Poucas veces ten a arqueoloxía a oportunidade de conectar de xeito tan estreito historia, lenda e realidade arqueolóxica como no proxecto de recuperación da aldea de Pena (Calvos de Randín, Ourense). Nalgún momento entre 1517 e 1518 este lugar de montaña do Couto Mixto, habitado por galegos, viviu un dramático episodio que provocou a súa desaparición: un grupo armado portugués procedente dos castelos próximos queimou as casas e provocou a fuxida dos seus superviventes. O lugar foi abandonado para sempre. Pero a memoria dos feitos ficou gravada na tradición oral das aldeas da contorna, cun abraiante, e tamén intrigante detalle, ata o día de hoxe, tras cincocentos anos. En outubro de 2021, un equipo arqueolóxico comezou a recuperación deste lugar arrasado ao final da Idade Media e conseguiu conectar a terrible lenda contada polos vellos da comarca cos feitos históricos reais que alí aconteceron. Esta é a historia de Pena.
A tradición oral do concello de Calvos de Randín conta que hai moitos séculos o Couto Mixto estaba composto por catro aldeas, das que hoxe perviven tres: Santiago e Rubiás (Calvos de Randín) e Meaus (Baltar). A cuarta, desaparecida, chamábase Pena e situábase entre Santiago e a Vilar, no concello de Calvos. A causa da desaparición de Pena foi un acto violento que provocou o abandono do lugar. "Hai centos de anos houbo unha guerra na serra", contoulle Teodoro Álvarez Veloso a Serxio María Rodríguez Álvarez, "uns homes quixeran roubarlle aos mixtos (así se chamaba aos habitantes do Couto) os froitos do traballo. Os labregos negáronse a pagar as fanegas de centeo e dos beneficios do sal. Enfrontáronse aos señores do castelo da Picoña, pero estes enviaron homes a cabalo que queimaron as casas e mataron a todos os homes. As mulleres que quedaron vivas e os nenos refuxiáronse en Santiago e en Rubiás e alí foron uns máis". A memoria familiar levaba ao señor Teodoro a considerar que a súa propia familia proviña das xentes fuxidas de Pena.
O castelo da Piconha con estandarte portugués e Randín, con estandarte castelán. Duarte de armas (1509-1510)
Os acontecementos ficaron vivos en todas as aldeas da redonda, que continuaron a usar as terras próximas na aldea e a visitar aquelas ruínas, ata que o despoboamento e abandono do rural tapou a aldea con maleza. Pero en outubro pasado a empresa Breogán Arqueoloxía acometeu a limpeza do recinto arqueolóxico, xa catalogado pola Xunta, dentro dun proxecto de recuperación do castelo da Picoña. O proxecto, promovido polo concello de Calvos de Randín e financiado por Turismo da Xunta de Galicia, busca recuperar e poñer en valor este importante enclave fronteirizo medieval, que pasou de mans portuguesas a galegas ao longo da historia, así como algúns sitios arqueolóxicos próximos conectados historicamente coa fortificación, como a Tumba do Rei da Picoña, unha necrópole altomedieval, ou a propia aldea de Pena.
A aldea de Pena. Foto: Breogán Arqueoloxía
Os arqueólogos interviñeron nas ruínas, localizadas a 1.200 metros de altitude, limpando o xacemento e identificando e documentando as súas estruturas. Entre as accións, obtiveron un modelo dixital do terreo a través de fotogrametría aérea realizada con drone. Aínda que os veciños levaron moita pedra da aldea, ou a reusaron para valados próximos, as estruturas orixinais aínda son recoñecibles. E nos grandes penedos que se cadra deron nome ao propio lugar obsérvanse numerosas marcas en negativo dos muros que no seu tempo estiveron asentados nelas. En total, o equipo dirixido por Martín Rivas documentou unha aldea enteira medieval reducida á ruína, o antigo camiño que a unía con Vilar e Randín, e un muíño próximo. No sitio arqueolóxico puideron identificar nove estruturas, imbricadas entre os afloramentos rochosos e preto das súas antigas terras de cultivo. As casoupas, pequenas e conservadas en planta, son unha fonte privilexiada para coñecer as características dunha aldea galega de montaña da Idade Media.
A investigación documental permitiu conectar as vellas lendas transmitidas de xeración en xeración cos dramáticos feitos acontecidos a principios do século XVI. Nese momento o val de Salas, dividido entre Galicia e Portugal, vivía nun contexto brutal de enfrontamento civil e militar. Os portugueses estaban comandados por Antonio de Araújo, alcaide do castelo da Picoña, de aquela en territorio portugués, e por Lançarote Gonçalves, respectivo do castelo de Montalegre. Pola banda galega, atopábase o meiriño do Salas, Pedro Sival, ao servizo do Conde de Monterrei e inimigo declarado dos anteriores. Os conflitos xurdían por todo, aproveitando a situación difusa da fronteira: pastos, paso de gando, comercio, propiedades, e deron lugar a todo tipo de accións violentas entre as dúas partes e contra a poboación, creando un estado de alarma e preocupación continua. Desde o ataque ás diferentes aldeas, as persecucións e asalto entre faccións, as violacións de mulleres, os asasinatos e secuestros, así coma os roubos e saqueos de animais e gran. Os galegos denunciaron, na banda portuguesa, cando menos 28 agresións que constan documentalmente.
A documentación portuguesa, conservada na lisboeta Torre do Tombo, permitiu ao historiador e membro do proxecto Juan Manuel Galiña coñecer que a antiga lenda contada sobre Pena tiña unha base ben real. "Os feitos sucederon nalgún momento anterior a 1540, quizais entre 1517 e 1518, cando comezaron estas hostilidades ou entre 1537 e 1538", indica Galiña. O alcaide da Picoña, Antonio de Araújo, fíxose acompañar por Henrique de Sousa, Joao de Lima, Afonso Fernandes e "outros criados". Achegáronse pola noite á aldea, prendéndolle lume ás catro casas cando os seus habitantes durmían no interior, coa intención de que os homes se queimaran coas casas. Segundo a declaración de Pedro Sival, meiriño do val do Salas, conservada nos tratados asinados posteriormente polos reis de Castela e Portugal, salváronse de miragre, "sacaron os nenos en brazos e queimados polo dito lume". Todas as pertenzas dos habitantes de Pena consumíronse no incendio. A práctica de queimar casas cos seus habitantes no interior non era rara na violenta Galicia dos séculos XV e XVI, mencionándose tamén casos noutras crónicas coma o coñecido Vasco da Ponte. Juan Manuel Galiña sinala que "as catro vivendas que aparecen na documentación parecen coincidir consistentes coas nove estruturas localizadas, das cales algunhas puideron ser estancias e outras pendellos e instalacións auxiliares".
Interpretación das estruturas do sitio arqueolóxico. Imaxe: Breogán Arqueoloxía
O que resulta intrigante é que a memoria popular ofrece datos moi precisos non mencionados pola documentación oficial, como a masacre no incendio de todos os homes da aldea e que as mulleres e nenos que conseguiran escapar atoparan refuxio nos lugares da contorna. ¿Están as lendas indo máis alá dos feitos ou a documentación non recolle, por algún motivo, estas mortes si conservadas na tradición oral? A tradición oral tamén recolle unha versión paralela dos feitos. Por exemplo, os investigadores documentaron o relato de dous veciños da aldea máis próxima, Vilar, que contaban que foron os habitantes de Rubiás os que prenderon lume á aldea en vinganza polo uso que facían os veciños de Pena das súas zonas de pasto. Os habitantes de Penas terían marchado para aldeas próximas como Xermeade (Muíños). Son exemplos dunha tradición moi estendida polas aldeas veciñas.
O certo é que, segundo Galiña, de todo este clima e estes acontecementos podería nacer despois unha das institucións máis singulares da historia de Galicia e o norte de Portugal, o famoso "Couto Mixto". Os habitantes das aldeas recorreron os reis para pedir que interviran nesta caótica e perigosísima situación de impunidade motivada por esta solitaria fronteira. As coroas de Castela e Portugal chegaron en 1540 a unha serie de acordos que pasaron por expulsar temporalmente aos alcaides das fortalezas da zona e a desposesión dos seus privilexios. Isto permitiu incrementar a autonomía das aldeas, dispoñendo dunha serie de liberdades como escoller a que rei servir no exército, ou non pagar taxas polas mercadorías que cruzaban. Galiña está a traballar para a súa tese de doutoramento en todos estes procesos.
O sitio arqueolóxico actual "é un testemuño excepcional, fosilizado, dunha aldea galega medieval de montaña", sinala Eduardo Breogán Nieto, responsable de Breogán Arqueoloxía. Por iso, os arqueólogos exhumarán dúas das estruturas durante este 2022 para coñecer a materialidade que agachan, ver se se conservan as trazas dos incendios recollidos pola documentación e comprobar se a aldea tivo certa vida trala traxedia ou foi definitivamente abandonada. En todo caso, a súa terrible historia ficou ancorada no tempo e comezou así a súa dilatada vida como relato de tradición oral. Hoxe pode ser unha das memorias colectivas máis antigas e aínda vivas do país.