O misterio das pedras con memoria

Localizan no castro dos Penedos (Salvaterra) un enigmático espazo de posible uso relixioso ao redor de dous grandes penedos

Localizan no castro dos Penedos (Salvaterra) un enigmático espazo de posible uso relixioso ao redor de dous grandes penedos
Modelo tridimensional da cabana do castro de Os Penedos.
Nalgún momento da idade do Ferro, os habitantes do castro dos Penedos, entre as parroquias de Soutolobre e Lourido (Salvaterra do Miño) desprazaron dous enormes batolitos de unhas doce toneladas e construíron unha cabana circular para gardalos. O arqueólogo Francisco Herves considera que se trata dun enigmático recinto relixioso que pode alumear o misterio dos lugares sagrados da Idade do Ferro na antiga Gallaecia.

Francisco Herves leva desde o ano 2017 observando dúas enigmáticas pedras con gravuras que se atopan no interior do castro dos Penedos, un gran xacemento fortificado localizado entre as parroquias de Soutolobre-Lourido (Salvaterra do Miño), e que chamaban a atención da veciñanza. En todo este tempo as pedras mover non se moveron, pero a investigación e as preguntas que Francisco Herves se fai sobre elas si. A escavación en curso permitiu desvelar que os dous enormes batolitos, de entre 10 e 12 toneladas cada un, atópanse dentro dunha cabana circular da Idade do Ferro, que parece ter sido construída para acoller as dúas grandes pedras. E, ao redor desta cabana, un gran conxunto de crisois de fundición metalúrxica de época romana. Malia as numerosas incógnitas que esperta o espazo, Herves ten clara a súa función: "debe ser de tipo simbólico ou relixioso". Non se identifica na actualidade en Galicia unha estrutura similar á que se está a exhumar en Salvaterra. A intervención arqueolóxica levada a cabo por Fortes & Herves asociados, e que rematará esta semana, está promovida polo concello de Salvaterra de Miño e financiada pola Consellería de Educación e Cultura.

O xacemento das grandes penedías
O castro dos Penedos fai ben gala do seu topónimo. O recinto está inzado dunha inmensa morea de enormes batolitos graníticos que forman abrigos, pasadizos e dondos perfís petreos que se fan máis complexos conforme se ascende ata a croa do xacemento. O conxunto, aínda que agredido pola plantación de eucaliptos, é de enorme beleza: desde unha colosal cova provocada polo equilibrio dun descomunal batolito ata, na base do castro, un regato que discorre por debaixo dos penedos. Todas as grandes bolas graníticas condicionan o aspecto deste xacemento, que vai sucedéndose en terrazas e ocupa unhas catro hectáreas de dimensión. E o granito é como unha especie de negativo da actividade humana que se foi sucedendo no lugar.


Negativo de estruturas nos penedos do castro

"Nos bolos graníticos atopamos morteiros, petróglifos de coviñas, e útiles líticos prehistóricos", explica Francisco Herves, quen considera que o xacemento estivo habitado, dun xeito ou doutro, durante un periodo de tempo moi dilatado. Un paseo polo xacemento permite descubrir que unha boa parte das laxes e das redondas bolas teñen algún tipo de intervención humana: como estruturas de soporte de muros, encaixes para trabes ou outro tipo de sistemas ou conxuntos de coviñas. Aquí e acolá poden verse aínda restos de cabanas castrexas e as murallas pétreas da fortificación. A complexidade material do xacemento chega a niveis abraiantes. Aos pés da croa, pero dentro do recinto amurallado e diante da posible porta de acceso, presérvase unha mámoa que aínda conserva parte da súa cámara. A relación entre a mámoa e o xacemento fortificado do Ferro e época romana é aínda unha incógnita.


Vista cenital da cabada do castro dos Penedos, a partir de escaneado LIDAR.

As grandes pedras
Non moi lonxe, na mesma terraza do castro, é onde Herves e o seu equipo están a traballar. A área exhumada polo momento son uns 100 metros cadrados, e o que destaca no centro é a cabana circular que contén as dúas grandes pedras no seu interior. "Cremos que estas pedras foron trasladadas doutro lugar", explica Herves, "e situadas aquí por algún motivo". Mover dous batolitos de entre 10 e 12 toneladas non é calquera cousa. Pero a posición actual das pedras no interior da cabana esperta moitas dúbidas ao arqueólogo. Cando o escavaron o interior da cabana, atoparon o pavimento da cabana e unha das pedras sobre el, amosando que o penedo non se atopa na súa posición orixinal. "Todo indica que a pedra desprazouse ou caeu desde algún punto", apunta Herves. Á intervención arqueolóxica acudiron xa enxeñeiros e especialistas para tentar comprender que puido acontecer. Ademais, os dous penedos están intervidos artificialmente. Un deles ten un conxunto de gravuras e coviñas. O outro foi rebaixado para compoñer unha área plana dividida en dúas alturas apenas diferenciadas por centímetros.

No solo da cabana, os arqueólogos tamén atoparon unha cista de pedra e algunha outra foxa en negativo, na que estaba depositado un curioso croio con gravuras lonxitudinais. Na cabana apareceu tamén unha fermosa conta de cor, feita con material verde. "Pensamos que pode ser variscita", sinala Herves, en referencia a un mineral do cal as canteiras máis próximas se atopan xa fóra de Galicia. Herves ten claras dúas cousas en relación á cabana. "Non aparecen materiais ou restos que indiquen algún tipo de equipamento doméstico, e tampouco materiais de época romana". Herves lamenta o espolio do esta parte do xacemento. "Como noutras partes do castro nas que aínda afloran as cabanas do xacemento, houbo furtivos que baixaron ao carón destas pedras e destruíron parte do rexistro arqueolóxico". Herves considera que a cabana contaba cunha certa profundidade e que chegaron a existir unhas escadas para descender desde o exterior. A cabana tamén parece contar cun dobre muro nalgunha zona do seu exterior.


Negativos das estruturas de combustión dos crisois de fundición

Pero as sorpresas non rematan aí. Por fóra da estrutura, rodeándoa, o equipo arqueolóxico foi atopando unha materialidade moi singular, un gran número de negativos de crisois metalúrxicos. "Estounos contando agora mesmo mentres falo contigo", di Herves, "hai aquí cando menos doce ao redor da cabana". Os crisois vense como ocos en negativo na terra, ás veces con materiais vinculados ao proceso de fundición, algunhas zonas de queimado e numerosa escoura. Ciscados con eles, numeroso material romano, incluídos bastantes fragmentos de ánforas. Todo parece estar situado nunha especie de terraza. "O interesante é que pareceron respectar a cabana das pedras", sinala Herves.

O arqueólogo, con moita experiencia nas zonas produtivas e fabrís do Lugo romano, considera que se trata de todo un tipo de tarefas vinculadas coa explotación mineira na área. E que os morteiros que se poden observar en diferentes estruturas do castro teñen tamén que ver con todo un proceso que parece ser, cando menos nesta área, a gran escala. Algúns dos crisois parecen estar feitos mesmo aproveitando os derrubos de estruturas anteriores.


O penedo coas gravuras

Un espazo relixioso no castro
Na interpretación de tan estraño conxunto parece xogar un papel fundamental as misteriosas gravuras dun dos penedos. O problema é que o granito local é moi fragmentado, con moito seixo e se desfai con moita facilidade. Así que Herves leva observando o penedo desde hai anos con diferentes técnicas, desde a iluminación nocturna, os calcos ou a fotogrametría. O traballo destes anos lévao a afirmar que se trata dunha "estela da idade do Bronce", na que se poden apreciar coviñas pero sobre todo formas. "Hai dous guerreiros enfrontados, un puñal e mesmo un peixe", explica. A interpretación non é menor, e Herves destaca que unha das singularidades da estela é que as coviñas parecen estar conectadas entre si por sucos moi desgastados que constrúen formas.


Detalle do calco de Francisco Herves

Para o arqueólogo, o sentido desta estrutura con penedos ten un "sentido simbólico e relixioso", aínda que non sexa doado determinar polo momento máis sobre o sentido ou a función deste espazo no poboado. Con todo, nos últimos anos a proposta de Herves súmase á interpretación doutras estruturas localizadas en castros para as que se está a propoñer unha función relixiosa, ata o momento non contemplada ou localizada para estes poboados fortificados.

Unha tendencia da investigación arqueolóxica
Tense falado moito sobre a relixiosidade dos habitantes dos castros, pero o certo é que ata o momento as evidencias sobre os seus espazos e rituais relixiosos eran moi reducidas. As fontes escritas eran unicamente romanas, e baseadas moito na construción propagandística do bárbaro. E no rexistro arqueolóxico as evidencias eran escasas. Porén, nestes últimos anos a situación parece estar a cambiar con novas propostas de interpretación de xacementos. Todas elas coinciden nun aspecto: os espazos cultuais da Idade do Ferro son urbanos e atópanse no corazon dos poboados.


A estrutura XX do castro de Punta de Muros. Equipo arqueolóxico da investigación / Autoridade portuaria da Coruña

Deste xeito, no castro de Punta de Muros, destruído polas obras do Porto Exterior da Coruña, apareceu a máis antiga ata o momento destes enigmáticos edificios que parecen custodiar unha pedra cunha especial significación. Segundo o arqueológo Juan A. Cano Pan, a estrutura XX dese xacemento albergaba un espazo ritual, definido por unha pequena cabana cunha gran pedra no centro, un banco corrido lateral e unha sorte de adro por fronte. Nese caso, o edificio estaría encravado nunha estrutura entre a primeira e a segunda idade do Ferro. No monte Facho de Donón, Cangas de Morrazo, José Suárez Otero tamén propuxo unha finalidade ritual para un conxunto de estruturas circulares localizadas nunha terraza, e que contiñan cada unha no seu interior unha pedra máis ou menos esculpida que representaban diferentes figuras de animais. E hai apenas unhas semanas, Samuel Nión publicaba un estudo sobre o edificio dos betilos do castro de Elviña, unha estrutura dividida en varias estancias nas que se gardaban, na habitación máis recóndita, un conxunto de cipos verticais. Nión explicaba o recinto como resultado da interacción entre as comunidades galaicas e certos modos de cultos púnicos do Mediterráneo. Todos os achados parecen gardar certa lóxica final: a dunha pedra ou pedras custodiadas no interior de pequenas cabanas.

Que memoria gardarían esas pedras? Que representarían? Os traballos no castro dos Penedos continúan. Mentres, Francisco Herves continúa observando as pedras, tentando desvelar o seu misterio.