A elaboración de proxectos e a edición protagonizan as I Xornadas de BD Alén do Castelao

A Biblioteca Provincial da Coruña acolle os días 5 e 6 a proposta que coordina a Asociación Autobán

A Deputación da Coruña organiza, con coordinación da Asociación Autobán, as primeiras Xornadas Profesionais de BD Alén do Castelao. Esta proposta desenvólvese ao longo dos días 5 e 6 de novembro a tratar os procesos de edición e desenvolvemento de proxectos no campo da novena arte.

Estes encontros nacen "cun enfoque didáctico e buscando afondar na profesionalización do sector" e vencéllanse no seu nome co Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación. O programa inclúe clases maxistrais e faladoiros nos que persoas cun amplo percorrido no mundo da BD compartirán as súas experiencias.

A Biblioteca Provincial da Coruña acolle a iniciativa, que na súa primeira xornada contará co Estudio Gráfico Los Meros, que explicará "aspectos técnicos básicos para a elaboración dunha BD printer friendly, abordando temas coma softwares de maquetación, tipos de arquivo, fontes e rotulación e formatos de entrega". A seguir Anabel Colazo e Xulia Pisón compartirán as súas visións sobre "Retos da BD contemporánea: Organizar un proxecto dende a súa concepción á súa publicación".

A segunda sesión contará con David Fernández, que achegará un percorrido polo proceso de creación, produción e comercialización de BD, a tratar temas como a "presentación óptima de proxectos, implicacións contractuais, optimización da colaboración autor-editor e breves nocións sobre o traballo editorial".

A fechar o programa, unha mesa redonda con Cristian F. Caruncho e Paula Mayor amosará dúas visións do proceso de edición de BD dos Premios Castelao 2023, no que un dos gañadores optou pola autoedición mentres a outra publicou o seu traballo nunha editora convencional.