Julia Abalde gaña o IIº Premio Autobán de Fanzine

O certame coruñés recibiu ata cincuenta proxectos

O certame coruñés recibiu ata cincuenta proxectos
O traballo gañador
A ilustradora Julia Abalde (A Coruña, 1988), ven de alzarse co galardón na segunda edición do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña. O poemario ilustrado 'La ilusión' convenceu ao xurado especializado do certame, integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang (gañador da anterior edición) e Sira González, que decidiu outorgarlle, tamén, o accésit con diploma a Brais Rodríguez, pola súa obra Enxoval. O premio consta dunha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo. A entrega do premio terá lugar o venres 15 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán. Ademais, o público poderá ver e ler todas as obras presentadas a concurso, un total de 50, na mostra 'Expofanzines Autobán' no marco do festival Viñetas desde o Atlántico 2025, do 11 de agosto ao 21 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.

O II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, recolle a participación de todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo fosen de orixe galega ou estiveran fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres.

Julia Abalde (A Coruña, 1988) é una ilustradora que no seu traballo combina intimidade, perspicacia e humor, desenvolvendo, especialmente, nos seus fanzines, unha exploración visual do mundo interior a través de debuxos e textos poéticos. Estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona, cidade na que se instalou en 2007 e onde viviu case dúas décadas. Durante a carreira, realiza unha estancia semestral no departamento de ilustración da escola MassArt (Boston, Estados Unidos) e, posteriormente, complementa os seus estudos cun posgrado en Ilustración Creativa (Escola Eina, 2011) e cursa a mestría en Formación ao Profesorado, especialidade en Debuxo e Artes Plásticas (UNIR, 2017). Ao longo da súa traxectoria, Julia compaxina a súa labor artística coa docencia en diferentes ámbitos: obradorista en museos e institucións como a Fundación Miró ou o Museo Picasso, docente de artes plásticas en Educación Secundaria. En 2023 regresa á súa cidade natal, un retorno marcado por un proceso de dó amoroso que condensa no poemario ilustrado 'La ilusión', unha pequena publicación autoeditada que acolle nas súas páxinas todo o dolor, o humor e o amor propios dunha despedida e un novo comezo.