A muralla que é memoria

A análise dun intrigante taboeiro de xogo da Idade do Ferro desvela os rituais da prehistoria

16/2/2024 | Santiago. Manuel Gago | Seccións: Historia
Compartir:

Fichas do taboleiro de xogo. Foto: Nión / Lvcentvm

Un intrigante conxunto de 176 fragmentos de cerámica leva coméndolle a cabeza ao arqueólogo Samuel Nión desde a súa descuberta no Castro Curbín (Arzúa), onde unha primeira campaña arquelóxica levada a cabo pola USC tentaba caracterizar un sinxelo castro de interior, moi próximo ao Camiño Francés. Unha recente publicación consolida a interpretación inicial da peza, cando se intuiu que se podería tratar dun taboeiro de xogo da Idade do Ferro coas súas fichas, o cal convertiría a peza nunha "das expresións lúdicas máis antigas da Península e a primeira coñecida no Noroeste". Pero a análise dos datos revelou tamén que o misterio da peza non remataba só nela, senón no contexto no apareceu.

"Os arqueólogos somos incapaces de distinguir ningún obxecto (ou fenómeno) que non se nos ensinara a buscar", asegura o arqueólogo Samuel Nión, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, no artigo El tablero cerámico de Castro Curbín (Arzúa, A Coruña). Reflexiones sobre religiosidad y ¿juegos de mesa? en la Edad del Hierro del noroeste peninsular que publicou recentemente na revista especializada en arqueoloxía Lvcentum da Universidade de Alicante. Por iso, Nión estívolle dando voltas todo este tempo ao obxecto que recuperou en 2021 na sondaxe 6 do Castro Curbín (Arzúa), un sitio fortificado da Idade de Ferro que conserva na actualidade un notable e único recinto circular, e que a USC investigou co financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. A intervención no Castro Curbín permitiu verificar que o xacemento mantivo unha única fase de ocupación entre os séculos IV e I a.C., cesando a súa ocupación a coincidir coa conquista romana. A intervención na croa permitiu recuperar tres vivendas cosntruídas con materiais perecedeiros, como é frecuente en moitos castros de interior de Galicia, e que tiñan os materiais habituais dunha cabana galaica da Idade do Ferro, como fusaiolas, muíños ou todo tipo de louza.


Sondaxe 6

A sorpresa viña na sondaxe 6, que practicaron no exterior do castro, preto de onde o foxo confluía co acceso ao poboado. Os arqueólogos foron retirando camadas de terra e grava derivadas do derrube gradual da muralla do castro, ata que acadaron dous depósitos "con abundante presenza de carbóns e un rexistro material particularmente amplo, con máis de 400 pezas inventariadas". A abundancia de carbóns permitiu datar con claridade o que estaban atopando aí, entre os séculos IV-II a.C. "anterior ou contemporáneo á construción do castro", avanza Nión.

Neses depósitos, o equipo atopou un intrigante obxecto fragmentado en 176 pezas, que posteriormente foron reconstruídas como nun auténtico puzzle, especialmente porque a diferencia das pezas de louza, aquí non se podía saber cal era a súa aparencia orixinal. Pero había un elemento claro: o obxecto parecía estar conformado por dúas pezas distintas e logo un conxunto de fichas que parecían encaixar en ocos practicados na peza cerámica. Para o obxecto non existen "paralelos noutros contextos da Idade do Ferro do Noroeste" . Por iso, "o carácter insólito do obxecto, o seu alto grao de fragmentación e a ausencia de paralelos equiparables supuxeron un auténtico crebadoiro de cabeza para a súa interpretación funcional", sinala o arqueólogo. Tras descartar varias opcións, como unha posible función como forno metalúrxico ou forno cerámico portátil, Nión decantouse con claridade por unha especie de xogo de mesa.


Reconstrución do taboleiro

De ser tal cousa, este conxunto sería "das expresións lúdicas máis antigas da Península e a primeira coñecida no Noroeste", aínda que Nión advirte de que tamén este tipo de manifestacións culturais foron ata o momento moi pouco atendidas.

Con todo, o lugar no que o taboleiro coas súas fichas aparece é tamén moi rechamante. Nesa especie de depósito no foxo do castro, e rodeado de numerosos fragmentos cerámicos que foran escachados in situ. Para o investigador, a estraña localización do achado está falando dun comportamento cultural cada vez máis habitual no mundo dos castros: os depósitos rituais vinculados ás murallas dos castros e moitas veces no seu exterior. "Se ben o carácter votivo para claro moito máis difícil é chegar ao imaxinario que evoca e xustifica estes actos simbólicos", explica Nión. Para o investigador, este tipo de achados comezan a ser frecuentes en castros do interior de Galicia, con sociedades máis rurais e igualitarias, nas que a diferencia da área das rías baixas ou do norte de Portugal, hai menos indicios de xerarquización social. "Que o único exemplo coñecido de actividade cultural se oriente cara as murallas permite remarcar o seu simbolismo nos termos culturais e identitarios. A elección dos sistemas defensivos como espazo prioritario de cultualidade suliña o seu valor social e convérteas nun verdadeiro "monumento" comunitario".

Nos primeiros momentos da construción de castro Curbín, alguén depositou no foxo un obxecto de especial valor. Non sabemos que palabras pronunciou ao facelo. En que cría. Pero fíxoo ao redor do equipamento máis valioso da súa comunidade. Agora comezamos a comprendelo.

Que che parece esta nova?
101 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

No confín dos vellos castros

Ver serie completa
15/10/2025

Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

10/09/2025

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

15/07/2025

Moito máis que unha porta

A nova campaña no castro de Montes Claros desvela inxentes traballos na construción do sistema de acceso

02/04/2025

Na traza dos mineiros galaicos

A investigación da Roda do Castro (Salcedo, A Pobra do Brollón) confirma a elevada actividade metalúrxica nos castros da terra de Lemos

12/12/2024

Un mapa para buscar as trazas do poder

A escavación no castro de Tralocastro (Ferrol) localiza posibles espazos colectivos ás portas da acrópole

09/12/2024

O forno por debaixo do monumento con forno

A nova campaña do castro do Sarridal revela a existencia dun posible 'forno comunitario' por debaixo da sauna galaica

Do mesmo ámbito

16/09/2024

O castro menos castro

A nova intervención en Penas do Castelo desvela unha estrutura inédita na Idade do Ferro galega

14/03/2019

Un sol alumea nas Barreiras

A segunda campaña arqueolóxica no castro vimiancés permite coñecer máis sobre o carácter e o final dun asentamento da Idade do Ferro

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Idade do Ferro, Prehistoria, USC, Arzúa...