A estabilidade marcou as cifras o sector cultural galego en 2023

O Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega presenta a súa VIII Conxuntura estatística sobre este ámbito

O Consello da Cultura Galega presentaba na mañá deste 13 de novembro a VIII Conxuntura estatística do ámbito cultural, publicación na que repasa os principais indicadores do sector ao longo de 2023. As conclusións do documentos salientan a estabilidade que viviu o noso país neste aspecto en canto ás cifras de emprego e de creación de empresas, e revela que continúa a medrar a produción e o consumo.

O sector cultural dá emprego a 36.800 persoas no noso país, unha cifra similar á do anterior período analizado. Así o revela o informe que realizou o Observatorio da Cultura Galega que, no entanto, advirte tamén que se produciu un descenso nesta cifra durante os últimos tres trimestres do ano. Os datos da Seguridade Social, pola súa banda, revelan un incremento de 216 filiacións neste ámbito, na súa maior parte adscritas ao réxime de persoas autónomas.

En canto á creación de empresas, ao longo de 2023 apareceron 135 novas firmas, catro menos que no ano anterior. Por actividades, a educación cultural, o deseño especializado e os servizos de arquitectura son os epígrafes que manteñen tendencias crecentes, mentres as actividades de fabricación de produtos culturais e axencias de noticias perden filiacións. Artes gráficas, librarías e actividades de comercio de produtos culturais mantiveron as súas cifras ao longo do último exercicio.

No ámbito do libro, as empresas de edición rexistradas pasaron de 49 a 52, e a cifra de edición de libros recuperou os niveis de 2011 con 2.955 rexistros. A literatura infantil e xuvenil, cun crecemento do 64,3% encabezan este incremento. En total, están rexistrados en galego 1.857 libros ao longo do último exercicio analizado, fronte aos 1.717 do anterior.

Unha cifra negativa para o sector é a baixada no comercio exterior de propostas culturais galegas. Se entre 2019 e 2023 se rexistrou un incremento do 88% neste ámbito, no último exercicio deuse unha mingua do 2,4% con respecto ao ano anterior (de 12.246.200 a 11.946.300 euros). As actividades de edición, que rexistraron un descenso do 6,6%, e as de creación, artísticas e espectáculos, que tamén baixaron un 6% foron as principais prexudicadas nesta tendencia.

Pola banda da administración pública, o documento recolle o incremento dun millón de euros, ata o 116,6, dos orzamentos autonómicos para cultura e normalización lingüística. Este crecemento, por baixo da media das contas do goberno, situou o nivel de gasto nestas áreas no 0,8% dos fondos autonómicos en 2023. Pola súa banda, as entidades locais galegas pasaron de investir 233,6 millóns de euros a 241,5, o que deixou o gasto un 6,7% do seu total, un 0,9% menos do que no ano anterior.

Entre as cifras destacadas do documento, está o importante incremento do gasto dos fogares galegos en produtos e servizos culturais, que superou os 500 millóns de euros en 2023, un 1,38% do seu gasto total. Os servizos culturais, que inclúen entradas ou subscricións a contidos, acaparan as cifras máis alta de gasto (151,7 millóns de euros, 55 máis só no último ano), seguidos dos libros (118,2 millóns) e dos soportes de imaxe, son e datos. A seguir a tendencia de recuperación, en 2023 foron ao cine 3.2 millóns de persoas fronte aos 1,2 de 2020, que supuxo unha recadación de 20,1 millóns de euros, cifras similares ás anteriores á pandemia.