Cando a Ribeira Sacra era Fraga Sacra

As escavacións en Pombeiro revelan unha ermida abandonada en plena Idade Media

As escavacións en Pombeiro revelan unha ermida abandonada en plena Idade Media
A arqueóloga Sonia García na cabeceira escavada da ermida de San Xoán Degolado.
As escavacións arqueolóxicas no lugar do Preguntoiro, preto da aldea de Pombeiro (Pantón, Lugo) están a revelar a planta dunha coidada capela de planta cadrada cun altar monumental que foi abandonada en Plena Idade Media. Os arqueólogos puideron comprobar como a capela respecta un antigo espazo sagrado que se remonta cando menos á Alta Idade Media, e que amosa as orixes aínda moi descoñecidas da paisaxe da Ribeira Sacra. A escavación remata este venres e xa deitou datos de interese.

A arqueóloga Sonia García limpa unha pequena coviña central no interior dunha silueta tallada en granito. "Por aquí comezaron", explica. Ao seu redor distínguese unha cabeza e, ao abrir o campo, a forma enteira dun sartego que non foi rematado. Só foi prantexado en planta, pero nunca rematada. Intúese porque ao carón obsérvanse outros dous sartegos antropomorfos, labrados na rocha, e que durante séculos excitaron a imaxinación dos veciños de Pombeiro, asignándolles curiosas lendas sobre dúas irmás.


A localización do Preguntoiro

García dirixe unha intervención no Preguntoiro, unha capela medieval localizada nas proximidades do mosteiro de Pombeiro financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta. A intervención arqueolóxica atópase nun espazo espectacular. Unha terraza, parcialmente artificial, pendurada sobre o río Sil e un claro no interior dunha espesa fraga que, hai só cen anos, era unha paisaxe vitícola inzada do que os locais chaman 'pataos', os socalcos que transformaron as ladeiras da Ribeira. Os resultados da intervención –que rematará este venres- permiten observar a planta dunha capela case cuadrangular, xunto con novas fendeduras nas pedras que rodean o espazo. "Respectaron as tumbas e a inscrición ao facer o edificio", comenta Sonia García.

Dúas épocas para un templo
A inscrición é un dos elementos máis rechamantes e ao tempo máis invisibles do pequeno complexo. Está localizada nunha pedra na cabeceira da antiga ermida. A súa interpretación aínda xenera dúbidas, pero a letra parece corresponder ao século IX e referirse a un abade de Pombeiro desa época chamado Asterigo. A inscrición, moi desgastada, aparece e desaparece como por arte de maxia, conforme as nubes e sol se van alternando no ceo. "A construción da capela respectou tanto a inscrición como as tumbas", sinala Xurxo Ayán, arqueólogo do equipo da intervención que intervén nesta capela de San Xoán Degolado. A escavación deitou moi pouco material arqueolóxico, pero toda a cerámica recuperada parece coincidir nunha cronoloxía entre os séculos X e XIII, aproximadamente. Alén dese momento, os arqueólogos teñen claro que a capela de San Xoán Degolado deixa de ser usado. "Podemos documentar moi ben como foi o proceso de abandono", sinala Sonia García, "polo coidado con que se foron retirando todos os materiais". O espolio continuo do espazo por parte dos veciños debeu valer para construír os muros próximos ou mesmo parte das vivendas.


As tumbas antropomorfas

Aínda así, as ruínas da ermida permiten observar detalles que revelan o coidado co que foi construída esta capela altomedieval. A superficie foi achairada e en parte rechea para gañar algo de superficie. Baixo os muros puxeron lousas de xisto non local para asentalos. Nalgúns puntos obsérvanse restos do morteiro e da cal coa que estaba recuberto o interior do edificio. E o máis destacado: na cabeceira consérvanse, case de xeito miragreiro, as tres escadas que conducen cara un pequeno altar. No interior do edificio o equipo non atopou practicamente ningún obxecto: toda a cerámica semellaba ter sido acumulada por fóra da posible porta da ermida, ollando cara o Sil.

A intervención tenta comprender os primeiros momentos da colonización monástica da Ribeira Sacra. "É a fraga cando aínda non é ribeira", destaca Xurxo Ayán, en alusión ao uso local do termo 'ribeira' como un espazo explotado agricolamente, en especial para o cultivo da vide. Unha paisaxe de eremitas, penedos e covas, nunha zona de paso do río e rodeada por necrópoles megalíticas e elementos dunha paisaxe simbólica anterior. Non é doado establecer a ligazón con esa relixiosidade máis antiga. "Creo que hai unha relación cos cultos ás pedras, pódense ver numerosas coviñas. Están neste espazo por algo", indica Ayán.

Un lugar de memoria
A hipótese que mantén o equipo é que a ermida ten que ver co veciño mosteiro de Pombeiro, aínda que polo momento, por cuestións de financiamento, non se puido realizar un estudo documental en profundidade. "Puido ser un lugar de memoria", sinala Sonia García, "vinculado ás orixes do propio mosteiro". Xa en época pleno medieval, coa estrutura económica, social e de poder das abadías plenamente asentada, se cadra o propio mosteiro de Pombeiro xa non sentiu necesidade de seguir vinculado a esa paisaxe simbólica anterior, que conectaba cunha antiga percepción do territorio que viña ben de antigo. O curioso é que, a diferencia doutras capelas, a memoria da capela de San Xoán Degolado apenas ficou entre os veciños, aínda que a igrexa de Pombeiro aínda preserva unha figura do San Xoán, se cadra en recordo do antigo espazo. O abandono tan temperán do edificio pode ter que ver.

Máis datacións
O proxecto tamén permite ir avanzando no proceso de construción desta paisaxe medieval. Unha sondaxe xa practicada nun socalco próximo permitirá ao equipo seguir datando socalcos da Ribeira Sacra, un proceso que xa iniciaran durante a intervención nos Conventos, na Pobra do Brollón, e no que obtiveran datacións do século IX para a estrutura de terrazas que hoxe é tan característica desta zona. Desta volta, estudos palinolóxicos permitirán avanzar no coñecemento dos cultivos e a diversidade forestal da zona ao longo do tempo e, con iso, coñecer máis sobre as orixes da viticultura nunha zona moi relevante da Ribeira Sacra.

Aínda que a planta da capela está xa plenamente escavada, por unha das bandas asoma outra estrutura anexa que parece ter unha certa envergadura. A Xunta xa lles avanzou que haberá vindeira campaña o ano que vén.