O lameiro que gardaba unha época enteira

As escavacións dunha piscina no balneario de Lugo ofrecen un dos conxuntos de achados máis diversos de época romana

As escavacións dunha piscina no balneario de Lugo ofrecen un dos conxuntos de achados máis diversos de época romana
A piscina romana xa totalmente escavada. Foto: Tempos Arqueólogos / Fundación Luís Monteagudo
As escavacións nunha piscina romana do balneario de Lugo revelaron unha cantidade de achados inusual para o contexto galego, no que conflúen aras votivas intencionalmente rotas, unha enorme cantidade de madeira de época romana, un conxunto cerámico diverso, numerosos exemplos de calzado romano e mesmo armas nun excepcional estado de conservación. "Só as salinas romanas de Vigo ofreceron materiais arqueolóxicos de época romana tan ben conservados", asegura Francisco Alonso Toucido, director de Tempos Arqueólogos e corresponsable da intervención arqueolóxica, financiada pola Fundación Luís Monteagudo.

Nas proximidades da muralla de Hadrián, preto da fronteira entre Inglaterra e Escocia, atópase o forte romano de Vindolanda. O xacemento é famoso porque as intervencións arqueolóxicas, que duran décadas, permitiron a recuperación dunha enorme cantidade de material orgánico pouco habitual cando se escavan xacementos tan antigos, coma tecidos, instrumentos de madeira ou as famosas táboas de correspondencia que dan conta da vida cotiá da instalación militar. Ese material conservouse dous mil anos grazas ao enchoupamento do solo do campamento e a baixa concentración de osíxeno, o cal evita a degradación do material orgánico. Desde Galicia é un lugar común entre os arqueólogos mirar con envexa a riqueza de materiais extraídos neste tipo de xacementos.

Un medio sen osíxeno

Pero a piscina do balneario de Lugo da que se rematou a intervención arqueolóxica a semana pasada, permitiu vivir en Galicia sorpresas similares durante as últimas semanas. "É un medio anaeróbico, de saturación hídrica e sen osíxeno", explica Francisco Alonso. "A piscina ficou selada por unha capa de lodos e arxilas, e por riba desa viñeron outros recheos que ocultaron a piscina ata os nosos días". O xacemento fora localizado nos anos 90 polo arqueólogo Francisco Hervés, durante unhas escavacións arqueóloxicas previas no balneario de Lugo, unha das instalacións de época romana aínda activas en mellor estado de conservación do Imperio. Conserva aínda tres salas orixinais da época. A intervención arqueolóxica escavou 150 metros cadrados dunha instalación que ocupou aproximadamente 11,5 x 11 metros e da que se conservan 60 centímetros en altura.


Potes de época romana en bo estado. Foto: Tempos Arqueólogos / Fundación Luís Monteagudo

"Puidemos ver que facian a escavación sobre os lodos", explica Alonso Toucido, "encofran con táboas e meten o formigón coma se faría hoxe. Ese é o opus cementicium, logo selado con opus signinum. Na zona central aparece un posible pozo, como un estanque dentro dun estanque, e nel vemos que mana auga e sería como un pilón do que sairía auga quente". É difícil determinar, segundo os arqueólogos, as orixes da estrutura, aínda que tentativamente se situaría ao redor do século I, máis ou menos en consonancia coa fundación de Lucus Augusti. O final, pola contra, parece máis claro, xa que os materiais localizados pódense datar no século V. "O estanque foi abandonado naquel momento e converteuse nun lameiro, e valeu para ir tirando o lixo todo da contorna e mesmo recibiu numeroso material dos desbordamentos do río", explica Toucido. Foi precisamente esa función de verquedoiro de lixo a que está a ofrecer todos os valiosos datos.

As aras destruídas

Os arqueólogos teñen dúbidas sobre a función orixinal da piscina. "aínda non sabemos se era unha natatio con "fins medicinais, curativos ou simbólicos" ou un estanque dun ninfeo e cun "sentido simbólico". As ninfas, divinidades romanas asociadas con frecuencia ás fontes de auga termal tanto en Lugo como nas Burgas de Ourense, parecen ter moito que ver. "Atopamos unha gran cantidade de aras destruídas, están machacadas. A nivel estatigráfico vese perfectamente como están rotas e en proceso de seren botadas á piscina. Algúns fragmentos estaban no fondo e outros aínda nos bordes, e hai uns cantos que conservan pigmentos no fondo das inscricións", explica Alonso Toucido. Ese proceso de destrución das vellas aras dedicadas ás ninfas e outras divinidades e a acción de guindalas á piscina produciuse no século IV. "Asociado a este nivel temos moedas do emperador Constantino, que foi o dirixente que declarou o cristianismo como relixión oficial do Imperio", explica Toucido.

Pero xunto con este proceso apareceron cantidades inxentes de producións cerámicas e sobre todo un extraordinario conxunto de materiais orgánicos. "Temos unha cabeza enteira de bóvido, can, cabalo, escarabellos, fragmentos de castañas, abundantes cereais e sementes, quince mostras de calzado e numerosas madeiras orixinais dos séculos IV e V, moitas ponlas de árbores do bosque de ribeira do Miño", explica Toucido.


Unha dolabra localizada na piscina. Foto: Tempos Arqueólogos / Fundación Luís Monteagudo

Armas no lodo

Pero canda todos eses restos orgánicos, o equipo de Tempos localizou materiais aínda máis sorprendentes: armas. Temos unha dolabra (unha especie de machado e pico de frecuente uso militar), dúas puntas de venablo, un pilum e unha posible punta de flecha. Polo xeito no que aparecen as armas, Alonso Toucido considera que non se trata de depósitos rituais procedentes da piscina, senón que as armas chegaron aí como parte do proceso de acumulación de sedimentos da piscina cando foi abandonada. Pendentes de estudo detallado, as armas parecen ter unha cronoloxía ampla.

O equipo xa está coordinando con especialistas de diferentes centros de investigación para a análise destes materiais, como María Martín Seijo, do INCIPIT, para a análise das madeiras, Juan Manuel Abascal Palazón para o estudo das aras Carlos Fernández, da universidade de León para o estudo dos restos de fauna ou Jorge Sanjurjo, da universidade da Coruña, para o estudo dos morteiros.
"Penso que esta intervención é un logro patrimonial para Galicia", valora Alonso Toucido, "é a intervención máis grande acometida ata o momento pola Fundación Luís Monteagudo, de capital privado, e levada a cabo por outra empresa privada, Tempos Arqueólogos, coa colaboración de diferentes axentes institucionais, coma o propio balneario de Lugo, que combinou os seus servizos cunha escavación de gran magnitude no seu patio".