Desaparece a asociación Fillos de Galicia, pioneira da Internet galega

Os webs da entidade poderán seguir consultándose a xeito de arquivo

| Santiago. Redacción | Seccións: Comunicación
Compartir:
Desaparece a asociación Fillos de Galicia, pioneira da Internet galega

Logo do acordo tomado o pasado 28 de xullo en asemblea, a Asociación Cultural Fillos de Galicia deixa de existir legalmente. A entidade, pioneira da Internet galega, desenvolveu múltiples iniciativas desde 1997, como o portal que lle dá nome e que chegou a acumular máis de sete millóns de usuarios. Os espazos web que a entidade mantiña en liña pasan agora a mans da Asociación Touda, que desde 2018 ofertaba aloxamento gratuíto a este proxecto e que os conservará a xeito de arquivo aberto ao público nas redes.

Dentro dos fitos da longa traxectoria do proxecto, a organización destaca propostas como blog Atopadoiro, orientado a propiciar reencontros entre familias separadas pola migración, a Biblioteca Fillos de Galicia, que dispoñibilizaba na rede publicacións electrónicas sobre diferentes aspectos da nosa cultura ou o espazo Fillos de sona que compilaba biografías de persoeiros de orixe galega.

A estas propostas sumáronse outras como A Parcelaria iniciativa pioneira no net-art no país no que se vendían parcelas dun mapa de Galicia para obter fondos, Radio Aturuxo que iniciou as súas emisións en streaming en 2007, o proxecto NomesGalegos.info que compilaba onomástica no noso idioma ou a plataforma ETiQueTal, orientada a atopar parella en galego.

A directiva saínte apunta que "os tempos mudan, as comunidades virtuais temáticas entraron en declive coa irrupción das chamadas 'redes sociais' como Facebook, e os recursos económicos e a enerxía persoal, coa retirada do apoio da Xunta de Galicia tras o fin do goberno bipartito, remataron por esgotarse ou non atopar relevo".

Ademais agradeceu a todas as persoas usuarias a "participación e achegas para construír un pedazo da historia da Internet galega" que, sinalan, "deixou pegada imborrable en forma de amizades, identidades e nacionalidades recuperadas, así como ducias de familias que se volveron atopar tras décadas de separación. Unha auténtica ponte virtual entre os galegos de todo o mundo, que xa é historia".

Que che parece esta nova?
109 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Internet, Facebook, Radio Aturuxo, Xunta de Galicia

Claves

Conceptos