
No seo do encontro celébranse, os dÃas 8 e 9 no Auditorio de Galicia, as Xornadas de Ilustración Urbana, programa de conferencias abertas ao público no que diferentes artistas comparten a súas experiencias en diferentes ámbitos da ilustración. A ilustradora polaca Iwona Flaszczynska abrirá esta sección, na que tamén participarán o francés Pierre Amoudry, o estadounidense Alán Ramiro, a galega Blanca Escrigas, o catalán Daniel Pagans, o murciano Nacho Muñoz e o portugués João Catarino. A complementar esta actividade, Blanca Escrigas elaborará un mural de 2x2 metros no propio Auditorio.
Canda estes nomes, participan desta xeira como convidadas a armenia Sarah-Marie Shaboyan, a asturiana Alba Cuadra e a galega Aldara Prado, que impartirán diferentes obradoiros e clases maxistrais ás persoas participantes. O programa complétase coa exposición O Camiño en Viñetas, que recolle traballos de Fausto Isorna arredor das rutas xacobeas, e mais Rúas Mariñas, unha selección de retratos das rúas compostelás realizadas por Pilar Barral. O encontro acollerá tamén a presentación do libro Compostela Ilustrada 2016-2023, que escolma os primeiros seis anos desta actividade.