Manuel Rivas gaña o Premio Nacional de las Letras Españolas

O galardón concedido polo Ministerio de Cultura recoñece a súa calidade narrativa e a solidez da súa traxectoria

O galardón concedido polo Ministerio de Cultura recoñece a súa calidade narrativa e a solidez da súa traxectoria
Manuel Rivas Foto: Anna Serrano Fonte: Edicións Xerais
O Ministerio de Cultura ven de dar a coñecer que o escritor Manuel Rivas (A Coruña, 1957) resultou galardoado co Premio Nacional de las Letras Españolas, correspondente ao ano 2024, a proposta do xurado reunido hoxe. O premio está dotado con 50.000 euros e distingue o conxunto da labor literaria, en calquera das linguas españolas, dun autor cuxa obra estea considerada como parte integrante do conxunto da literatura española actual. O fallo destaca ao autor coruñés pola "extraordinaria calidade narrativa que conxuga forza emocional e beleza formal e pola solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial", conclúe o xurado, que sinala tamén como a súa obra "acompaña ao seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara a defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara a igualdade de xénero. Manuel Rivas, cunha voz poderosa e singular, crea literatura e, con ela, volve a situar a escritura galega no olimpo das Letras Nacionais". Fai dous anos Rivas recibiu do Goberno estatal unha das Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes.

O xurado desta edición estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral del Libro, del Cómic y de la Lectura do Ministerio de Cultura; e como vicepresidente Jesús González, subdirector xeral de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas. Como vocais Dolores Corbella Díaz, proposta pola Real Academia Española; María López Sández, pola Real Academia Galega; Andrés Iñigo Ariztegi, pola Euskaltzaindia; Carme Rubio, polo Institut d’Estudis Catalans; Josep Manuel Palomero Almela, pola Acadèmia Valenciana de la Llengua; Rafael Soler, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); José Jurado Morales, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Marieta Cantos Casenave, pola Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE); Esther Aniento, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); Jesús Miguel Díaz Álvarez, polo Centro de Estudios de Género da UNED; Jesús Ruiz Mantilla, polo Ministerio de Cultura e Cristina Fernández Cubas, autora galardoada na convocatoria anterior.