Castro de Montes Claros
O castro de Montes Claros non defraudou nese sentido. A unha semana de que remate a campaña deste ano, Soto considera que xa están moi definidas as liñas dos achados deste ano. En primeiro lugar, os elementos máis relevantes das dúas campañas levadas ata o momento, unhas pías rupestres. "A primeira apareceu na campaña anterior, en canto limpamos a zona de traballo. Pero nesta campaña apareceu outra nova. Son dúas pías dun metro cúbico dun metro de profundidade, unha especie de cubetas de gran capacidade que entendemos que acollían líquidos. Na que escavamos nestes días atopamos un recubrimento arxiloso e unha serie de canles para favorecer a entrada de auga que revelan a existencia dun sistema hidráulico", explica Soto. Este tipo de achados, especialmente en castros do norte de Galicia, non son frecuentes, pero ademais o contexto arqueolóxico das pías engade datos.


A nova pía a metade da escavación, na que se pode apreciar o nivel de queimado, e finalizada. Fotos: Proxecto Mones Claros
"As pías atópanse nunha plataforma rochosa de grandes dimensións, cunha rocha traballada ao longo de dez metros, pero foi nesta campaña cando descubrimos algo máis. A coincidir co corte desa rocha atopamos unha serie de pedras fincadas que parecen calzos para soster unha empalizada. Esas pías estaban nun cabanote", sinala Soto, quen xa parece ter unha opinión formada sobre a funcionalidade do espazo, pero a reserva a vindeiras campañas que permitan confirmala. O que si está claro é que as pías deixaron de ser usadas nun momento determinado aínda que a vida no castro continuou. As pías foron enchidas de entullo e un importante nivel de queimado que deixou como mostras numerosos carbóns que poderán ser datados, así como axudar a coñecer a flora do lugar. Por riba delas aparece unha estrutura de época galaicorromana que revela que as pías son anteriores a esa fase do castro.
O castro, con todo, parece ter unha ocupación moi antiga. O achado dun anaco de fouce de bronce, e determinadas cerámicas, permiten a Soto afirmar que cando menos o poboado estaba en activo no século III a.C., e determinadas cerámicas de importación, similares ás atopadas no porto da Coruña para a época prerromana ou unha conta de vidro oculado atopado nestes anos revela que xa entón era un espazo comunicado e con ligazóns comerciais.

As pías, as dúas estruturas aparecidas e o incipiente enlousado de acceso no centro. Foto: Proxecto Mones Claros
As intervencións deste ano revelaron tamén outros elementos, como o lousado do camiño de acceso ao castro ou dúas estruturas de grandes dimensións, das cales nunha aparece un fogar moi ben definido. Pouco a pouco, a entrada á croa do xacemento vai revelando a súa complexidade e sendo comprensible para os visitantes.
"A comarca de Bergantiños é moi pouco coñecida no arqueolóxico, pero estas intervencións permiten ir definindo o espazo ártabro, e axudarnos a saber por que as fontes clásicas os chaman dese xeito. Que é o que os define? A arquitectura, as defensas, as cerámicas?", pregúntase Puri Soto.
O concello da Laracha adquiriu a propiedade do xacemento ao completo, un recinto de máis de 44.000 metros cadrados. "Son unha gran defensora do que o patrimonio cultural pode facer os concellos, pero tamén do que os concellos poden facer ao patrimonio cultural", explica, "e este castro é un bo exemplo".








