Foto: Rosa Benavides

Foto: Restos de pinturas da bóveda central conservados no Museo Provincial de Lugo. Fonte: Rosa Benavides García
Os resultados foron presentados hoxe á mañá no Museo Provincial de Lugo pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Grupo de Investigación Síncrisis da Universidade de Santiago e directora arqueolóxica do proxecto financiado pola Fundación Palarq, e no que participaron equipos da Universidade da Coruña e de Santiago de Compostela. O estudo combinou diferentes técnicas arqueolóxicas e xeolóxicas para obter os resultados a partir dunha batería de 25 mostras de morteiro e tixolos e diferentes puntos do monumento e dos restos conservados no Museo Provincial de Lugo. O equipo de Jorge Sanjurjo-Sánchez, da Universidade da Coruña aplicou técnicas ata agora pouco usadas en arqueoloxía, como as datacións OSL por termoluminiscencia, combinadas con outras máis convencionais como Carbono 14. Grazas a iso, os investigadores conseguiron identificar as diferentes fases do monumento. Segundo os investigadores, a amplitude e complexidade do estudo faino "pioneiro en Europa no seu alcance". Este tipo de técnicas, de cada vez máis amplo uso e que non precisan de material orgánico para conseguir resultados de datación, poden ter unha especial relevancia en Galicia, onde debido á acidez dos solos é máis complexo a obtención deste tipo de restos que poden ser sometidos a datacións de carbono 14.

Figura: Localización dalgunhas mostras recollidas en 2020 sobre unha perspectiva do monumento de Santalla de Bóveda. Fonte: Rebeca Blanco-Rotea, Patricia Mañana-Borrazás, Anxo Rodíguez Paz
Un monumento controvertido
Da relevancia histórica e artística do monumento de Santalla de Bóveda (Bóveda de Mera, Lugo) dá conta que xa foi declarado Monumento nacional desde 1931, apenas cinco anos despois de que saíra á luz pública, e Ben de Interese Cultural desde 1985. Desde entón, sucedéronse as interpretacións dos restos conservados. A proximidade á cidade de Lugo, a riqueza das pinturas murais e os relevos localizados no exterior fixo interpretalo con frecuencia como un templo romano pagán, tentando comprender os motivos representados na pedra ou nos frescos como relativos á relixión romana. Con todo, tamén houbo interpretacións en relación ao uso tardoantigo e medieval do templo.
As novas datacións sitúan o templo nun contexto novo, vinculado á conformación da Gallaecia como un espazo político e cultural singular trala caída do Imperio romano e a conformación dos reinos xermánicos, o suevo primeiro e o visigodo despois, e pode resultar un precedente da pintura mural prerrománica asturiana. Moitos templos da época tardoantiga ou altomedieval foron fundados sobre antigos edificios romanos. Pero tamén amplía a xa numerosa nómina de igrexas altomedievais galegas que puideron ser datadas nese periodo dos séculos X e XI, e que coincide cunha intensa actividade económica, social e política dentro do reino de Galicia.
Os novos resultados trasladan de tempo o enigma de Santalla de Bóveda, situándoo agora nun contexto cristián. Quen encargou este singular espazo, xa en época tardoantiga e altomedieval? Cal foi o seu uso, e que sentido lle quixeron outorgar? Os morteiros e tixolos non permiten responder esas preguntas. Así que Santalla de Bóveda seguirá dando moito que escribir.







