Santiago acolle a primeira edición de Pixel á feira

O encontro, que se presenta como primeiro salón de videoxogos do país, desenvólvese os días 8 e 9 de novembro

7/11/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual

Medio cento de proxectos galegos de videoxogos atópanse en Pixel á feira, o primeiro grande salón dedicado a esta industria no noso país. A iniciativa, que se desenvolve no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela entre os días 8 e 9 de novembro, pretende "situar este medio no centro da vida cultural galega e de recoñecelo como o que xa é a nivel internacional: unha manifestación artística de enorme relevancia, un motor creativo e un lugar de encontro entre persoas", segundo explica a organización.

Que che parece esta nova?
58 lecturas 0 reaccións
Compartir:

Cun especial foco na creación galega neste ámbito, o encontro que organiza a Deputación da Coruña inclúe unha exposición do MUVI - Museo do Videoxogo de Galicia, que amosará vinte e dúas pezas emblemáticas da historia do sector. Ademais, poderán probarse algunhas das producións máis recentes, con propostas como as de ChusChus Games, Acariño Games, Widijou ou as realizadas polo alumnado da Universidade da Coruña. O evento acollerá tamén o acto de entrega dos premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña.

Presentacións, obradoiros e conversas daranse cita no Escenario DLC, espazo participativo que naceu dunha convocatoria aberta á comunidade galega do videoxogo. Unha área de encontros profesionais, un concerto de Tiaviolí Gaming, a charla Arte & Historia nos Assassin’s Creed de El Barroquista, un espectáculo de improvisación gamer, a gravación do podcast Recuncho Gamer, o Gamesong Trivial Musical ou un encontro SEGA co divulgador Marc Rollán El Funs fan tamén parte do programa.

Ademais das actividades, haberá unha área de mercado con tendas e artistas da cultura dixital, unha selección de máquinas recreativas orixinais a disposición do público e torneos de títulos clásicos e actuais da industria.

Que che pareceu?
0 reaccións
Difunde a cultura galega:
Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Feira, Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Espectáculo...