Escavación na igrexa de santa Leocadia (Guillade, Ponteareas). Foto: equipo arqueolóxico
Topónimos de mil anos
"O interesante é que somos quen de recoñecer, mil anos despois, o 90% dos topónimos que figuran no documento", explica Pereiro. Algúns dos marcos que delimitan o terreo da parroquia teñen un gran simbolismo histórico, como campos de mámoas e petróglifos, e continúan alí. Pero logo están referencias a espazos habitados desaparecidos. "Por exemplo, hai un Casal de Metato que hoxe recoñecemos nuns terreos que se chaman Medado", comenta Pereiro. "De feito, dóanse unhas catro ou cinco granxas en total, pero hoxe eses antigos casais son todos terras de cultivo sen vivendas". A propia igrexa de santa Leocadia aparece aínda mencionada en documentos do século XVI pero logo o culto baixou a Guillade de Abaixo, onde hoxe se atopa a igrexa parroquial. O motivo polo que sucedeu este cambio non está claro. O fenómeno sucede con frecuencia no rural galego, onde por volta da Idade Moderna numerosos emprazamentos de igrexas son mudados para traer os templos á proximidade das igrexas actuais. A cuestión é por que estas igrexas se atopaban en lugares hoxe máis afastados. Había na Alta Idade Media aldeas nas proximidades hoxe desaparecidas? Ou existían outros motivos simbólicos ou asociados coas propiedades nas que se constrúen os templos?

Visita da veciñanza á intervención arqueolóxica
Nas ruínas da igrexa apareceron pezas decoradas que destacan pola súa singularidade. Foi escavada de xeito afeccionado polo cura Xoan Martínez do Tamuxe entre 1962 e 1976. Alí recuperouse un canzorro e un fragmento de pía bautismal, datadas nos dous casos no século XI e que hoxe está no Museo de Ponteareas. Durante a escavación localizouse tamén unha pedra de grandes dimensións que puido funcionar como base de altar, recuberta cun padrón xeométrico, e que se interpreta como procedente dun castro próximo.
A intervención arqueolóxica tiña como obxectivo realizar unha limpeza e prospección que permitira caracterizar mellor a ruína. "O edificio ten oito por cinco metros, e a súa porta está orientada ao leste", explica Pereiro, "aínda que pode parecer pequena en comparación coas igrexas barrocas, se a comparamos con outras igrexas altomedievais de Asturias, o País Vasco ou san Miguel de Celanova, os tamaños son moi semellantes", explica.
Ata tres fases construtivas
A intervención permitiu distinguir dúas ou mesmo tres fases construtivas na igrexa, aínda que o preservado non fai fácil distinguir a súa cronoloxía. "Estamos tomando mostras de morteiros para poder datar", di o arqueólogo, "pero xunto con paladas de tella do país, tamén atopamos restos de tégula, o que nos pode estar falando desa primeira fase altomedieval". Pero os arqueólogos tamén atopan moito material de época moderna, dos séculos XVI-XVIII, que poden corresponder coa última fase da igrexa parroquial ou se cadra á súa frecuentación posterior con motivo de romarías ou por outros motivos.
A igrexa en ruínas de santa Leocadia fai pensar que mesmo as realidades máis monumentais e institucionalizadas das parroquias, como as igrexas, cambian de espazos e lugares. Pero non é nada que non coñezamos. "A imaxe máis clara é Santiago de Compostela, onde temos un centro monumental nas orixes da cidade pero hoxe toda a xente vive fóra del", conclúe Pereiro.








