A tumba sen nome

Arqueólogos atopan na Pobra do Brollón o primeiro cairn da Península Ibérica

Arqueólogos atopan na Pobra do Brollón o primeiro <i>cairn</i> da Península Ibérica
Vista cenital de A Muradella.
No alto do monte Moncai, destacado sobre o val de Lemos, hai un gran monte artificial de pedras de cuarcita que ata agora estaba inédito e desprotexido, con certa aparencia de cráter. Os veciños coñecíano como A Muradella pero a súa forma atípica separábao dos xacementos arqueolóxicos máis convencionais. Un equipo liderado polo arqueólogo Rodrigo Paulos, da Universidade Complutense de Madrid, acaba de verificar que se trata dun sitio arqueolóxico e non só iso: pode ser o primeiro cairn da Península Ibérica. Un tipo de monumento funerario común na Europa Atlántica e nas Illas Británicas, especialmente asociado ás primeiras fases do megalitismo, que ata agora estaba ausente do rexistro arqueolóxico galego e do resto da Península.

No alto da serra de Fornelas (A Pobra do Brollón, Lugo) un pequeno equipo arqueolóxico traballa a toda velocidade para cumprir os prazos de escavación. A estas alturas boa parte da planificación está cumprida. Aplicouse un gradiómetro para detectar estruturas subterráneas e a sondaxe valorativa avanza a moi bo ritmo e con resultados. En certo xeito, a curiosa pregunta de investigación da que partía a campaña arqueolóxica está, cando menos parcialmente, resolta.

A intervención arqueolóxica, promovida pola Asociación de Veciños de Cereixa María Castaña e financiada pola entidade, a Deputación de Lugo, a Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Complutense de Madrid, comezou o pasado luns 18 cunha dúbida. Que tipo de xacemento arqueolóxico era a Muradella? O equipo arqueolóxico, liderado polo prehistoriador Rodrigo Paulos Bravo e no que tamén participa Xurxo Ayán, consideraba dúas opcións posibles. Como indicamos nunha anterior nova, non é habitual que os equipos arqueolóxicos fagan públicas antes dunha intervención dúas interpretacións tan diferentes dun sitio arqueolóxico. Dunha banda, un cairn prehistórico, e da outra banda algún tipo de pequeno castelo altomedieval. Había indicios para as dúas: son xacementos que comparten un emprazamento en altura con gran visibilidade. En termos de toponimia tradicional, A muradella parecía indicar algún tipo de espazo defensivo. Porén, a inspección en superficie denotaba a ausencia de foxos ou de sistemas complementarios de reforzo do potencial muro de cachote do espazo.


Vistas do val de Lemos desde A Muradella.

"Comecei a ter claro que se podía tratar dun monumento prehistórico cando introducín os datos no sistema de información xeográfica", sinala Rodrigo Paulos. "Nese momento decateime de que todas as necrópoles prehistóricas da comarca estaban conectadas visualmente con A Muradella, pero sempre a unha posición inferior e respectando a xerarquía de altura deste sitio".



Cairns de Carrowmore (Listoghil) e Knocknarea, coa vista cenital da Tumba da Raíña Maeve (Irlanda).

De feito, Rodrigo Paulo foi visitar nos meses anteriores os cairn máis coñecidos e mellor estudados da fachada atlántica: os da costa oeste irlandesa. En Carrowmore puido comprobar como o cairn central, tamén coñecido como Listoghil ou a Tumba 51, ocupaba un espazo central ao redor dunha extensa necrópole megalítica da que hoxe se conservan unhas trinta tumbas satélites. E desde Carrowmore pódese observar o impoñente outeiro de Knocknarea, presidido polo cairn máis famoso e prominente, o coñecido como a Tumba da Raíña Maeve, a Raíña Lupa irlandesa. E este cairn está rodeado, a súa vez, doutras tumbas de menores dimensións.

Cairn vs. Mámoas
Pero que diferencia un cairn dunha mámoa tradicional? Substancialmente, o xeito no que está feita. As mámoas galegas adoitan ter unha coiraza de pedras que reviste un gran montículo de terra e, no interior, unha cámara dolménica. O montículo dun cairn están construído integramente con pedras, aínda que no interior tamén pode existir con moita frecuencia unha cámara funeraria. No caso de A Muradella, a pedra é a cuarcita local, unha pedra cunha gran presenza de cuarzo que fai que se destaque moito no contorno. Outro factor moi importante na arquitectura do cairn, aínda que tamén pode existir no caso das mámoas, é a existencia dun anel peristáltico que contén o enorme peso das pedras do interior do montículo.


Cámara funeraria, aproveitando un afloramento rochoso.

"Aquí o tes", sinálao Rodrigo Paulos. Na sondaxe valorativa, que arrinca no exterior do túmulo e penetra ata o corazón do monumento, obsérvase, baixo a inxente cantidade de pedra retirada, un muro. "Podería ser un dos primeiros muros da Historia de Galicia", explica Rodrigo Paulos. A sondaxe avanzaba cara o interior, onde os arqueólogos escavaban a maior profundidade un espazo moi singular. "É a cámara funeraria", explica Rodrigo, "aproveitaron un afloramento natural e a partir de aí colocaron unha serie de esteos para formar o espazo". Algúns aínda figuran no fondo do cairn e outros se atopan desprazados".

A hipótese de Paulos, cando afirma que ese muro nos remonta ás primeiras arquitecturas do noroeste, non é menor. Os cairn, na cronoloxía da Europa Atlántica, adoitan ser monumentos anteriores aos propios dolmenes de cámara, como Dombate, que asociamos máis habitualmente coa Prehistoria. Porén, Paulos prefire amosarse cauto. Amósanos un solo de diferente coloración que se atopa no interior do anel. "Ese é o solo orixinal previo á construción do cairn", sinálame. En colaboración co Instituto de Ciencias de Patrimonio do CSIC (Incipit) analizaranse mostras de terra para tentar determinar a antigüidade real do monumento que, por agora, se amosa moi parco na aparición de cultura material.

Memoria perdida
Pero o cairn pon sobre a mesa outras cuestións intrigantes. A primeira é que nun país como Galicia, que conserva un importante rexistro de tradición oral de boa parte dos sitios arqueolóxicos, este xacemento tiña unha memoria moi confusa, e máis asociada á forma de castelo circular que o monumento parecía ter na actualidade que ao tradicional rexistro do folclore sobre mámoas e dolmenes. No caso da Muradella, con todo, a súa prominencia fixo que durante séculos fora un elemento referencial nas divisións parroquiais e territoriais entre as parroquias de Fornelas e A Parte. Foi o arqueólogo Xurxo Ayán, nativo da parroquia de Cereixa, quen viña a este lugar de pequeno e quen xa como científico lle prestou atención e promoveu esta intervención.

"Se cadra a clave estea aí", sinala Xurxo Ayán. "Este é un monumento sen memoria, como os henges que están a aparecer nos últimos anos, dos que tamén non existe tradición oral". Por que a cultura tradicional galega non mantivo unha memoria destes espazos é unha auténtica incógnita, aínda que en A Muradella pode existir unha razón. Rodrigo fainos pasar do interior do túmulo, onde se atopa aquel solo orixinal, ao exterior do muro, onde se ve un muro dunha coloración diferente ao anterior. "Entre o solo de dentro e o solo de fóra pode haber miles de anos de diferencia, neses centímetros", indica.


Solo da época do expolio, anel perimetral e solo orixinal previo á construción do cairn.

O cairn foi violado nalgún momento. Isto en si non é estraño nos monumentos megalíticos de Galicia, ata o punto de que moitos deles se identifican de xeito doado grazas a que teñen un grande cono de violación no interior, resultado dos intentos de acceder á cámara funeraria. Moitos deles foron practicados a partir da febre das escavacións furtivas iniciada no século XVII. Pero no caso de A Muradella os arqueólogos non o teñen tan claro. "Como non había terra tiveron que retirar toda a pedra do interior para tentar acceder á cámara", sinala Rodrigo Paulos. O resultado é esa curiosa aparencia de volcán que ten hoxe o monumento, e que puido facer que a súa aparencia cambiara dun pequeno outeiro a un castelo coas súas murallas derruídas. "Se cadra o topónimo poida ser antigo e estea expresando como era este lugar percibido cando desaparecera a súa memoria orixinal".
Os arqueólogos pensan por iso que o proceso de violación púidose ter producido a unha data moi anterior ao que foi habitual para a maior parte dos túmulos galegos. "Por iso falamos de que o monumento ten cando menos dúas fases, a de construción, e a de violación", sinala Paulos. "En moitos informes arqueolóxicos sempre se pasa por riba desa fase, como se non fora relevante", indica Paulos. Como ao retirar esas enormes cantidades de pedra para fóra do muro perimetral o solo quedou illado, hai unha oportunidade única para poder determinar a data da posible violación do monumento. Se esa violación se produciu nunha fase moi temperá, na Idade do Ferro ou en época romana, iso podería explicar a ausencia de memoria sobre o monumento e a confusión popular posterior cunha pequena fortificación.

Un novo tipo de monumento
As analíticas van ser determinantes para coñecer as orixes do monumento, pero do que están certos os arqueólogos é que se trata dunha tipoloxía de monumento megalítico ata agora non escavada en Galicia, pero común ao resto da área cultural atlántica dentro da cal se inscribe a arquitectura funeraria galega do Neolítico. Podería haber máis coma estes no resto de Galicia?, preguntámoslles aos arqueólogos. "Por que non?", sinala Rodrigo Paulos. "O cairn da Muradella, coa súa posición central e principal no val de Lemos, achéganos de maneira privilexiada ao universo cultural e de crenzas das xentes da Prehistoria", explica. Revela como hai seis mil anos, coa súa rede de conexión visual entre todos os montes nos que se atopaban as vellas necrópoles, había unha dilatada percepción do espazo e do territorio. Pero tamén da estrutura de xerarquías das súas crenzas, co cairn da Muradella no centro dun espazo simbólico.


Primeiros rascuños a partir dos indicios detectados no gradiómetro. Imaxe: @amycobalto

Pero hai algo máis. O emprego do gradiómetro para detectar estruturas subterráneas localizou algo máis, sorprendente. Ao carón do cairn detéctase unha estrutura circular con dous foxos. "Ten toda a traza de ser un poboado neolítico", explica ufano Rodrigo Paulos, "aínda que en Galicia non son moi coñecidos, cada vez temos máis claro que ao carón das necrópoles neolíticas estaban tamén os hábitats dos vivos". Un pequeno rascuño permítenos visualizar unha primeira hipótese de reconstrución dun espazo no que mortos e vivos conviven de xeito moi próximo.

Pode que os cairn estean aí, por moitas partes do territorio, aínda invisibles, sen considerar ou nun territorio impreciso e ambiguo no que ninguén lles prestou moita atención. Sería unha circunstancia similar ao dos henges, que hoxe aparecen por numerosas partes do territorio pero que ata agora nin figuraban na memoria popular nin no interese arqueolóxico. Se cadra cos cairn pase o mesmo a partir desta escavación de A Muradella. Haberá que ir pensando en poñerlles un nome.