Vivir ao redor dun monumento

As intervencións nas rodas de Vilarello (A Pobra do Brollón) e Corro dos Mouros (Lugo) permiten avanzar no coñecemento destas estruturas da Idade do Bronce

As intervencións nas rodas de Vilarello (A Pobra do Brollón) e Corro dos Mouros (Lugo) permiten avanzar no coñecemento destas estruturas da Idade do Bronce
Pote cerámico localizado no Corro dos Mouros. Foto: USC
Desde o inicio das investigacións científicas nas rodas da Idade do Bronce, cada campaña permite un avance de coñecemento con respecto as anteriores. As últimas dúas intervencións, realizadas no Corro dos Mouros (Adai, Lugo) e Vilarello (A Pobra do Brollón) incrementan o número de evidencias ao redor destes sitios, abren novos interrogantes e ofrecen algunhas sorpresas, como a descuberta no de Vilarello dun misterioso monumento megalítico no centro da roda, xa abandonado antes de ser construído o recinto da Idade do Bronce, e que os habitantes do novo lugar respectaron durante séculos. Unha auténtica boneca rusa da prehistoria.

A roda de Vilarello (A Pobra do Brollón) medrou este ano en tempo en tempo e en espazo. En espazo porque a prospección xeomagnética levada a cabo revelou a existencia dun segundo foxo que se suma ao xa coñecido, envolve o xacemento e ao tempo multiplica a superficie do sitio arqueolóxico. "Ao ver os resultados", explica Rodrigo Paulos, director da intervención arqueolóxica e investigador da Universidade Complutense de Madrid, "entendín por que aparecía un furado de poste pola parte exterior do foxo perimetral da roda. Non lle dera moita relevancia entón. Non sabemos que tipo de estruturas pode haber entre os foxos, pero se cadra haxa que comezar a pensar que o interior da roda tiña un uso distinto ao exterior". A xeofísica permitiu confirmar tamén a localización da porta orixinal do xacemento, ao noreste do parapeto. Rodrigo Paulos realiza a intervención coa colaboración da Asociación Veciñal María Castaña e a colaboración de arqueólogos como Xurxo Ayán.


Megalito derrubado no interior da roda de Vilarello. Foto: equipo arqueolóxico

E Vilarello tamén medrou en tempo porque os arqueólogos puideron confirmar algo que levaban tempo sospeitando. No interior da roda, xusto no centro dese reducido espazo, había un curioso conxunto de tres grandes pedras. Os investigadores puideron confirmar este ano que as pedras foron extraídas nalgunha zona próxima e depositadas intencionalmente aí, non eran parte do substrato rochoso. "O máis intrigante é que isto sucede moito antes da propia construción da roda de Vilarello", explica Paulos, "e que esas pedras parecen estar xa nesa posición, caídas, no momento da construción". As dúas que se ven na superficie teñen a mesma forma e dimensións, uns 2.10 metros de alto, cunha base plana de 70 centímetros e un ancho de arredor dos 1'10 metros. Para Rodrigo Paulos, trátase dunha "construción megalítica" anterior á propia construción da roda de Vilarello e que "os habitantes deste lugar respectaron cando se instalaron nela", malia usar numerosa pedra para construír a muralla circular que cingue todo o conxunto. O interesante é que parece que "non foron eles os que desmantelaron o megálito" pero aínda así debeu ter unha importante carga simbólica para as xentes do lugar. Hai que ter en conta que a superficie habitable do interior da roda non chega aos 30 metros de diámetro e as pedras ocupan un 'molesto' espazo central.


Materiais da roda de Vilarello. Foto: equipo arqueolóxico

Aínda que a intervención non chegou ao substrato xeolóxico nesta campaña, o equipo localizou numerosos restos de cultura material e estruturas. "Apareceu unha aliñación de catro furados de poste con calzos que ten oito metros de longo, o tamaño habitual das longhouses do Bronce atlántico", aínda que Paulos é cauto porque o nivel arqueolóxico aínda non está esgotado. A cultura material da campaña ofreceu tamén materiais de grande interese. "Atopamos unha placa de lousa con incisións, formando un petróglifo con liñas en paralelo, e un dos grandes discos de lousa que teñen unha perforación central", indica o arqueólogo, que os interpreta como pesas de tear. "Pero un dos obxectos máis rechamantes", explica Paulos, "é unha pequena cunca feita cun canto de pedra, e que no interior ten restos de pigmento vermello". Paulos realizará nos vindeiros meses análises para coñecer a composición deste pigmento vermello.

O equipo arqueolóxico de Vilarello continuará coa intervención o vindeiro ano. Entrementres, Rodrigo Paulos non deixa de estar fascinado por un asunto que, ben mirado, é abraiante: o elo que une un dolmen cunha antena de telefonía: "xusto no mesmo lugar construíuse un dolmen, logo unha roda e hoxe en día está unha antena de telefonía móbil, case polo mesmo motivo, a visibilidade e o control sobre o val".

A muralla revestida de seixo
En paralelo a Vilarello, máis ao norte da provincia e na parroquia de Adai do termo municipal de Lugo, arqueólogos do grupo de investigación EcoPast da USC e da empresa Tempos Arqueólogos traballaban no Corro dos Mouros, unha das rodas mellor preservadas e visibles do país. "Queriamos confirmar certas hipóteses do ano pasado e definir mellor as estruturas que quedaran sen aclarar", explica a profesora da USC Pilar Prieto, directora da intervención. As sondaxes continuaron alí onde ficaron o ano pasado, cando se exhumara un parapeto cunha cara interna de pedra. O equipo conseguiu localizar o foxo perimetral, que profundizaba na terra dous metros e medio de altura e que rexistraba derrubes de pedra que o foran colmatando, aínda que hai un moi singular. "Hai un derrubo de cuarzos moi rápido e 'violento' no tempo", sinala Prieto, quen apunta que a procedencia dos seixos debe vir do parapeto. "Polo que podemos ver, o parapeto era unicamente de terra, aínda que tiña unha interesante alma de xabre. Un canteiro que nos visitou falou de que era un preparado dunha enorme calidade", indica a arqueóloga.


Foxo de Corro dos Mouros co derrubo rápido de pedras de seixo. Foto: equipo arqueolóxico

A escavación amosou unha enorme cantidade de materiais, sobre todo cerámicas, e algúns furados de poste con calzos que evidencian a existencia de estruturas e actividade no interior. "Porén, non parece unha vivenda. Non aparecen fogares, nin solos", considera Prieto. "Temos 2000 rexistros!", explica Prieto pensando xa no procesado dese material. A metade da cerámica apareceu no interior do xacemento, pero houbo algúns achados moi significativos. Nunha foxa apareceu un recipiente case completo, que tiña non moi lonxe un fragmento dun dos discos de lousa que están a aparecer con frecuencia nestes xacementos. Nas proximidades apareceron tamén outros recipientes aliñados, canda un certo número de rodelas, que son discos máis pequenos, crebados pola metade e decorados.

A intervención do Corro dos Mouros continuará en setembro coa prospección xeofísica do xacemento e das súas proximidades co ánimo de localizar máis estruturas e ver a súa relación co contorno.