Florencio Delgado Gurriarán foi poeta, pero tamén un activista político e cultural que tivo que emprender o camiño do exilio na Guerra civil. O seu papel como organizador e dinamizador do colectivo galego en México é o escollido para a tradicional publicación conmemorativa do Día das Letras Galegas que o Consello da Cultura Galega presentou esta mañá. Desta volta, o Cancioneiro da Loita Galega, editado polo Partido Galeguista en México en 1943. "Unha obra colectiva concibida para ser homenaxe e memoria dos mártires galeguistas e, ao mesmo tempo, para mostrar a propios e alleos que Galicia e a cultura galega, ben que maltreitas, resisten", sinala Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na presentación do volume. Será nesta obra na que Florencio Delgado Gurriarán non exerza tanto de poeta como de editor literario das obras de terceiros. O libro vén precedido por un estudo contextualizador do Cancioneiro por parte de Xesús Alonso Montero e un peche a cargo de Ricardo Gurriarán, familiar do escritor, no que aclara moitos dos pseudónimos dos autores que participan no volume. A publicación pode descargarse de balde no web do CCG.