita: que facía a xente dos castros cos seus mortos. Aínda que hai algúns indicios dispersos polo territorio, os arqueólogos aínda non atoparon ningunha necrópole considerada como tal da Idade do Ferro. Sen embargo, as tornas poderían cambiar en breve, grazas a unha nova intervención no castro de San Millao, en Cualedro (Ourense). Trátase dun xacemento impactante, cunhas murallas de gran envergadura que aínda sorprenden a quen se achega a el, así como un sistema defensivo de pedras fincadas, orientado a dificultar as manobras de posibles agresores. En San Millao Martiño X. Vázquez, arqueólogo da empresa Xeitura, dirixe unha campaña que se prolongará ata mediados de agosto, aínda que xa está executada "ao 90%". O obxectivo é consolidar e restaurar as estruturas escavadas por Xesús Taboada Chivite en 1954 e explorar, con novas tecnoloxías, unha intrigante zona escavada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, baixo a dirección de X. Rodríguez e Francisco Fariña Busto, en 1983. Sector do castro onde se atopan as olas. Foto: Xeitura As olas misteriosas Nunha modesta sondaxe de 4x4 metros, os arqueólogos ourensáns localizaran nos 80 cinco olas depositadas coidadosamente no chan, en buracos picados no xabre. As olas non contiñan obxectos de ningún tipo, pero desde o primeiro momento os arqueólogos sospeitaron dunha posible función funeraria, aínda que faltaban evidencias. As olas atopábanse nun reducido espazo entre dúas murallas, e ao carón doutra desmantelada. "Hai unha muralla ciclópea cunha tipoloxía moi semellante á de Saceda", sinala Martiño Vázquez, "e por algunha razón, nalgún momento inhabilítase e fica só a base, cos bloques de maior tamaño. E faise outra muralla polo exterior e para gañar ese espazo intermedio. Pois ao pé desa muralla nova é onde se atopan as olas". Foxas nas que están depositadas as olas ao carón da muralla. Foto: Xeitura Ao pe quere dicir literalmente ao pe, xusto na base da muralla. O equipo actual ampliou a sondaxe dos anos 80 en dúas novas pequenas áreas de 1x1 metros, e tamén xa lles apareceron novas olas seguindo a muralla. "Como cerámica, as olas non teñen valor en si mesmas. Non están decoradas. Son olas de perfil globular, dun tamaño mediano, e o importante non é tanto a ola como o que ía dentro", advirte Vázquez, "tivemos posibilidade de poder recollelas nós tamén, e documentar foto a foto, e isto permite ir vendo todo o procedemento. As olas rachou baixo terra e colapsou sobre si mesma. E é dentro dese colapso onde se conserva unha mestura de terra, moito máis escurecida que a outra terra que rodea a ola. Iso é o que nos dá pistas de que dentro desa ola hai algo". Así aparecen as olas ao escavárense. Foto: Xeitura Fondo dunha das olas. Foto: Xeitura Todo ese material foi coidadosamente recollido, porque dentro desa terra negra pode estar a clave que permite coñecer que había no seu interior. "Imos tentar analizar todo para buscar compoñentes cálcicos, que nos informen da existencia de ósos, aínda que sexa case imposible saber que tipo de osos, e despois restos de carbonización", explica o arqueólogo, quen pensa que estas olas poderían conter algún tipo de resto dun ritual de cremación, "e se somos quen de localizar algo que teña gramaxe abonda, enviarémolo tamén a analizar para contar con datacións". A tecnoloxía xoga aquí a favor. "No tempo da escavación feita polo Museo estas analíticas de solo non existían ou eran moi caras. Hoxe en día son máis accesibles e podemos obter moitos datos". Este intrigante espazo crea aínda moitas dúbidas para os arqueólogos. "A colocación das olas parece seguir unha certa regularidade na colocación dunhas olas con outras, como se foran un campo de furnas, e iso lévanos a dúbida sobre o momento no que foron feitos os depósitos. Ou as olas son anteriores á muralla e esta as respectou, construíndose por fóra delas, aínda que parece raro nunha muralla desa envergadura, ou é máis probable que as olas estean asociadas a ese lenzo de muralla". Os achados son coherentes con indicios de prácticas rituais localizados por todo o país nos últimos anos no exterior dos castros: depósitos rituais nos foxos dos xacementos, dispostos cunha certa regularidade ao redor das murallas do castro, como se foran unha protección simbólica. Pero nestes outros casos, entre os fragmentos cerámicos aparecen máis materiais votivos, como fíbulas ou restos de banquetes domésticos. As olas de San Millao son polo momento máis silenciosas. Rituais que se esvaecen Só recentemente ten aparecido un fragmento de mandíbula no illote Guidoiro Areoso que os científicos conseguiron datar entre os séculos IV e III a. C. É o único resto humano do tempo dos castros atopado en todo o país. Toda vez que os enterramentos adoitan ser un costume que reflicte moito da cosmovisión dos pobos antigos, a súa localización pode axudar a coñecer novos aspectos da cultura da Idade do Ferro en Galicia. O fenómeno é aínda máis curioso porque as necrópoles, as tumbas e os mortos da Idade do Ferro desaparecen na Península Ibérica cando se achegan ao noroeste. Os castros celtiberos da Meseta contan con necrópoles aos pes das murallas, que ofrecen numerosos obxectos para comprender a cultura destas sociedades guerreiras. Pero ao chegar ás montañas de Galicia e Asturias todo desaparece. Un proceso similar sucede noutros territorios da Europa Atlántica, como as Illas Británicas, onde hai grandes áreas do territorio carentes de necrópoles ou nas que non se detectan os rituais da morte. Os arqueólogos galegos teñen proposto diferentes fórmulas para a xestión dos cadáveres, baseándose nas ritualidades doutras culturas, desde a descarnación e o seu depósito en lugares aillados ou a incineración e esparcemento das cinzas. Cabana redonda do cambio de era (dereita) e oblonga de época tardoantiga (esquerda). Foto: Xeitura Dous tempos para un castro A recuperación e restauración das estruturas exhumadas por Florentino López Cuevillas e Xesús Taboada Chivite na década dos 50 foi outra das áreas da actual intervención no xacemento. As cabanas que se exhumaran de aquela estaban moi degradadas polo paso do tempo. "As estruturas estaban moi degradadas. Nas fotos de Taboada Chivite obsérvanse alzados de catro ou cinco fiadas, e cando nós chegamos só quedaba unha". Debido ás técnicas de intervención da época, para os arqueólogos actuais era doado reinterpretar o xacemento, e deberon facer case arqueoloxía da arqueoloxía. "Tivemos que ler muro por muro e ver que posibilidades tiñamos de interpretar desde hoxe este xacemento. E ao facelo, quedounos clarísimo que o castro tiña dous momentos de ocupación", explica Martiño, "un primeiro de cabanas circulares dunha factura formidable, que a min me recordan moitísimo as do veciño castro de Saceda. E logo outro nivel por riba, de cabanas de estruturas máis angulares, oblongas, e de peor factura. E moitos dos seus muros estaban asentados sobre a terra, non baixaban ata a rocha". Para Martiño Vázquez, a primeira e coidada fase podería corresponder ao cambio de era, mentres que a dos muros máis ruíns correspondería a época tardoantiga. As mellores construcións correspondían, curiosamente, ao tempo máis antigo. A primeira necrópole documentada dun castro? Pendentes dos resultados das analíticas, Martiño X. Vázquez asocia estes depósitos de olas ao longo da muralla co horizonte do cambio de era, cuns castros que xa teñen contacto con Roma. Á volta do cambio de era, a práctica da incineración era compartida por romanos e celtíberos, e o castro de San Millao atópase nesas zonas non lonxe desas fronteiras culturais. En que medida as olas conteñen restos humanos e teñen que ver con ese contexto cambiante no que unha cultura se atopa con outras? Serán as analíticas as que nos vindeiros meses determinarán se a segunda parte da paradoxa de Carlos Alonso del Real comeza tamén a deixar de selo.

Achados arqueolóxicos

Ver serie completa
28/11/2025

Na cerna da Gallaecia romana

As investigacións en Brandomil revelan que o complexo arqueolóxico abrangue 25 hectáreas

03/11/2025

A vila que non chegou a ser

Entre a dilatada secuencia temporal do castelo de Lobarzán, os arqueólogos identifican un poboado altomedieval que non prosperou por motivos descoñecidos

15/10/2025

Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

10/09/2025

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

21/07/2025

Escavar na casa da santa Compaña

Unha intervención arqueolóxica investiga as orixes dun templo altomedieval en Ponteareas

15/07/2025

Moito máis que unha porta

A nova campaña no castro de Montes Claros desvela inxentes traballos na construción do sistema de acceso

Universo culturagalega.gal

18/11/2021

Espazos castrexos con memoria

As últimas escavacións no castro do Sarridal (Cedeira) desvelan un gran edificio público ao carón da sauna