As testemuñas pétreas dunha revolución de feiras

As escavacións dos chozos do Suído revelan que boa parte dos misteriosos chozos foron edificados no século XVIII

As escavacións dos chozos do Suído revelan que boa parte dos misteriosos chozos foron edificados no século XVIII
Foto: INCIPIT
Nas terras altas de moitas serras galegas consérvanse humildes conxuntos de cabanas e valados que polas súas formas humildes parecen pertencer a un tempo ancestral e un universo de economía de subsistencia. Pero un proxecto arqueolóxico está a investigar como na pontevedresa serra do Suído, as comunidades rurais adaptaron con rapidez o monte no século XVIII para adaptarse aos rápidos cambios da sociedade galega e da economía internacional. E eses rústicos chozos son a materialidade dese cambio.

O arqueólogo Davit García Casas (1983), do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC acaba de volver da serra do Suído, tras dez días de campaña arqueolóxica nos montes comunais da parroquia de A Laxe, en Fornelos de Montes. "Na serra do Suído hai máis de 60 estruturas gandeiras no monte", explica García Casas, "aínda que nós nos centramos desta volta nesta parroquia de A Laxe, onde sondeamos en dous sitios arqueolóxicos e documentamos catro ou cinco máis". A intervención foi financiada polo proxecto de investigación da Xunta de Galicia sobre estas arquitecturas gandeiras de alta montaña que dirixe, e contou coa colaboración da comunidade de montes de A Laxe. Limpáronse xacementos, elaboráronse fichas de cortellos, cabanas, currais e chozos que funcionaban en simultáneo e realizáronse sondaxes aqueolóxicas.

"Pensamos que a maior parte dos chozos son do século XVIII, que é onde aparecen os primeiros niveis, xunto con outros posteriores do século XIX ou XX", explica o arqueólogo, "aínda que desta volta tamén buscamos cronoloxías anteriores". Os achados máis prometedores están no xacemento coñecido como o Abrigo de Valdohome, onde "con toda seguridade aparecen materiais moi antigos, como fragmentos de seixo ou de cristal de roca, e moitos parecen antrópicos. Estamos co seu estudo". No Coto dos Ladróns, un prominente afloramento rochoso inzado de lendas, como a de que a famosa bandoleira Pepa a Loba tiña o seu refuxio alí, tamén apareceron fragmentos de seixo que poden delatar unha ocupación antiga.

"Sabemos pola documentación de que deben existir chozos anteriores, porque no estudo documental localizamos pleitos que aluden a chozos no chan de Casariños", explica García Casas, "pero en todo caso, é no século XVIII cando se produce unha intensificación deste tipo de construcións".


Chozos do Curral do Porto. Foto: INCIPIT

Unha feira a cada paso
A explicación para este motivo pode estar abaixo das propias serras. No século XVIII Galicia vive unha auténtica revolución no mundo das feiras, que se multiplican por todas as partes e que son fomentadas directamente polas comunidades veciñais en numerosas parroquias e aldeas. Esa eclosión de feiras realízase, segundo publicou o historiador Pegerto Saavedra, sen o control da Coroa ou da aristocracia, e se orientan á venta de gando e doutros produtos. Esta intensificación das feiras significa a entrada das casas labregas galegas de máis moeda que lle permitía pagar os tributos reais pero tamén converter as casas xa en pequenas unidades de explotación para comerciar cos pequenos excedentes. "Sabemos que nese momento se produce unha gran demanda dos mercados inglés e portugués", explica o arqueólogo, e esta nova densidade de uso das serras pode responder a entrar nese mercado. Coa expansión imperial británica e a revolución industrial, ou o incremento do comercio portugués, estas demandas falan da economía global do século XVIII.

Entre roldas e agardas
A arqueoloxía amosa a contradición dunha imaxe dos labregos do pasado, aillados e aferrados a unha economía de subsistencia, revelando a rápida adaptación do rural a novas condicións e as súas condicións de innovación, xenerando os seus propios espazos económicos. Aínda que os montes se utilizaban previamente para o gando, estas construcións revelan unha intensificación da produción. "Todos estes espazos están construídos en terreos do monte comunal, e cando menos ata onde sabemos pola tradición, os chozos pertencían á parroquia, non tiñan propietarios individuais", explica David García. Na serra do Suído o gando tamén se coidaba de xeito comunal a través de dous sistemas, un pastor pagado por todas as casas, "a agarda", e outro no que as familias vanse turnando no coidado dos animais de todos, a "rolda". García Casas é prudente, nesta fase da investigación, en saber se estas condicións colectivas se remontan ao século XVIII, "este tipo de memoria oral é máis ou menos precisa nun século de distancia", pero nada parece indicar que o que foi unha vez privado pasara a ser logo comunal.


Chozos de Campolongo. Foto: INCIPIT

As autoridades da Coroa eran moi renuentes a esta explosión económica do rural galego da que había moi pouco control fiscal e nin sequera en moitos casos autorizacións administrativas; tamén os potentados vían con desconfianza estas economías. Nos textos ilustrados con frecuencia denúncianse con frecuencia o uso colectivo dos montes comunais, advertindo que estaban desaproveitados por non poderse aproveitar por mans privadas. A arqueoloxía do Suído suxire que foi xusto o contrario: que as comunidades rurais souberon aproveitar os seus recursos non só patrimoniais senón sociais para entrar nesa nova etapa de capitalismo e dinamismo económico e participar desta demanda de carne internacional.


Intervención en Coto dos Ladróns

Ao tempo, estas dinámicas do Suído non son extrapolables a outras serras nas que se teñen investigado conxuntos de cabanas pastorís, como no caso da Serra do Barbanza, onde este tipo de actividade foi prehistórica, romana e altomedieval, pero logo pareceu deterse.

David García Casas explora como vías de futuro comprender as diferencias entre os conxuntos de chozos. "Por exemplo, os chozos de Casariños ou os do Curral do Poto son distintos. Con información máis detallada poderemos facer tipoloxías e entender por que son distintos", explica. Entrementres, os vellos chozos ancestrais se revelan en realidade como testemuñas dunha pequena revolución de feiras, pequenos propietarios e comunidades moi ben organizadas.

Un roteiro polos chozos

O coñecemento sobre estes chozos e estruturas de pastoreo será amosado o vindeiro 15 de xuño, dentro das vindeiras Xornadas Europeas de Arqueoloxía, explicando os diferentes sitios nos que se están a levar a cabo investigacións. A visita é gratuíta e aberta ao público, co punto de partida indicado na ligazón de embaixo.