Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

As escavacións en san  Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio
Vista cenital do castro de san Tirso de Portocelo. Foto: Proxecto arqueolóxico
Un xacemento arqueolóxico habitado durante moito tempo adoita ser como as capas dunha cebola, con diferentes fases temporais que se van superpoñendo. No espectacular castro costeiro de Portocelo (Xove), o equipo arqueolóxico decidiu deter a intervención na última fase do castro, para que os visitantes poidan observar a última etapa do xacemento como castro, entre finais do século IV e mediados do século V, a coincidir co final do Imperio romano. Por debaixo desa cabana, Portocelo garda cando menos construcións e materiais que se remontan como mínimo ao século I d.C. Son eses niveis máis antigos os que habitualmente vemos nos castros máis coñecidos.


A vivenda escavada. Foto: Proxecto arqueolóxico

"Tes que tomar unha decisión consciente do que queres ensinar", explica o arqueólogo David Fernández Abella, director da intervención, "cando un arqueólogo ten a responsabilidade de deixar un espazo musealizado como neste este caso, debes optar por unha fase cronolóxica e explicar desde aí". O proxecto, que inclúe a escavación e restauración das estruturas para a súa posta en valor, está promovido polo concello de Xove co financiamento da consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Durante moito tempo, as decisións sobre que se amosaba ao público dos castros adoitaban pasar por retirar as estruturas das últimas fases de ocupación, que adoitaban corresponder ao período tardoantigo, para amosarlles os visitantes a visión do castro tradicional da Idade do Ferro ou no período altoimperial romano. E isto tiña que ver co papel central que a prehistoria e os castros desa época xogan na identidade cultural. Pero esa visión tradicional está cambiando.

Entre romanos e suevos
"Eu penso que a Antigüidade tardía é unha etapa moi pouco posta no seu sitio, pero sen embargo ten a mesma entidade ou mesmo valor para explicar un xacemento coma este", sinala Abella. A cronoloxía que os arqueólogos identifican para este período en Portocelo lévanos a un período especialmente turbulento da historia de Gallaecia e do Imperio romano. A cabana exhumada nesta campaña foi construída a finais do século III, moi pouco antes da chegada dos suevos a Galicia no ano 409, e estivo habitada máis ou menos ata mediados do século V, a coincidir máis ou menos co reinado de Requiario, o primeiro rei suevo en adoptar o catolicismo e en acuñar moeda propia dentro do Imperio. A atención que nos últimos anos os investigadores e o público teñen cara a Antigüidade tardía e o reino suevo indican que a propia visión do pasado de Galicia está a cambiar e iso tamén se comeza a observar nas decisións sobre que amosar nos castros e que contar.

"Esta cronoloxía é habitual para os castros da Mariña", explica Fernández Abella, "no que a xulgar polas memorias das intervencións moitos castros coma o de Fazouro teñen tamén unha fase tardoantiga". En Portocelo, os arqueólogos puideron constatar que hai unha cesura no hábitat do poboado. "As cronoloxías máis antigas dannos información de que como mínimo foi habitado entre o século I e o III", explica. Pero neses momentos prodúcese un abandono da estrutura, que parece reconstruírse a finais do século III. Unha boa analoxía sería unha aldea galega actual abandonada nos anos 70 á que chegan xentes novas décadas despois, reparan, reconstrúen muros e cambian mesmo cousas da pranta. "Sabemos, por exemplo, que a entrada á vivenda foi reformulada", explica Abella, "limpan o espazo, fan un chan novo". Este fenómeno tamén é habitual noutros castros en Galicia e na Europa atlántica, onde a xente parece retornar aos vellos castros dos seus devanceiros durante este período de inestabilidade política e violencia e habitan neles durante un corto período de tempo.


O emprazamento marítimo de San Tirso de Portocelo. Foto: Proxecto arqueolóxico


Unha cousa que lles chamou a atención ao equipo foi o achado de tres metas de muíño, as partes fixas, no interior da casa, algo pouco habitual, e un dos muíños de certo tamaño. "De broma no equipo chamámoslle a casa do panadeiro", di ríndose Fernández Abella. Tamén tiveron a sorte de que unha das paredes da casa colapsou enteira e ao se derrubar, puideron coñecer que a casa tiña unha altura orixinal duns 2,10 metros.

O achado dos materiais revela a existencia dunha comunidade rural con poucos contactos co exterior. "De todos os materiais que temos, apenas un 0,5% ou 0.10% proceden de sitios de importación", explica, aínda que o arqueólogo ten certas dúbidas. "Isto é moi curioso porque o castro está nun espazo costeiro e o castro da Atalaia, no que sabemos que nestes momentos hai unha actividade comercial moi importante", explica David F. Abella. Un recente estudo sobre os materiais cerámicos da Atalaia permiten documentar a intensa actividades comercial deste porto no norte de Galicia, con contactos comerciais con Bordeos no norte e o Mediterráneo oriental no sur. Sen embargo, e ao igual que sucede con Vigo, outro destes portos abertos ao comercio internacional tardoantigo, moi pouco deste fluxo de obxectos de luxo parece importarse para castros da comarca como Portocelo. Fernández Abella ten reservas: "levamos aínda escavados só 70 metros cadrados de 1000, se cadra atoparemos máis elementos de importación. En todo caso, o papel das elites nos nodos comerciais e na distribución dos bens de luxo aínda é bastante descoñecido".

A comparación co tipo de materiais que aparecen nos niveis máis antigos do castro, cunha maior presenza de cerámica procedente de núcleos alfareiros ás veces moi distantes, revela o colapso das comunicacións ao final do Imperio.


A tumba con muíños no interior. Foto: Proxecto arqueolóxico

Unha tumba intrigante
Porén, a campaña tivo un achado que ten moi intrigado a Abella. Entre as ruínas da casa do século III, precedente da actual, localizouse unha tumba. "Está disposta coma un enterramento cristián", explica Abella, "no sentido Leste-Oeste, e debeu ser construída con posterioridade ao abandono do castro no século III". A cuestión é que a tumba foi modificada cando se reformou e reconstruíu a casa a finais do século IV, pero non destruída. "Dentro dela atopamos pedras e tamén muíños colocados", explica Abella. A tumba parece ter un novo uso como caixón ou despensa nun estremo da cabana. "De feito ao principio nos chamaba a atención esa especie de lacena, ata que xa comprobamos que era anterior á reconstrución da cabana", explica sorprendido.

"É frecuente atopar necrópoles sobre os restos de poboados ou villae romanas", pensa Fernández Abella, "pero sempre máis tardías". Unha tumba cristián de finais do século III ou século IV sería un asunto anómalo. De feito, no propio castro de Portocelo apareceron, preto das ruínas da igrexa, cinco tumbas de época altomedieval que poderían apuntar cara o uso do castro como lugar de memoria para a comunidade local, pero tamén á existencia nese lugar dun mosteiro altomedieval fundado por refuxiados procedentes do sur de Gallaecia durante a incursión musulmá, e do que quedou constancia na documentación.

Os restauradores comezarán agora a preparar esa vivenda tardoantiga para que poida ser coñecida polos visitantes. Será un dos poucos castros en Galicia nos que o relato amose como os castros volveron ser, a finais do Imperio, o vello refuxio que construíran centos de anos antes, as xentes da Idade do Ferro.