Levantamento dos achados de Proendos. Foto: Estela Arqueoloxía e Patrimonio e Sot Prospeccio
Os arqueólogos empregaron dúas tecnoloxías: o xeorradar e a prospección magnética, que se usaron de maneira complementaria. Existía a posibilidade de que o substrato granítico da zona complicara a obtención de resultados, pero non foi así. Os resultados son, ata o momento, a achega máis ampla realizada con xeorradar a un sitio arqueolóxico en Galicia. Para a interpretación dos datos, os arqueólogos recorren á experiencia, a comparación con outros sitios pero tamén aos numerosos datos sobre composición e materiais que indican os sensores.
Falamos co director da intervención, Francisco Alonso Toucido, que interpreta para nós parte das estruturas que se poden observar baixo a superficie de Proendos.
INTERPRETANDO ESTRUTURAS DO PASADO
Imaxes: Estela Arqueoloxia e Sot Prospeccio

Nesta imaxe pódese apreciar un dos elementos máis singulares enterrado en Proendos: un edificio en ábsida. "Os edificios romanos con ábsida son as vilas", sinala Alonso Toucido, "pero por agora temos cautela porque pode ser unha vila ou o que os británicos chaman road side settlement, é dicir, unha serie de edificios vinculados a eixos viarios". Preto dese ábside pódese distinguir "unha zona con pavimento, que podería ser un mosaico. Xa Murguía facía mención a que en Proendos se atopaban mosaicos, e os veciños dinnos que máis ou menos nese lugar podería aparecer". O arqueólogo lévanos á zona inferior da imaxe, onde se aprecia unha masa gris. "Ao sur localizamos unha zona que interpretamos como baño, e na que pode existir o que se coñece como hipocausto, xa que ademáis alí ten aparecido tixolos dos que son habituais en estruturas termais".

Nesta imaxe podemos ver con claridade o camiño e como os edificios están aliñados con ese camiño. Ese camiño leva, ao sureste, ata o edificio da ábsida. "Ao seu carón están unhas estruturas que interpretamos como de almacenamento e vinculadas ao edificio principal".

Na zona sur do xacemento os arqueólogos interpretan neste lugar a posible existencia dun foxo que pode ter carácter defensivo.

No leste do xacemento aparecen estruturas que, nalgún caso, son claramente identificables, como os graneiros romanos, os "horrea". Rodeándoo hai unha serie de estruturas "que poden corresponder a unha aldea altomedieval posterior. Sabemos polos veciños que aí teñen aparecido columnas e material que puideron ter collido, no seu momento, dos edificios principais", sinala Fran Alonso Toucido. Máis ao sur, e preto da igrexa, esas manchas grises sinalan a existencia, xa coñecida, da necrópole de Proendos, con estruturas medievais. A misteriosa estrutura circular "está rodeada tamén de tumbas, e hai quen a interpreta como un columbario, un panteón romano circular, pero tamén podería ser simplemente un pombar".

"Neste caso a imaxe non é de xeorradar, senón de gradiómetro. O que nos revela nesa zona, e polo tipo de sinal devolta polo aparato, é que aí se atopa unha estrutura de combustión moi grande, que moi posiblemente se corresponda cun forno".








