A Asociación Galega de Editoras estrea o Premio Editio recoñecendo a traxectoria da Libraría Cartabón

A nova distinción premia o labor na promoción do libro galego e a defensa da propiedade intelectual

A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de anunciar o nacemento dun novo galardón no panorama cultural do país: o Premio Editio. Esta iniciativa ten como obxectivo recoñecer o labor daquelas entidades, empresas ou persoas que se distingan pola promoción e defensa da cultura, a propiedade intelectual e, de xeito particular, do mundo do libro galego. O premio, cuxa candidatura é proposta pola Xunta Directiva da AGE, ten vocación de continuidade e entregarase anualmente cada 17 de decembro, coincidindo coa celebración do Día da Edición. Para a estrea desta distinción, a AGE seleccionou á Libraría Cartabón de Vigo. A asociación xustifica a escolla no papel da libraría como un referente indiscutible na promoción da literatura e do libro galego. O recoñecemento chega nun momento especial para o establecemento vigués, que neste ano 2025 vén de celebrar o seu 40 aniversario de actividade. A cerimonia de entrega terá lugar o propio 17 de decembro.