Pedras para unha época de papel

A USC escava en Mondoñedo "unha aldea dentro da aldea" na procura dos inicios da paisaxe agraria actual en época sueva

A USC escava en Mondoñedo
A escavación das tumbas no Combarro (San Vicente de Trigás, Mondoñedo). Foto: USC
O reino suevo fascina na cultura galega como primeira conformación política da futura Galicia. Pero ata o momento as evidencias desta época estaban moi limitadas aos libros e ao imaxinario da historia galega. Relatos de reis, batallas, bispos e conflitos que, pola contra, viñan acompañados dunha cultura material moi escasa, ata o punto de que se descoñece en gran medida como eran os espazos nos que se vivía e traballaba nese tempo. Unha investigación da USC está a documentar na parroquia de San Vicente de Trigás (Mondoñedo) un dos primeiros hábitats dese borroso tempo entre a época romana e a Alta Idade Media no medio dunha aldea actual.

"Aquí estamos vendo o precedente máis directo das aldeas galegas actuais", explica Celtia Rodríguez González, directora da intervención arqueolóxica nesta aldea mindoniense. Celtia é membro do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) e membro do proxecto de investigación ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED) que, dirixido polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo e con financiamento da Axencia Estatal de Investigación, acomete nos últimos anos intervencións arqueolóxicas para determinar o proceso de conformación da paisaxe galega trala época romana.


O forno localizado. Foto: USC

Un día, Miguel Chao, veciño da aldea do Combarro, en San Vicente de Trigás (Mondoñedo) atopou por casualidade o que parecía unha tumba no patio da súa casa. O achado foi confirmado polo arqueólogo municipal de Mondoñedo, Abel Vigo, e deu lugar a unha investigación máis ampla. Grazas a que se conservaban ósos en bastante bo estado, o investigador Patxi Pérez Ramallo puido determinar que os restos humanos eran de época altomedieval, datados entre os séculos VIII-IX. Con estes datos, o grupo de investigación acometeu as intervencións arqueolóxicas, contando co traballo en campo de Tempos Arqueólogos. A investigación iniciada no patio do propietario ampliouse en varias fincas próximas tamén da propiedade de Miguel Chao, entusiasmado con todo o que aparecía por debaixo das súas terras, dedicadas á gandeiría. Nunha das sondaxes apareceron evidencias do colapso dunha estrutura e un importante nivel de queimado. "Pensamos que este gran incendio provocou o derrubo do edificio", explica Celtia Rodríguez. Ao retirar o colapso e o nivel de queimado deron cunha estrutura en negativo que interpretaron rapidamente, ante a ausencia de escoura e a presenza de moito material rubefactado, como un forno de cereal. "Temos paralelos na meseta para este tipo de fornos", explica Celtia Rodríguez.

Do século IX ao VII
Pero foron os fragmentos de cerámica que comezaron a aparecer o que lles permitiu decatarse de que había algo singular nesa sondaxe na que traballaban. Por unha banda, a cerámica non parecía corresponder coas tipoloxías da louza altomedieval, contemporánea desa necrópole que investigaban, e que está presente nos castelos que escavan outros investigadores do grupo. Por outra, todas aquelas xerras, potes ou vasillas non casaban co rexistro arqueolóxico que a arqueóloga coñecía ben polo seu traballo en xacementos da Antigüidade tardía coma o castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Era unha cerámica negra, humilde, sen decoración. "Non tiñan que ver con esas cerámicas que procedían dos centros oleiros da cidade de Lucus ou aqueloutras que viñan da Meseta. Falamos con Roberto Abraira, que é un dos grandes especialistas en cerámica antiga na provincia de Lugo e contounos que el aínda non atopara este tipo de rexistro", conta Celtia Rodríguez. O equipo xa se foi decatando de que estaban entrando nun territorio pouco explorado. Non era o universo daquelas tumbas de cista do século VIII. Era algo anterior. Os materiais que aparecían levaban a unha época máis indefinida pero anterior, e que se corresponde cun dos períodos máis simbólicos e ao tempo máis descoñecidos da historia galega: o correspondente ao reino suevo, entre os séculos V e VII.

Ao ampliaren as sondaxes na campaña rematada a semana pasada, nas que o equipo de investigadores contou coa colaboración do concello de Mondoñedo, os arqueólogos atoparon que o forno estaba aí por algo. Ao carón aparecía unha estancia de claros usos domésticos, con dúas lareiras. "O forno podería estar asociado á cocción de gran", explica Celtia, quen detalla que só se localizou un fragmento de escoura, e que se pode descartar que se trate dun forno de metalurxia. "Ás veces non nos damos conta da importancia do cotián e doméstico", puntualiza Celtia, quen pertence a unha nova xeración de arqueólogas que tentan comprender o pasado alén dos tradicionais espazos e discursos do poder e prestando atención ás clases subalternas e ao papel das mulleres, tema central da súa liña de investigación.


A cerámica de Trigás. Foto: USC

Unha nova sociedade
"Polo momento non é posible precisar se esa estancia é en si mesma unha vivenda ou pertence a unha estrutura máis ampla. Si sabemos que ten uns catro ou cinco metros de longo", conta Celia, quen volve apuntar á densa capa de queimado as consecuencias do abandono e destrución deste espazo ao redor do século VII, aínda que non se poidan precisar as causas do incendio. O que si ten claro é o seu carácter doméstico. "Temos cerámica de almacenaxe, de cociña e de decoración de alimentos", explica, "pero eu que traballo co periodo final do Imperio decátome de que non ten que ver cos contextos que manexamos no castro de Valencia do Sil ou mesmo no castro de Viladonga, que ten ocupación do século VI, aínda que hai algún material con paralelos con este último". A cerámica que aparece en Trigás é moito máis rexionalizada, practicamente carece de decoración. "Estamos ante outro tipo de vida, de poboamento diferente. Estes son os asentamentos en aberto, que significa un novo tipo de sociedade con respecto ao periodo tardoantigo anterior. Para min é un rexistro totalmente novedoso".


O forno localizado. Foto: USC

Non só para a arqueóloga. Como diciamos ao principio, o rexistro arqueolóxico, que se corresponde co período do reino suevo e a súa posterior anexión á coroa visigoda, é especialmente parco en rexistro arqueolóxico. De feito, Celtia Rodríguez leva a un congreso que se celebra estes días en Madrid só catro exemplos, en toda Galicia, de posibles asentamentos do mesmo período en toda Galicia. Todos eles apareceron de casualidade durante a construción de equipamentos públicos, e isto revela moito sobre os restos que quedan da época. Non ten nada que ver coa monumentalidade dos castros no territorio ou a cantidade de materiais en superficie que se poden atopar alí onde está soterrado un asentamento romano ou unha vila do rural. Pero tamén ten que ver con que, se cadra, ata agora estas aldeas non se buscaron. E con outra cousa.


A necrópole no campo de Miguel Chao. Foto: USC

A aldea dentro da aldea
"É que estamos escavando unha aldea dentro dunha aldea", explica a arqueóloga, "porque cambiou o xeito de asentarse no territorio e comezan a aparecer estes pequenos núcleos que ocupan o espazo agrario doutro xeito. Aquí estamos vendo o precedente máis directo da aldea galega actual", afirma Celtia Rodríguez. As actuais aldeas galegas comezan a aparecer na documentación altomedieval a partir dos séculos VIII e sobre todo no IX, cando o volume documental se incrementa pero tamén cando os poderes e os magnates van tomando un control cada vez maior sobre o territorio. O asentamento de Trigás remite a un tempo anterior, no que a paisaxe agraria galega se comeza a definir. Por exemplo no monte Gaiás de Santiago de Compostela, onde hoxe se atopa a Cidade da Cultura, identificouse a formación da característica paisaxe agraria tradicional galega de socalcos como conformada entre os séculos V e IX d.C., nesta época de profundos cambios que se inaugura a finais do Imperio romano e que vai definir Galicia ata hoxe.

Nos medios apareceu estes días que se estaba a escavar unha "aldea sueva". Celtia Rodríguez rise: "Non, iso é un pouco de clickbait. Nós dicimos que é unha aldea de época sueva, que é distinto. Pero aquí queremos facer tamén unha reivindicación da historia do rural. Porque sempre estamos a mirar para a historia das elites e da aristocracia, pero a xente do rural que? A arqueoloxía permite indagar na cotiandade da xente do rural e de todas as persoas que a historia e a documentación non tivo en conta".

Se cadra por debaixo de moitas das aldeas galegas ou nos prados do redor sobreviven, baixo a terra e o traballo dos arados, as cabanas daquelas xentes que deixaron de ser galaicorromanos para adentrarse nunha nova sociedade con todo o monte por arar.