Premio CEDRO 2025 para Manuel Rivas

A entidade asociativa recoñece o seu compromiso coa cultura e cos dereitos de propiedade intelectual

Tras do Premio Nacional das Letras Españolas recibido o pasado ano. de novo Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é obxectyo dun recoñecemento. Co gallo do Día Internacional de Propiedade Intelectual a asociación de autores e editores Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), organiza o Premio CEDRO e a Xunta Directiva ven de proclamar ao escritor e xornalista como merecedor do galardón deste ano. A decisión susténtase no recoñecemento do seu firme compromiso coa cultura, así como a súa achega á defensa dos dereitos de autor e a propiedade intelectual.

Carme Riera, presidenta de CEDRO, destacou que "este ano, quixemos recoñecer a Manuel Rivas o seu activismo e compromiso público coa promoción e defensa da creación literaria, dos valores culturais e dos dereitos de autor". "Ao longo de toda a súa traxectoria profesional, tanto literaria como xornalística, Rivas sempre estivo ao carón da cultura e dos seus creadores", sinalou Riera lembrando la constante defensa de Rivas dos dereitos dos escritores e tradutores ante o uso non autorizado das súas obras por parte dos desenvolvedores de intelixencia artificial xenerativa. Ademais, a presidenta de CEDRO subliñou que "Manuel Rivas non dubidou nunca en reivindicar publicamente a necesidade de preservar a autoría e a xusta retribución dos escritores na era dixital".