Metodoloxía extrema

Os arqueólogos botan man de todas as técnicas posibles para desvelar as orixes dunha misteriosa fortificación en Covelo

| Santiago. Manuel Gago. | Seccións: Historia
Compartir:
Estrutura do muro. Foto: romanarmy.eu

Estrutura do muro. Foto: romanarmy.eu

Non todos os días un equipo arqueolóxico traballa a 1148 metros de altitude, con fortes ventos, néboa, un espazo baleiro sen posibilidades de refuxio e un xacemento enigmático no que se parte sabendo da súa complexidade. Pero iso é o Castelo do Faro, en Covelo (Pontevedra). Un lugar no que o equipo de arqueólogos ten que acabar botando man de recursos de "metodoloxía extrema" para tentar compensar as dificultades do proxecto. O venres pasado rematou a primeira campaña de intervención, promovida polo concello en colaboración coa Comunidade de Montes de San Salvador de Prado e co apoio da Deputación de Pontevedra.

O teito da provincia de Pontevedra é a Serra do Suído e os altos do Faro de Avión, xa asomando cara o río Miño e a fronteira con Portugal. Hai tres outeiros de altura máis ou menos similar, "pero dentro deles, quen fixo isto, parece que buscou o alto que tivera a morfoloxía máis viable", explica o arqueólogo e profesor da Universidade de Salamanca José Manuel Costa. Costa recapitula os resultados dunha dura semana de traballo que se salda cun tipo de fortificación inédita en Galicia e con ningún fragmento de cultura material que permitira achegarse á datación do sitio de acordo coas técnicas máis convencionais da arqueoloxía, que é a identificación de obxectos. "É un xacemento completamente mudo", describe Costa.

Pero estar, está. Cinguindo unhas 4,3 hectáreas, un muro cingue o alto do outeiro de maneira constante e sistemática, aproveitando os afloramentos de pedra cun muro dunha técnica construtiva moi pouco coñecida. "Está conformando por enormes lousas que teñen entre elas un recheo de cascallo", sinala Costa. O comportamento deste muro, con todo, é enigmático. Na súa banda oeste "hai uns reforzos cuadrangulares que saen da muralla, distanciados entre si a tramos regulares de máis ou menos corenta metros e que teñen unha manifesta función de control", sinala Costa. "O que é interesante é que construíron unha plataforma de pedra para sustentar todos estes reforzos, cun investimento de traballo importante".


Sondaxe na metade dos reforzos cuadrangulares da muralla. Video: José Manuel Costa

Estes estraños reforzos que saen da muralla teñen desconcertados os arqueólogos, que descartan que o recinto, polas súas dimensións e o traballo empregado, fose concibido para unha funcionalidade agraria, xa que na propia serra do Suído hai un conxunto abundante de construcións gandeiras de alta montaña. "De feito, localizamos un cucho de pastor nos penedos e ten unha feitura moi distinta", indica Costa. O interior do recinto, aínda que moi degradado pola construción dun parque eólico, alberga tamén outras estruturas, mesmo circulares nalgún caso, que poden falar de diferentes usos ao longo dunha secuencia de tempo moi dilatada. Pero iso non resolve o recinto principal e eses estraños reforzos. "Iso só pode ser impulsado por unha estrutura política, porque ten unha clara funcionalidade defensiva e de control", aposta Costa.

Esgotando metodoloxías
Esa primeira hipótese pode parecer moito ou pouco, pero o Castelo do Faro é unha demostración da dificultade do traballo arqueolóxico nas serras galegas e da necesidade de contar cun repertorio moi amplo de metodoloxías combinadas. Nas máis tradicionais, as sondaxes no terreo que permiten comprender a construción do recinto e localizar posibles materiais, como fragmentos de cerámica, obxectos metálicos ou orgánicos, que permitiran formular hipóteses de datación. "Estes son chans ácidos e pouco potentes, así que calquera peza de metal ou orgánica deteríorase". A escasa profundidade dos depósitos arqueolóxicos revelouse de contado, cando observaron nas sondaxes que a muralla estaba montada sobre a rocha nai. E a ausencia de cerámica asóciana a que o recinto estibo en uso durante moi pouco tempo.

A cada día que pasaba o equipo ía queimando posibilidades. Por exemplo, os arqueólogos despregaron todo outro conxunto de tecnoloxías de prospección xeofísica do terreo que tampouco ofreceron máis resultados e non revelaron estruturas ocultas. E por último botaron conta das que nos últimos anos están a ser empregadas de xeito máis innovador no país. O C-14, antes empregado unicamente para restos orgánicos como ósos ou madeira, pódese usar agora simplemente a partir do sedimento de terra. Pero o feito de a estrutura estar sustentada sobre a rocha a poucos centímetros da superficie fai que toda a terra estea filtrada e cruzada por raices que medran sen parar e son substituídas de outras. "Así que poderías tentar datar pero arríscaste a que saia mal", sinala Costa.

"A única esperanza que temos de saber que pasou aquí é a través da OSL". Refírese a unha das técnicas máis prometedoras que se están a aplicar na arqueoloxía galega nos últimos anos, e que permite achegarse á data na que un sedimento estivo exposto por última vez á luz do sol. Tomáronse mostras na base da muralla na confianza de que se poidan coñecer datacións que axuden a interpretar o recinto. "Estamos nun punto no que a metodoloxía é tan extrema que estamos collendo o mínimo do mínimo, cunha garantía de éxito relativa", sinala José Manuel Costa. Os resultados das análises OSL adoitan tardar meses.

Todo depende dunhas bolsiñas de terra
José Manuel Costa é membro do colectivo de investigación romanarmy.eu, que investiga a presenza militar romana no NW peninsular, e na intervención está axudado polo arqueólogo João Fonte, da Universidade de Exeter, e a empresa Tempos Arqueólogos. Moitos dos campamentos temporais romanos conservados atópanse en zonas de alta montaña, onde o illamento, e o seu probable uso como as vías de comunicación máis eficientes para avanzar por un territorio orograficamente complexo, facilitaron a preservación dos restos. Pero durante a investigación se localizan un gran número de recintos diferentes, que poden pertencer a momentos moi distintos da nosa Historia. O Castelo do Faro, que ten na súa propia toponimia indicios do seu uso como fortificación, podería seguir preservando o seu misterio tras unha semana de intensa investigación. Unhas pequenas bolsiñas de terra recollida na base da muralla, que gardan no seu interior partículas de cuarzo co rastro da última luz do sol que recibiron antes de seren tapadas pola muralla, teñen a resposta. En breve partirán cara o laboratorio.

Que che parece esta nova?
104 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Achados arqueóloxicos

Ver serie completa
As testemuñas pétreas dunha revolución de feiras

As testemuñas pétreas dunha revolución de feiras

As escavacións dos chozos do Suído revelan que boa parte dos misteriosos chozos foron edificados no século XVIII

Murallas para gardar penedos

Murallas para gardar penedos

Os arqueólogos descubren unha rica cultura material no castro da Cividade (Cerdedo-Cotobade)

Vivir ao redor dun monumento

Vivir ao redor dun monumento

As intervencións nas rodas de Vilarello (A Pobra do Brollón) e Corro dos Mouros (Lugo) permiten avanzar no coñecemento destas estruturas da Idade do Bronce

Unha dona de xisto

Unha dona de xisto

A escavación da mámoa do Santo (Doade, Lalín) permite recuperar un ídolo-placa prehistórico

Uns cabalos que corrían máis alá das fronteiras

Uns cabalos que corrían máis alá das fronteiras

Unha nova investigación conclúe que moitas das representacións de animais dos petróglifos son do tempo dos castros

Andar con pés de coiro

Andar con pés de coiro

Localizan unha sorprendente colección de calzado medieval no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Castelo, Deputación de Pontevedra, Arqueoloxía, Tempos Arqueólogos...