Cando os nenos mortos non abandonan a casa

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos

Novos achados no castro de Viladonga avanzan que no interior das cabanas poderían gardar e sinalar con estelas os restos dos nenos falecidos
Cabana na que se escavaron as foxas de enterramento. Foto: Álvaro Pérez / Museo de Viladonga
Cando subimos ao alto do parapeto do castro de Viladonga (Castro de Rei) observamos unha densa malla de vivendas e rúas que falan da intensa vida deste poboado. Pero o que non sabiamos é que esa croa non só é un espazo de vivos senón que tamén pode ser de mortos, un lugar de memoria dos nenos finados desta comunidade galaica. O castro conserva alomenos trinta estelas con coviñas, algunhas aínda na súa posición orixinal marcando posibles enterramentos no interior das cabanas. A través da revisión dos achados localizados no castro durante décadas e dos resultados das novas escavacións levadas a cabo este verán, o arqueólogo Álvaro Pérez propón unha solución a parte dun dos principais enigmas da arqueoloxía galega: que se facía cos mortos.

O arqueólogo Álvaro Pérez leva varios anos desenvolvendo campañas no castro de Viladonga, e revisando os numerosos materiais arqueolóxicos depositados nos seus almacéns. Decatouse dun tipo de peza singular da que se conservaban numerosos exemplares. Eran pequenas pezas traballadas que tiñan coviñas gravadas, e ás veces unha apariencia poligonal. Observou que nas memorias das diferentes campañas, a estes estraños obxectos dábanselle todo tipo de interpretacións, comno que foran couzóns de portas ou contedores de líquidos. "Pero non podían ser", sinala Pérez, "non encaixaban ben con esas tipoloxías de obxectos". Algunhas, de feito, eran mesmo intrigantes. No diálogo co arqueólogo Francisco Hervés, atoparon relacións entre dúas estelas posibles localizadas no castro en 2017 e outras que o propio Hervés localizara tamén en montes de Castro de Rei e no Corgo. Esas dúas estelas do castro parecían ter unha forma antropomorfa similar ás desoutras estelas, como se foran parte do mesmo concepto cultural.


Exemplos de estelas localizadas no castro de Viladonga. Foto: Álvaro Pérez / Croa

"Aproveitando a documentación que se garda no Museo do castro sobre as sucesivas campañas, fun localizando ata trinta destas pedras con coviñas, que foran localizadas en diferentes momentos", explica Alvaro Pérez, "e comecei a pensar que podía ter algún tipo de sentido ritual. Atopei que algunhas foran atopadas enriba dunhas foxas, na súa posición orixinal". Pérez non puido deixar de relacionar eses achados coa interpretación habitual dos petróglifos de coviñas, moitas veces asociados aos dólmenes e a outros monumentos prehistóricos. "Considérase que estas coviñas teñen un sentido funerario", explica, "están indicando algo vinculado aos mortos". A clave do asunto parecía estar na relación entre as estelas, localizadas no interior das casas, e as foxas que existían debaixo. "Na documentación hai referencias a foxas nas que aparecen restos de cremacións, pequenos fragmentos de ósos e fragmentos de cerámica", explicaba. Esas foxas ás veces estaban escavadas na rocha e atopábanse baixo o pavimento das vivendas. Un aspecto intrigante é que un edificio singular da croa, unha cabana moi alongada para a que non hai interpretación clara, parecía concentrar moitas destas foxas, moitas delas mesmo escavadas na rocha.

Un gran conxunto de enterramentos infantís
Aínda que na prehistoria era habitual o uso de foxas para almacenaxe de produtos, as características formais e o que aparece no interior conducen, para Álvaro Pérez, "á hipótese de que son enterramentos". Algunhas desas estelas con coviñas aínda parecen atoparse, máis de dous mil anos despois, aínda in situ. Parecen sinalar eses enterramentos no interior das cabanas e nalgún caso foron tapadas recentemente para protexelas. "Este tipo de foxas de enterramentos son comúns na Celtiberia na Idade do Ferro e están asociados a enterramentos infantís dentro das casas", dá conta Álvaro Pérez, "son individuos que aínda non son parte da comunidade, pero se preservan no interior do espazo doméstico". Con todo, o uso de estelas con coviñas parece ser un trazo singular do castro de Viladonga e dos paralelos que Pérez atopou revisando as campañas arqueolóxicas dos castros próximos de Sáa (A Pastoriza) e Castromaior (Portomarín), onde tamén aparecen estas misteriosas estelas.




Foxa escavada, con estela in situ e pedras fincadas


"As estelas están funcionando como indicadores deses enterramentos", propón Álvaro Pérez. O arqueólogo puido probar a súa hipótese este ano, a través da nova campaña de restauración, limpeza e prospección arqueolóxica que promoveu a consellería de Cultura da Xunta no castro. "Nunha vivenda que decidimos recuperar vimos que había unha destas estelas con coviñas", explicou. A vivenda fora escavada en 2017 pero só se chegara ata o nivel de uso da lareira. Ao escavar o interior da vivenda os arqueólogos decatáronse de que en realidade había máis dunha foxa no interior. As foxas todas tiñan elementos que as marcaban. "Unha tiña unha forma circular con seixos pequenos e lousas fincadas ao redor. E outra tiña unha lousa fincada cunha rocha", explica. Foi aí cando ao escavar unha das foxas apareceron numerosos fragmentos de cerámica claramente indíxena e da segunda Idade do Ferro. "Curiosamente aparecen moitas panzas pero non bordes", explica Pérez, "todo cerámica feita a man e peiteada". Pero aparecían tamén outro tipo de materiais aínda máis singulares. "Nunha das foxas aparecía un canto rodado de forma fálica", engade. Con todo, o máis sorprendente foi a aparición dunha das moedas da caetra, a famosa e rara acuñación militar romana que supón a primeira produción de moedas do noroeste peninsular, e vinculada aos continxentes romanos que participaron na conquista entre o 26 e o 16 a.C. Tamén aparecían numerosos restos óseos moi fragmentados e restos de carbóns. O contexto da foxa parece clara nese momento de transición entre a Idade do Ferro e o dominio romano.


Moeda da caetra localizada

"Outra das foxas da cabana apareceron outro tipo de obxectos", explica o arqueólogo, "porque nos apareceu unha doa de pasta vítrea e unha fusaiola. Aínda que é moi difícil de determinar, a nivel hipotético pensamos que podería tratarse do enterramento dunha nena, principalmente pola relación entre as fusaiolas coa feminidade na arqueoloxía. E tamén hai outros detalles singulares, como unha especie de imitación dunha punta de flecha feita en lousa, "que podería ser un xoguete".

O ritual das foxas parecía consistir na cremación dos ósos dos nenos e o seu depósito nun potiño nesas foxas no interior das vivendas, marcadas con seixos e singularizadas cunha estela. Unha característica das foxas é que poderían conter unha mestura de ósos de animais e humanos. Este fenómeno tamén aparece noutras partes do mundo atlántico e foi tamén sinalado como probable por Samuel Nión, que publicou na revista Complutum en 2023 unha revisión das evidencias sobre prácticas funerarias nos castros, nun artigo de título expresivo: "Una aproximación al talón de Aquiles de la Edad del Hierro galaica (s. IX-I a.C.): el registro funerario".

O achado ten especial relevancia porque o enterramento ou o procesado dos corpos dos galaicos da Idade do Ferro é toda unha incógnita. A hipótese de Pérez propón que, en realidade, cando menos unha parte dos mortos, os que aínda non se fixeran membros plenos da comunidade, non marcharon moi lonxe.

O abandono da práctica en época romana
Na revisión da documentación do castro Pérez tamén puido constatar que esas pezas parecían estar vinculadas tan só aos niveis galaicos, da Idade do Ferro, do castro. "A partir da época romana esas esteliñas son reutilizadas como parte dos muros do século III ou IV, como se perderan a súa función orixinal". Nun artigo publicado en 2023 en Croa, a histórica revista do museo, expón a súa hipótese e explica que os romanos prohibían, por motivos sanitarios, os enterramentos no interior dos poboados. "Esa antiga práctica puido ser prohibida polos romanos", explica. A vella práctica pareceu desaparecer, ou non. "As estelas con cazoletas revélansenos como unha parte crucial dun ritual funerario de posible orixe indoeuropea que, a través dos séculos, permaneceu arraigado no noroeste peninsular ata o seu abandono ou prohibición na época romana", resume.

Con todo, a práctica de facer coviñas continou doutros xeitos. "Hai algúns cruceiros de meniños, nos que se enterraban os neonatos, nos que se poden ver coviñas labradas no basamento do cruceiro", explica o antropólogo Rafa Quintía, quen puido fotografalos na comarca de Verín. "Déronme dúas explicacións para isto. Eran ben para marcar os nenos mortos soterrados aí ou ben para soster as candeas, ou as dúas cousas ao mesmo tempo". Este tipo de relacións entre coviñas e cruceiros tamén aparece en cruceiros de Rianxo coma o cruceiro da Praza. Unha cousa que sorprende a Álvaro Pérez é precisamente a lonxevidade da práctica. "Atopamos xa o uso das coviñas nas lousas dos dólmenes no periodo megalítico, pero logo tamén aparecen na Idade do Bronce e noutras fases", explica o arqueólogo. No artigo no que recompila os datos e ofrece esta interpretación funeraria das estelas pregúntase por que significan.

"Polas características das estelas, pensamos que non estarían dedicadas a ningunha divindade en concreto, senón que o centro do culto sería o propio defunto ou defuntos, do que as estelas poderían ser, ademais dun marcador da tumba, unha imaxe simbólica do individuo. Incluso poida que o número de cazoletas puidese ser un numeral para indicar a cantidade de persoas inhumadas en cada zona ou fosa, ou mesmo, xa para o caso dos individuos infantís, a súa idade (meses lunares?) no momento do pasamento", explica Pérez.

Unha nova lectura do castro de Viladonga
Cada nova xeración de arqueólogos le os xacementos de acordo coa época na que vive. Iso fai que o castro de Viladonga, un dos máis senlleiros e investigados de Galicia, estea a vivir unha pequena revolución. Coa compra de novos terreos do castro por parte da Xunta, realizáronse estudos con xeorradar que levan a comprobar que os recintos previos á croa tamén estiveron densamente ocupados. A aparición dun gran hórreo nun antecastro que puido ser datado, sitúase no século III-II a.C., fronte ás consideracións de que este tipo de estruturas puideron aparecer coa chegada do poder romano. E fronte á visión tradicional do castro como un espazo sobre todo de época romana, os novos estudos permitiron descubrir a súa ocupación xa relevante en datas cada vez máis antigas da Idade do Ferro.

Pero tamén Viladonga está cambiando a súa fasquía, substituíndo o método de preservación establecido en décadas anteriores, que tapaba con lousas os muros, por unha nova restauración máis orgánica. "O castro faise moito máis claro, didáctico e monumental", sinala Pérez, "coas lousas facíase máis difícil interpretar as estruturas. Había xente que pensaba que eran as propias lousas da vivenda".

Para explicar os achados, o Museo de Viladonga ofrecerá unha visita guiada ao xacemento este domingo 14 ás 12 horas.

Reivindicar materiais esquecidos
Pérez reivindica todas estas pedras con coviñas, ata agora esquecidas nos museos, como "parte da plástica castrexa", e reivindica a súa relevancia simbólica para entender a cultura dos galaicos da Idade do Ferro. Pendente de avanzar na hipótese e realizar máis intervencións que consigan atopala, esta nova lectura pode levar a reinterpretar o que sucede en moitos castros, ao igual que pasou nos últimos anos cos hórreos galaicos. A arqueoloxía, coma sempre, ten a capacidade de mover os marcos. Ou as estelas.