Arquitecturas que marcan distancias

Unha escavación no castro de Pereiras exhuma un anómalo edificio de grandes dimensións

Unha escavación no castro de Pereiras exhuma un anómalo edificio de grandes dimensións
Os arqueólogos traballan no interior do gran edificio do castro das Pereiras. Foto: Mario Pereiro
A nova campaña no castro de Pereiras, en Mos, prolongouse unha semana máis do agardado. O castro agachaba unha interesante sorpresa que aínda falta por ser desvelada, pero que xa ten intrigado ao equipo arqueolóxico. No medio do entramado de cabanas galaicas sobresae unha enorme estrutura que non é frecuente en xacementos próximos do sur de Pontevedra, como o castro do Trega (A Guarda), Torroso (Mos) ou Troña (Ponteareas), e que non responde á configuración urbana frecuente nos castros. Unha estrutura de grandes dimensións que parece organizar. A intervención está financiada pola Consellería de Cultura da Xunta.

"Isto é como cando ves en Avión os chalés dos emigrantes, enormes e cunha arquitectura moi distinta ás construcións tradicionais", explica en broma Mario Pereiro, director da intervención arqueolóxica que está a executar Tempos Arqueólogos. Aínda que os arqueólogos non coñecen quen foi o construtor do edificio, as súas dimensións deixan ben claro que é algo distinto e moi especial. As cabanas castrexas do castro de Pereiras, fundadas na segunda Idade do Ferro, teñen ao redor de catorce metros cadrados de superficie. Da nova estrutura, que parece ser rectangular, os arqueólogos levan xa exhumados uns 70 metros cadrados, e Pereiro calcula que faltan dúas partes máis. "Podería chegar aos 250 metros cadrados", estima o investigador. Ben máis que calquera dos nosos pisos actuais, só que hai dous mil anos e nun pequeno castro do rural galego.

Reinvestir o monte en patrimonio
O achado espertou o interese da comunidade local, ata o punto de que tralas dúas semanas proxectadas na campaña financiada pola consellería de Cultura, a comunidade de montes decidiu asumir unha terceira animada polos achados. "O técnico da dirección xeral de Patrimonio díxome que era a primeira vez que vía tal cousa", explica Pereiro. A propia historia moderna do castro de Pereiras é singular. Os terreos pertencen á comunidade de montes de Pereiras. A entidade veciñal ten alugada boa parte da súa superficie forestal ao clube Celta de Vigo. Os comuneiros reinvisten os beneficios que veñen da cidade deportiva en adquirir máis monte para a comunidade, e en iniciativas de posta en valor do patrimonio. É nesa liña na que xa teñen mercado case o 90% da superficie do xacemento arqueolóxico, uns 7000 metros cadrados. E para máis, o local social, construído nos anos 80, tamén se construíu no interior do castro. Así que os arqueólogos investigan as orixes da parroquia a poucos metros de onde esta celebra acordos, festas e actos festivos.


Cerámica galaica de tradición das Rías Baixas. Foto: Mario Pereiro

A cronoloxía do xacemento do castro de Pereiras comeza a estar bastante clara. Pereiro e o seu equipo levan traballando no xacemento desde 2021. En catro campañas, escavaron e puxeron en valor varias estruturas do poboado. "A súa fundación prodúcese ao redor do século IV a.C., pero temos unha potencial fase anterior aínda un pouco imprecisa", explica Pereiro, tendo en mente que non lonxe de Pereiras e tamén no concello de Mos se atopa un castro referencial para a arqueoloxía galega, o castro de Torroso, onde as datacións permitiron por primeira vez xa hai décadas remontar con claridade a orixe da cultura dos castros na idade do Bronce. "Temos un castro típico da segunda Idade do Ferro e ata este ano con moi pouco material para falar estritamente de romanización. O 90% do material que atopamos é galaico, e a presenza romana limitábase a anacos de ánforas Halltern 70 ou similar". Pereiro refírese ás clásicas mostras da interacción entre o mundo galaico e Roma, a través de recipientes procedentes do sur da Península e que se fan abundantes, sobre todo no litoral, a partir do cambio de era. E ese parecía ser o horizonte cultural e temporal do castro: como moitas outras acrópoles do país, abandonada ou desaloxada ao redor do cambio de era, poucas décadas despois da toma efectiva de control do territorio por parte de Roma.

As primeiras sondaxes deste ano parecían confirmar esas premisas. Os investigadores traballaron en dúas das terrazas inferiores do castro, cara o sureste do xacemento. "Queriamos ver como os traballos agrícolas, que posiblemente se intensificaron con socalcos a partir do século XVIII, afectaran ao estado de conservación". No estremo do xacemento, case no borde da notable pendente que o eleva sobre o contorno, procuraron a muralla. Alí puideron ver a escala da transformación agrícola do poboado, que remexera moito os niveis arqueolóxicos. Ao final atoparon unha cabana galaica con material castrexo 'tipo Vigo'. Aínda así, a sondaxe encaixaba co atopado ata o momento no outro estremo do castro, no que se intervira en anos anteriores.

A gran estrutura


Socalco de época castrexa. Foto: Mario Pereiro

A sorpresa procedeu nunha sondaxe practicada un pouco máis arriba. Os arqueólogos atoparon en primeiro lugar xa un detalle de interese. "Temos un socalco da época do castro que aínda hoxe mantén metro e medio de altura, e que está dividindo esa zona do castro en dúas alturas", explica Pereiro. A sorpresa estaba ao carón dese mundo. "Cara o leste aparece esa estrutura que non ten nada que ver co resto do castro". O centro da estrutura está moi danado polos traballos agrícolas, pero recoñécense ben os estremos. "Fáltannos pezas pero entendemos que é parte do mesmo edificio, cun mínimo de catro estancias, e na miña opinión de tradición cultural romana", explica Pereiro. O edificio ten adosado polo exterior unha estrutura semicircular que non foi exhumada nesta campaña. "Poderían ser cousas distintas, desde un forno ata unha escalinata de acceso". Nunha das estancias do edificio apareceu unha lareira. "Puidemos obter numerosos carbóns que nos van informar das datas de abandono do xacemento", sinala o arqueólogo.


A gran estrutura. Os muros do gran edificio están marcados coas liñas punteadas. Vista cenital. Foto: Mario Pereiro

As fotos permiten apreciar a anomalía da estrutura, con longos muros rectos e grandes dimensións, no contexto do denso urbanismo de vivendas circulares que caracteriza a Idade do Ferro das Rías Baixas. "Pensamos en dúas posibilidades principais ao redor dela", explica, "unha pode ser a presenza dalgún tipo de axente político romano neste lugar, que se destaca tamén na arquitectura construíndo unha domus á romana. A outra é unha analoxía do presente, onde visualizamos "como os emigrantes chegados de Suíza queren emular nos seus chalés a arquitectura dos seus países de acollida, e aquí podería ser algo parecido, con algún tipo de galaico que imita modelos romanos". Pereiro sinala que a cantidade de cerámica romana aumenta no interior dese edificio, do que aínda non chegaron ao nivel de uso da época.

Posibles paralelos
Os modelos nos que pensa Pereiro están en Asturias, onde un legado romano construíu no corazón do castro do Chao Samartín (Grandas de Salime) unha auténtica vila administrativa imperial para administrar o territorio indíxena, ou no castro de san Chuis (Pola de Allande), onde un conxunto de vivendas romanas de maior calidade localizadas na zona superior revelaron estándares de vida diferenciados dos materiais que se atopaban nas vivendas indíxenas da zona inferior, ou o castro de Castromaior (Portomarín), onde na última campaña practicada no castro aparecen trazas dunha enorme estrutura –distinta ao resto- diante da porta do castro e que non chegou a ser escavada. Con todo, o número de paralelos para algo así nos castros galegos é máis ben escaso. Para máis, o gran edificio parece estar construído "directamente sobre o xabre e non hai indicios de construcións previas". Con todo Pereiro considera que esta gran estrutura ten que ver coas transformacións sociais e políticas derivadas da conquista romana. "Curiosamente, o único fragmento que nos saiu de todo o castro de sigillata (a cerámica de luxo romana) aparece no interior deste edificio", explica, "e toda a cerámica común romana deste xacemento sae deste edificio"

Para vindeiras campañas, o equipo arqueolóxico quere aclarar o sentido deste gran edificio, a súa cronoloxía e funcionalidade. "Tradicionalmente, o que estamos vendo nos castros a preeminencia do mundo antigo no mundo novo", explica Pereiro. "Xa estamos no Imperio romano pero a xente segue a vivir moito tempo coa materialidade do mundo tradicional galaico". O novo edificio observa esa época desde outra óptica: a da arquitectura como elemento que diferencia uns dos outros no interior dun pequeno poboado. Quen eran os construtores desta casa de Pereiras e que pretendían explicar con esta gran construción aínda está por aclarar.