Un mapa para buscar as trazas do poder

A escavación no castro de Tralocastro (Ferrol) localiza posibles espazos colectivos ás portas da acrópole

A escavación no castro de Tralocastro (Ferrol) localiza posibles espazos colectivos ás portas da acrópole
O castro de Tralocastro. Foto: pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña - Campus de Ferrol
Cando se escavan determinado tipo de xacementos, coma un forte ou unha cidade romana, os arqueólogos poden estimar, con certa probabilidade, a localización de determinadas estructuras, coma os cuarteis xerais, no caso dos fortes, ou os foros nos espazos urbanos, onde se concentran os espazos monumentais da cidade. Pero é posible facer o mesmo nos castros? Teñen máis planificación urbana do que se lles supuña? Na escavación de Tralocastro (Ferrol), o arquéologo Samuel Nión emprega para a comparación con outros xacementos para estimar a funcionalidade das atípicas estruturas que están aparecendo.

Cada nova campaña no castro de Talocastro supón unha curiosa circunstancia: cómpre desenterrar todo o escavado na anterior. E xa van oitenta metros cadrados. "Como non temos financiamento para restauración", explica o director de intervención, Samuel Nión, "temos que mover manualmente toda a terra que sela as partes escavadas". A investigación neste castro da parroquia de Esmelle está a ser levada a cabo pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña - Campus de Ferrol coa colaboración do concello de Ferrol.

Unha ollada ás fotografías á superficie escavada permite descubrir unha atípica sucesión de estruturas que non se parecen moito ás casas redondas que aparecerían no interior do castro. Pero é que non están dentro da croa. A área escollida polos arqueólogos é un chan xusto por debaixo do que estiman que debe ser a porta do castro, pero non está polo exterior do recinto. Outra importante muralla pecha por debaixo da muralla o poboado fortificado.


Intervención en Tralocastro. Foto: Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña - Campus de Ferrol

"A campaña foi moi ben malia non saír nada de material", explica Nión. O paradoxo ten que ver coas evidencias que localizaron e coas estruturas que comezan a abrir suxestivas interpretacións. Entre as evidencias, está o feito de que tiveron que cambiar as súas primeiras ideas sobre a cronoloxía do que estaban a escavar. "Na anterior campaña fixemos dúas datacións por carbono 14. A primeira dábanos o século IV-III a.C., en plena Idade do Ferro. A segunda sinalaba o cambio de era", explica. Deste xeito os investigadores pensaban que as complexas estruturas exhumadas tiñan que ver, en parte, cunha certa transformación do espazo urbano a coincidir coa chegada dos romanos. "Pero vimos que non era así. En realidade, o que dataramos foran o que chamamos as fases de amortización do castro. É dicir, que toda esa parte fora nivelada e tapada en época romana para acceder ao sitio", explica Nión. Iso tamén quere dicir que as diferentes fases dos edificios exhumados corresponden á vida do castro na prehistoria, revelando que é unha zona que sufriu remodelacións e restauracións.

Un gran pavimento de acceso
O primeiro que chama a atención é "un pavimento de acceso ao castro que está nun estado de conservación incrible". Foi ese pavimento o que axudou a dar claves de interpretación das estruturas. "Pensamos que é parte do sistema de acceso ao castro", explica Nión. Mesmo apareceron as marcas dunha porta. "Só fican os ocos de chantar a porta, que penso que sería de guillotina, pero aínda falta a metade", sinala o arqueólogo. Pero o interesante é que a porta non parece pechar aínda o acceso á croa, senón que se dirixe cara o norte. "Iso non quere dicir que non haxa porta na croa, senón que está é outra máis, coma se fora en paralelo. Sinala que hai unha planificación no deseño do castro. Non se trata de poñer vivendas ao azar", explica o arqueólogo.

O outro edificio que ten intrigado a Nión é unha gran estrutura sobre a que se concentran as especulacións. Trátase dun gran edificio de máis de cinco metros de ancho e polo momento oito metros de longo, xa que aínda non foi totalmente exhumado. No edificio chama a atención a escasez de material doméstico e un pavimento moi feble "que non lle fai xustiza á monumentalidade da estrutura", explica. Nesta campaña apareceron indicios tamén de que a estrutura podería ter un banco corrido, pero aínda non está totalmente claro. E o seu tellado é de lousa, que procede de canteiras de Ortigueira situadas a uns 30 quilómetros do castro.


A escavación en relación á porta (sen escavar) da croa do castro. Foto: Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña - Campus de Ferrol

Paralelos co castro de Elviña
"A min lémbrame moito a unha estrutura do castro de Elviña", explica o arqueólogo, quen nos últimos anos leva propostOnovas teorías e visións para o gran castro do concello da Coruña. "Tamén era un gran edificio cun pavimento ao que chamabamos estrutura oval, e ten un banco corrido", sinala. Para o arqueólogo o edificio de Elviña e este de Tralocastro, os dous situados ao carón de portas de acceso ás acrópoles, "poden ter algún tipo de función colectiva". Con eses pavimentos, non son estruturas de uso diario. Non ten nada que ver cos pavimentos que se atopan dentro das cabanas castrexas, pisados ás veces por xeracións enteiras de pegadas dos seus habitantes. Iso, a ausencia de material ou de fogares, leva ao investigador a pensar que esas cabanas xoguen un papel colectivo.

"A reiteración entre santuarios e espazos de acceso ás acrópoles é moi habitual no mundo ibérico. Eses santuarios de entrada teñen funcionalidades moi particulares. Non sei se aquí estará pasando o mesmo", explica Nión, "o que si sei é que hai un padrón no que os edificios de carácter relixioso ou colectivo están todos no contorno dos accesos ao castro porque é unha zona transitada e representativa. Así que cando como arqueólogo intervés nestas zonas estás buscando este tipo de expresións".

Pero estes espazos colectivos amosan, tamén, as profundas transformacións da idade do Ferro. "Na segunda Idade do Ferro hai colectivos que adquiren máis poder, e para leximitalo, constrúen edificios nos que se poden vincular con divinidades. Identifícase poder con relixio e con identidades colectivas", reflexiona Nión. "Estamos observando iso noutras partes de Europa, como a Galia ou Xermania, e sucede nestas dúas centurias antes do cambio de era. Aparecen edificios relixiosos ou asemblearios". Na axenda de Nión está comprender o sentido dese gran edificio. E confirmar se o ata agora pouco coñecido castro de Tralocastro conta, no seu interior, esa profunda transformación social da prehistoria europea, cando diferentes culturas, conectadas entre si, comezaron a transformar os imaxinarios en arquitectura.