Depósitos de pedra en gabias. Foto: Incipit
As sospeitas vanse estendendo pola topografía que rodea o castro. Hoxe remata a campaña levada a cabo polos arqueólogos César Parcero Oubiña e David González Alvarez, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. Os dous investigadores orientan os seus traballos, dentro do proxecto de investigación Hinterland, a tentar comprender como as xentes da Idade do Ferro ordenaban o espazo por fóra das murallas dos castros. A investigación tenta coñecer como eran os espazos agrícolas, de traballo, ou mesmo residenciais que estas comunidades tiñan na paisaxe que rodeaba as fortalezas.
Unha das sondaxes é nesta parcela do Escourial onde aparecen esas signicativas presenza da escoura. Segundo os veciños, aquí chegou a haber tanta escoura de mineral que mesmo se vendeu a unha metalurxia asturiana que viña cargala en camións. Tamén foi empregada para pavimentar camiños e pistas. E aínda así, agora mesmo continúa a haber unha gran cantidade de mineral ciscado por toda a finca. Os investigadores exhumaron un muro aínda de cronoloxía indeterminada e numerosas escouras que, nesta volta, conteñen unha valiosa información: madeira queimada que poderá ser datada a través do método do C-14. David González é cauto ao redor da cronoloxía neste espazo, pero o certo é que a relación de Cereixa co ferro é moi dilatada. O propio Ayán escavou unha tumba medieval no castro de San Lourenzo no que a defunta estaba rodeada dunha ofrenda de escouras de ferro. Segundo analíticas previas realizadas no País Vasco, outros investigadores xa lle avanzaran a Xurxo Ayán que a técnica de procesado de mineral que se observaba nas escouras era moi antiga, posiblemente prehistórica.

Muro na zona de O Escourial. Foto: Incipit
A exploración do exterior dos castros está a abrir a porta a fenómenos novos que aínda teñen difícil interpretación. César González e David González estudaron tamén outra parcela da contorna do castro non moi distante do Escourial. A través da xeofísica detectaran unha sorte de estruturas liñais que parecían discorrer en paralelo ata unha especie de acumulación case circular nun dos estremos. Nesa zona practicaron tres sondaxes que os teñen intrigados. Trátase dunhas curiosas gabias recheas de coios nun caso, e de pedras máis grandes no outro, aínda que na mesma disposición recta. A terceira das sondaxes, nesa área circular, tamén amosa moitas máis pedras sen que se poida determinar a función, aínda que lles apareceu unha moa de moer de granito, un mineral non presente na contorna do castro. "As estruturas non teñen materiais que nos permitan saber cando foron feitas", sinala David González, "aínda que a aparición dunha escoura nunha das gabias fainos sospeitar que poidan ser posteriores á propia produción metalúrxica de O Escourial".
Polo momento, non hai máis datos que permitan determinar unha cronoloxía desas estrañas tiras liñais de pedras. "Poden ser da prehistoria ou de antonte", sinala David González. En canto á súa función, "cremos que poden ser canles de drenaxe. Están ao pé da terraza fluvial e aquí se acumulaba a auga. Foi preciso drenar ese fondo de val", sinala David González. En intervencións arqueolóxicas en Asturias teñen aparecido canles semellantes, naquel caso identificadas na Idade do Ferro. "Polo momento todo isto que achamos pode ser moi antigo ou de antonte". Por agora non se teñen documentado estruturas similares en Galicia nestes contextos arqueolóxicos. Todo induce a pensar que se pode estar a ver unha técnica vinculada co aproveitamento agrario do sitio.

Outro exemplo das gabias con coios. Foto: Incipit
Ante a ausencia de materiais nas sondaxes os arqueólogos van tentar explorar sistemas alternativos de datación que nos últimos anos se están a desenvolver en Galicia. "Para a semana virá a edafóloga Cruz Ferro para tomar mostras de sedimentos que se poidan datar por termoluminiscencia", explica González. Conseguir responder a preguntas sobre estas estruturas tan pouco monumentais é un dos desafíos do proxecto Hinterland, xa que raramente vai haber riqueza de materiais por fóra dos xacementos.
Un cambio do paradigma
Durante a xornada de portas abertas os arqueólogos reflexionaron en voz alta. "No contorno de Cereixa e noutros lugares estabamos cegados polo ouro", conclúe David González. Estas novas intervencións arqueolóxicas poden desvelar o dinamismo e a ambición das sociedades da Idade do Ferro por localizar e procesar mineral de ferro nunha relativa gran escala, desenvolvendo e modificando paisaxes que responden a este interese. Ata o momento, considerábase que a metalurxia no tempo dos castros tiña unha escala local e doméstica. Agora sabemos que, cando menos en Cereixa, o ouro era en realidade o ferro. Ou ao revés.









