Unha dona de xisto

A escavación da mámoa do Santo (Doade, Lalín) permite recuperar un ídolo-placa prehistórico

20/10/2023 | Santiago. Manuel Gago | Seccións: Historia
Compartir:

Ídolo-placa feminino. Foto: Equipo arqueolóxico

Os arqueólogos de CADO Arqueoloxía que están estes días subidos aos altos da parroquia de Doade (Lalín) non contaban con sufrir o primeiro temporal do outono, pero os resutlados están a ser moi proveitosos. Traballan na primeira escavación arqueolóxica da mámoa do Santo, un prominente túmulo megalítico situado ao carón dun antigo camiño real. A intervención na mámoa está promovida polo Museo Casa do Patrón desta parroquia e tenta coñecer máis polo miúdo un monumento funerario prehistórico inmerso nunha zona de antigas tradicións. Os visitantes que se acheguen á intervención poderán atopar nas proximidades, sobre unha laxe na que perviven petróglifos, unha curiosa figura con brazos e cabeza feita a partir de pedras de seixo. É un exemplo de estante, mariola, home morto ou santo de pedra; con tales nomes coñecíanse na parroquia de Doade as figuras de seixo que os veciños construían en pasadas xeracións para convocar as chuvias en tempos de seca.

"Xa hai quen nos dixo que a tiñamos que tirar para ver se paraba este temporal!", comenta Vanesa Trevín Pita, a directora da intervención arqueolóxica. Polo de contado, os arqueólogos traballan en dous frentes, e un deles está provisionalmente tapado na agarda de que rematen as chuvias. O equipo comezara a intervención polo amplo cono de violación que a mámoa do Santo ten practicado no medio. "Temos un empedrado que delimita unha zona de queimado e aí apareceu, pensamos que in situ, un ídolo placa de xisto, con trazos antropomorfos". A peza, na que se recoñecen as formas do corpo, suxírelle a Vanesa Trevín "unha forma máis feminina que masculina". A aparición destes ídolos placa non é rara nos túmulos megalíticos, "aínda que non tan ben traballadas coma esta". Algunhas están feitas con xisto. Nesa zona baixo o cono de violación tamén apareceu unha placa redonda de xisto, que sería a primeira de varios de achados similares que están sucedendo noutras áreas do túmulo. "Decidimos deixar momentaneamente esa zona pola chuvia, e centrarnos no noreste", explica Trevín. Unha zanxa permitiu localizar "unha serie de pedras chantadas que van delimitando unha zona de queimado", que se completou cun "anel perimetral de pedras máis grandes". O anel perimetral define nas mámoas o límite do monumento.


Foto: Equipo arqueolóxico

Ata o momento, na mámoa non apareceron eses grandes ortostatos de pedra que compuñan, na imaxe tradicional dos túmulos, os dólmenes que se atopan o interior. "Aínda non sabemos se foron espoliados nalgún momento ou se realmente nunca os tiveron". Na intervención participa Santiago Vázquez, un arqueólogo de gran experiencia nas complexas intervencións na arquitectura megalítica galega. "Por bibliografía e pola experiencia de Santiago sabemos que en realidade hai case máis mámoas sen dolmen que mámoas con dolmen", explica Vanesa Trevín. Con todo, aínda fican dias de intervención arqueolóxica e todo pode cambiar. Os arqueólogos tamén están recollendo numeroso material queimado para poder obter datacións radiocarbónicas do monumento. Cos datos existentes, polo momento a datación precisa do monumento dentro das dilatadas marxes do neolítico e calcolítico continúa a ser unha incógnita.


Área de queimado no noreste da mámoa. Foto: Equipo arqueolóxico

Na mámoa do Santo hai algo moi profundo que conecta a parroquia de Doade con este gran túmulo que presidía o territorio desta comunidade por milenios: o seixo. O tosco e telúrico santo que convoca as chuvias moi preto da mámoa está feito do mesmo material que a maior parte da pedra do anel perimetral da mámoa: bloques de seixo. "E atopamos tamén no interior moito seixo picado ou fragmentado", explica Trevín. Varios milenios separan os veciños do Doade actual dos construtores deste gran túmulo. Pero as fermosas pedras acumuladas baixo a mámoa preservaban un vínculo que vai máis alá dos febles fíos da memoria.


O 'santo' de Doade

Que che parece esta nova?
111 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Achados arqueolóxicos

Ver serie completa
02/06/2025

As testemuñas pétreas dunha revolución de feiras

As escavacións dos chozos do Suído revelan que boa parte dos misteriosos chozos foron edificados no século XVIII

24/09/2024

Murallas para gardar penedos

Os arqueólogos descubren unha rica cultura material no castro da Cividade (Cerdedo-Cotobade)

31/07/2024

Vivir ao redor dun monumento

As intervencións nas rodas de Vilarello (A Pobra do Brollón) e Corro dos Mouros (Lugo) permiten avanzar no coñecemento destas estruturas da Idade do Bronce

19/01/2023

Uns cabalos que corrían máis alá das fronteiras

Unha nova investigación conclúe que moitas das representacións de animais dos petróglifos son do tempo dos castros

01/12/2022

Andar con pés de coiro

Localizan unha sorprendente colección de calzado medieval no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

22/11/2022

Entrar con lendas, saír con tumbas

Remata a campaña arqueolóxica no convento pontevedrés de Santa Clara

Do mesmo ámbito

29/08/2013

Pedras no camiño

Leme achégase hoxe ao concello de Rianxo para ver o Cruceiro da Laxe Pequena

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Lalín, Arqueoloxía, Neolítico, Arquitectura

Claves

Lugares