Poderes en altura

Os investigadores exhuman un edificio altomedieval de grandes dimensións no Faro de Budiño

Os investigadores exhuman un edificio altomedieval de grandes dimensións no Faro de Budiño
O edificio do século V e o do século IX no Faro de Budiño.
Cinco anos despois da primeira intervención na fortificación en altura do Faro de Budiño, os arqueólogos volven ao xacemento para tentar avanzar no coñecemento dun dos recintos fortificados atípicos que nos últimos anos están a captar a atención dunha nova xeración de investigadores. E non é para menos: o Faro de Budiño é un monte de perfil pétreo e prominente dominando a Depresión Meridiana, a principal vía de comunicación natural da Antigüidade na Galicia occidental, un auténtico monumento natural que tamén é cultural.

A nova intervención arqueolóxica está a aclarar o que os investigadores intuían en 2018. Aínda que o Faro de Budiño comezaba a ser ocupado ao final do Imperio Romano, parecía ter ocupacións posteriores. A nova campaña, que rematará este venres, permitiu perfilar máis estas achegas cronolóxicas e abrir novas preguntas. Ou iso é o que fai continuamente Mario Pereiro, director da intervención arqueolóxica, mentres gabea entre os penedos e as accidentadas formas deste niño de aguias repleto de estruturas que aínda se poden ver a simple vista. A intervención arqueolóxica está financiada polo grupo de investigación Síncrisis (Universidade de Santiago de Compostela), a través dos proxectos de investigación do profesor José Carlos Sánchez Pardo, xunto co Institut of Archaeology da University College de Londres, entidade á que está adscrito Mario Pereiro. A escavación conta coa colaboración de Tempos Arqueólogos.

Ata onte pola tarde, os investigadores traballaron en tres puntos diferentes. Por unha banda practicaron unha sondaxe na muralla que permitiu determinar unha porta de acceso ao recinto, na zona inferior desta enorme acumulación de batolitos graníticos que é o Faro de Budiño. Por outra abriron unha sondaxe no punto máis alto da fortificación, unha plataforma natural na que aparece unha estrutura de grandes dimensións, de función polo de agora indeterminada, pero cunha peculiaridade: foi localizada nela unha enorme cantidade de cerámica, correspondente as dúas fases do xacemento.

A sondaxe máis ambiciosa foi levada a cabo ao carón da sondaxe practicada en 2018. Aquí o Faro de Budiño é onde está a revelar algo da súa enigmática biografía. Na zona inferior percíbese os restos do edificio. "É do século V, estaba tellado con tégula e as paredes cubertas con morteiro de cal", explica Mario Pereiro. Este edificio, que correspondería co tempo do reino suevo, parece polo momento a primeira ocupación desta impoñente montaña.


Porta na muralla do Faro de Budiño

Pero sobre el sucede unha gran incógnita: un edificio sen paralelos escavados no noroeste peninsular. E non é preciso abrir o solo para velo: boa parte dos seus muros e alturas aprécianse aínda a simple vista. O equipo de Pereiro revelou o ancho completo dunha das súas alas. Trátase dun edificio en U, aparentemente aberto cara o norte. "Pero non sabemos se ten algún tipo de peche perimetral por esa zona do norte, ou se se trata unicamente dun patio aberto", explica Mario. A nova intervención serviu para clarificar que o novo edificio non foi unha evolución do anterior. "De feito, tomaron moita pedra do edificio do século V pero construíron un edificio cunha planta totalmente nova, sen ter en conta o trazado do edificio de época tardoantiga", explica Pereiro. A numerosa cerámica localizada nesta estrutura anterior permite datar o horizonte de uso deste novo edificio. "Son cerámicas de produción local de ao redor do século IX. Curiosamente son idénticas aos do castelo de Portomeiro", explica Pereiro, quen tamén dirixe os traballos nesta outra fortificación do Val do Dubra, da mesma época que esta fase do Faro de Budiño. As diferencias na factura entre as dúas etapas aprécianse a simple vista: os muros máis antigos parecen estar feitos cunha mellor calidade que os máis modernos. A campaña deste ano tamén aprecia outra diferencia entre a fase tardoantiga e a do IX. Se as estancias tardoantigas estaban teitadas con grandes tégulas de gran calidade que continúan a aparecer no xacemento, o edificio do século IX foi teitado con colmo, malia haber numerosas posibilidades de producir tella nas inmediacións. Todo un cambio cultural.

Pero a gran incógnita é a escala. Os arqueólogos están escavando unha pequena parte dun edificio que, a simple vista, conta cuns 900 metros cadrados de superficie e case 43 metros de longo. Iso convérteo nunha das estruturas altomedievais de maior tamaño escavadas no noroeste peninsular e para a que os arqueólogos non atopan paralelos claros na Península Ibérica. Por poñer dúas referencias, no castro da Falperra, preto de Braga, un edificio considerado palatino e asociado á monarquía sueva, pero da Antigüidade tardía ocupa uns 560 metros cadrados. No castelo de Gauzón, unha fortificación de carácter real escavada recentemente preto de Avilés (Asturias), o considerado 'palatium' conta cunha estancia principal de 44 metros cadrados. Porén, ata o momento no Faro de Budiño non foron atopados elementos que sinalen un uso suntuario do espazo. "No castelo de Portomeiro tamén está pendente por escavar unha gran estrutura de certa complexidade", engade. Con todo, as súas dimensións tamén son máis reducidas que esta estrutura do Faro de Budiño.

Cal era o uso deste espazo? "Aínda non o sabemos", explica Pereiro, "non foron atopados zonas domésticas ou restos de fogares neste espazo". Para o investigador, no Faro de Budiño está a emerxer a importante presenza dun grupo ou figura de gran poder nesta área, pero é moi difícil saber cal era a súa relación con outros poderes da época ou a propia cidade de Tui, sometida nesa época a moitas tensións derivadas do seu saqueo por parte dos piratas. A documentación altomedieval galega para esta zona é escasa. Os arqueólogos móvense por un mundo case ágrafo que, a xulgar pola escala das estruturas exhumadas, debeu ter un importante impacto na sociedade do sur de Galicia nesta época. Por que comezou e por que rematou aínda é o seguinte capítulo que desvelar.