Modelo LiDAR da Roda do Castro. Foto: Incipit/CSIC
Interpretación dos resultados do gradiómetro no interior da Roda do Castro. Foto: Proxecto A Roda do Castro
Un poboado organizado ao redor da metalurxia
Pero a Ayán a Roda do Castro tíñalle un olor especial sobre todo polos datos que o gradiómetro, unha especie de radar subterráneo, ofreceu do subsolo do castro. Os datos obtidos polo técnico Carlos Otero ofreceron unha curiosa distribución das estruturas, case todas pegadas á muralla polo interior. Cara o interior da croa o gradiómetro rexistra un espazo baleiro, só interrompido por unha estrutura complexa e de gran tamaño no centro.
"Nesas estruturas cinguidas á muralla atopamos valores moi elevados de compoñentes férricos, o que indica pola xeral a presenza de moitas escouras e posibles fornos de función", explica Ayán, "e iso é tal cal o que nos atopamos durante a escavación do castro de San Lourenzo, unha actividade moi elevada de metalurxia do ferro, con crisois e mesmo fornos portátiles. Ademais, e aínda que a zona central de san Lourenzo foi transformada pola posterior actividade medieval, o nivel castrexo tamén parece seguir a mesma disposición, cun gran baleiro central".
Así que o arqueólogo pregúntase se non estará a suceder o mesmo na Roda do Castro. "Un aspecto importante é a posición xeolóxica do propio castro, xusto na liña de fractura entre dúas facies, a ordovícica e a silúrica. Nese límite de contacto aparece turmalina, un mineral de gran valor estética, e óxido de ferro", explica.
As escavacións en san Lourenzo proporcionaron a Xurxo ademais indicacións moi suxestivas que agora comezan a ter paralelos neste castro relativamente próximo. "En san Lourenzo observamos un único nivel de ocupación do xacemento na segunda Idade do Ferro e ausencia de romanización, así como determinados indicios que parecen falar de que non era un poboado normal, como a escasa diversidade da cerámica ou a solidez das propias vivendas", explica Ayán, "o cal contrasta coa monumentalidade das murallas construídas. Parece un poboado orientado á actividade mineira e de procesado destes minerais". E un poboado que se abandona cando deixa de ser útil.
Por que tanta metalurxia?
A que se pode deber unha produción a escala industrial do ferro? Onde vai ese ferro? "Eu creo que estamos valorando pouco a influencia celtibérica", explica Ayán, "pero a influencia da Meseta no urbanismo dos castros de Lemos, ou nas fibelas que atopamos é moi importante". Ayán lembra que en san Lourenzo atopan numerosos crisois de fundición de ferro pero non obxectos rematados dese material, como se todo estivera orientado á exportación. Poderá pasar algo similar na Roda do Castro? Ata o momento, a evidencia é a presenza masiva de restos férricos en todas as estruturas ao pé da muralla. E a sospeita de que non foron os romanos os primeiros en aproveitar de xeito industrial o territorio galaico. Futuras investigacións poderán axudar a comprender estes intrigantes castros-factoría de Lemos.









