A editorial Alvarellos ven de publicar unha nova edición dos 'Diarios 81938-1945) da escritora Syra Alonso (A Coruña, 1899-México, 1970), que actualiza e amplía con diverso material inédito, o volume publicado no ano 2000 cando foran descubertos os manuscritos. Estes escritos ofrecen unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Relatan o terror vivido en Galicia e a loita desesperada de Syra por salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel (A Coruña, 1897-Bértoa, Carballo, 1936), durante as horas máis tristes da súa vida. Xustamente o vindeiro 24 de setembro, o Consello da Cultura Galega organiza unha xornada para revisar a pegada do artista baixo o título 'Tempo de facer xustiza'
Este volume, cuxa edición e4stá apoiada desde a Deputación da Coruña, conta coa participación de varias especialistas na autora: un estudo introdutorio actualizado da ensaísta e xornalista Carme Vidal, a tradución ao galego a cargo de Anxos Sumai García, que xa se fixera cargo da edición do ano 2000, o epílogo asinado polo profesor e investigador mexicano Conrado J. Arranz Mínguez, que descobre a faceta creativa e de narradora de ficción de Syra Alonso, e achega un conto descoñecido da autora, titulado 'Tres homiños' ambientado na Galicia daqueles días terribles. A actual edición inclúe así mesmo 16 páxinas de fotografías e documentos inéditos ou moi pouco difundidos da autora e do pintor.