Cando o lume viaxa no tempo

O incendio de Ribas de Sil desvela unha vista única da Roda do Castro, en Salcedo (A Pobra do Brollón)

| Santiago. Manuel Gago | Seccións: Patrimonio
Compartir:
A Roda de Salcedo. Vídeo: Árbore Arqueoloxía

A Roda de Salcedo. Vídeo: Árbore Arqueoloxía

Aínda que sempre se fala do dano que causan os incendios forestais aos petróglifos, poucas veces se estuda que impacto teñen noutro tipo de xacementos. A queima de parte do xacemento da Idade do Ferro de A Roda (Salcedo, A Pobra do Brollón) permitiu unha primeira avaliación de urxencia por parte de especialistas para determinar o impacto do lume sobre os castros, e as conclusións serán remitidas á Dirección Xeral de Patrimonio. Falamos con Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía, para coñecer como afectan os lumes a estes xacementos.

A historia podería parecer case máxica. Durante o dramático incendio de Ribas de Sil, a semana pasada, o lume chegou do río do Lor, na banda de Quiroga, atravesou o río e subiu polas ladeiras da parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón). A situación era grave porque o incendio, cunha fronte de dous quilómetros de ancho, dirixíase contra unhas casas recén recuperadas, e os medios de intervención estaban a vivir unha situación de estrés. Os buldozer chegaron a unha zona boscosa para realizar cortalumes de urxencia que pararan o avance do lume cara a vivenda. Pero Teddy López, presidente da comunidade de montes de Salcedo, freounos case no último momento. "Por aquí non, ide máis abaixo que aí está a Roda", ordenou. A Roda é un castro empoleirado no alto dunha ladeira que baixa ata o río. Logo sucedeu un fenómeno que malia ser físico, parece case de novela fantástica. "Ao chegar o lume ao castro, o vento virou de súpeto e o avance do incendio cara a aldea freouse. Parece que os mouros botaron unha man!", afirma unha testemuña entre risos.


Fotografía oblicua do castro. Foto: Árbore Arqueoloxía

"A Roda é un castro que está moi ligado á memoria da xente de Salcedo. Ten moitas lendas asociadas a el, moi gardado no folclore e das tradicións", explica Benito Vilas, arqueólogo de Árbore Arqueoloxía e director da intervención noutro xacemento intervido este verán en Salcedo: as Penas do Castelo, promovida pola mesma Comunidade de Montes, a Asociación de Veciños de Salcedo, o concello da Pobra do Brollón e financiada pola Dirección xeral de Patrimonio Cultural. Vilas cre que é precisamente esta forte conexión coa comunidade a que evitou en parte que fose afectado pola maquinaria nos momentos máis tensos da extinción.


Fotografía cenital do castro. Foto: Árbore Arqueoloxía

Un sentimento contraditorio
Os técnicos do concello e máis o arqueólogo acudiron a verificar o impacto do lume sobre o xacemento. O sentimento é contraditorio: ver a devastación do lume e ao tempo, poder apreciar a espectacularidade dun xacemento limpo, no que se ven con claridade a croa circular e unha serie de parapetos e foxos concéntricos ao redor dela. A través de fotografías de terra e un voo de drone, os ténicos obtiveron unha secuencia fotográfica única, habitualmente inzados de maleza e bosque. As fotografías son quen de amosar mesmo características que non son facilmente apreciables nas visualización LiDAR do sitio arqueolóxico.


comparativa fotografía / modelo 3D a partir de datos LiDAR (Xunta de Galicia). Foto: Árbore Arqueoloxía / culturagalega.gal

Ao visitar o lugar os técnicos respiraron. "O incendio foi moi rápido e moi potente. Todo ardeu moi rápido. Tan pronto como removes a borralla ves que por debaixo non está queimado e non afectou ás raíces", indica Vilas. É precisamente nas raiceiras onde está gran parte do problema dos lumes nos poboados, a diferencia de nos petróglifos. Nestes últimos , as elevadas temperaturas provocan a fragmentación das capas superficies do granito no que están as gravuras. Pero nos castros o problema ten que ver con como chega o lume ao subsolo.

"Cando os incendios permanecen tempo, as raíces incéndianse e provocan cambios na estrutura da terra. Iso ten consecuencias na estatigrafía", afirma Vilas, quen lembra o sucedido nas Penas do Castelo. "Alí puidemos apreciar cando menos o impacto de dous grandes incendios nos niveis arqueolóxicos do xacemento", que puideron datar grazas á memoria dos veciños. As raíces non só afectan á transformación da terra e dos seus estratos, senón aos propios materiais.

A degradación dos materiais en superficie
"Sobre todos a aqueles máis próximos á superficie", sinala Benito Vilas, "no caso de materiais metálicos poden acelerar a súa oxidación e degradación, e no caso de fragmentos de cerámicas tamén perdemos información moi importante sobre o seu proceso de elaboración".

Ao ver as impresionantes imaxes da Roda queimada, aparece outra cuestión: o enorme número de xacementos invisibles en Galicia, agachados baixo densas capas de vexetación. "Telos limpos non só faría ter moita máis conciencia do noso patrimonio e melloraría a súa protección fronte os lumes", sinala Vilas, "senón que funcionarían como cortalumes tamén eles".

Os arqueólogos tamén se achegarán en vindeiras datas a outro xacemento afectado polos incendios que se atopa nas proximidades, máis preto do río Lor, chamado A Coroa do Castro. Cos resultados da revisión dos dous xacementos remitirase un informe á Dirección Xeral de Patrimonio que permitirá avanzar no coñecemento do impacto do incendio nos xacementos da Idade do Ferro.

Entrementres, fica a posibilidade de observar, de xeito privilexiado, e por moi pouco tempo, un xacemento notable da Idade do Ferro.

Que che parece esta nova?
153 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

No confín dos vellos castros

Ver serie completa
Marcha un imperio, volven os castros

Marcha un imperio, volven os castros

As escavacións en san Tirso de Portocelo (Xove) amosan como os antigos castros foron reocupados ao final do Imperio

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

Moito máis que unha porta

Moito máis que unha porta

A nova campaña no castro de Montes Claros desvela inxentes traballos na construción do sistema de acceso

Na traza dos mineiros galaicos

Na traza dos mineiros galaicos

A investigación da Roda do Castro (Salcedo, A Pobra do Brollón) confirma a elevada actividade metalúrxica nos castros da terra de Lemos

Un mapa para buscar as trazas do poder

Un mapa para buscar as trazas do poder

A escavación no castro de Tralocastro (Ferrol) localiza posibles espazos colectivos ás portas da acrópole

O forno por debaixo do monumento con forno

O forno por debaixo do monumento con forno

A nova campaña do castro do Sarridal revela a existencia dun posible 'forno comunitario' por debaixo da sauna galaica

Do mesmo ámbito

Na traza dos mineiros galaicos

Na traza dos mineiros galaicos

A investigación da Roda do Castro (Salcedo, A Pobra do Brollón) confirma a elevada actividade metalúrxica nos castros da terra de Lemos

O castro menos castro

O castro menos castro

A nova intervención en Penas do Castelo desvela unha estrutura inédita na Idade do Ferro galega

A porta que morreu parando un incendio

A porta que morreu parando un incendio

A nova campaña arqueolóxica nas Penas do Castelo (A Pobra do Brollón) revela as trazas da porta orixinal do castro e un intrigante petróglifo

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pobra do Brollón, Arqueoloxía, Idade do Ferro, Sil...