
Segundo estes datos, un total de 34.200 persoas traballaban no sector cultural en Galicia no segundo semestre de 2025. A cifra, última dispoñible no momento de elaborar o informe, amosa a estabilidade do traballo no sector, que aínda que perde unha décima, emprega un 3% da poboación do país. Non entanto, o estudo alerta de que mentres no conxunto do estado está a medrar o traballo neste ámbito, isto non acontece en Galicia, onde predomina a estabilidade.
A Conxuntura advirte tamén da alta estacionalidade do emprego cultural, cun perfil de postos marcadamente estacional e unha forte dependencia do réxime de autónomos. Por actividades, este emprego continúa a medrar nos servizos de arquitectura e fotografía, as actividades de tradución e interpretación permanecen invariables e baixa lixeiramente o deseño especializado, entre outros traballos. Pola contra, no período estudado verifícase un incremento do 14,7% na creación de empresas dedicadas a este ámbito, fronte ao crecemento total de 3,7% na economía galega.
Á hora de avaliar as exportacións, o Observatorio da Cultura apunta que no período de estudo pasaron do 8,5 millóns de euros a 12,6, e salienta que case o 90% desta facturación corresponde ao sector editorial. Pola contra, nas importacións, a cifra pasou de 10,1 millóns de euros en 2020 a 22,8 millóns en 2024, cun maior peso dos servizos culturais.
A analizar os investimentos públicos, este estudo apunta que os orzamentos da xunta en cultura e normalización lingüística aumentaron en 2025 un 4,6% con respecto a 2024. No ámbito local, o gasto en cultura acadou 257,5 millóns de euros en 2025, un 5,3% máis do que no anterior ano. Os concellos continúan a concentrar case o 80% deste investimento, e mesmo incrementaron nun 30% as súas achegas entre 2021 e 2025.
O gasto das familias mantense na cifra máxima de 135 euros nos datos de 2024, con incrementos no gasto en servizos culturais como entradas a espectáculos ou subscricións a plataformas audiovisuais. Diminúe lixeiramente o investimento en libros, a prensa recupera lixeiramente e baixa tamén o gasto en equipos de procesamento da información.
É de destacar que nos datos presentados "a proporción de fogares que se permiten saír a cear, ir a cafeterías ou asistir a espectáculos culturais supera por primeira vez o 70% en 2024 e marca máximos de serie en 2025, con valores por riba do 73% no 2º e 3º trimestre". Do mesmo xeito, as expectativas de poder seguir a realizar estas actividades, continúan a medrar e suman dez punto máis entre 2022 e 2025 "o que suxire unha confianza recuperada e unha maior propensión a consumir lecer presencial, especialmente en temporada alta", segundo recollen as conclusións do documento.








