Compostela Ilustrada enche de debuxos a capital galega

A cidade acolle o Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe entre os días 6 de 9 de novembro

Unha nova xeira do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que inclúe no seu programa as Xornadas de Ilustración Urbana, enchen esta semana a capital galega de debuxantes e ilustradores. Compostela Ilustrada celébrase, baixo o lema "Simplemente Santiago" entre os días 6 e 9 de novembro e reunirá nas rúas da cidade a un centro de artistas de todo o mundo que esgotaron as prazas do evento xa no pasado mes de maio.

No programa dos dous eventos inclúese a participación como convidados de destacados nomes deste sector, como a sevillana Inma Serrano, a armenia Sarah Mari Shaboyan, as francesas Pascale Lee e Olivia Marcus, a madrileña Ximena Maier, o veneciano Barnaba Salvador, a catalá Lucy Victoria Davis e a galega Clara Cerviño. Todos eles impartirán diferentes obradoiros sobre cuestións como a inclusión de personaxes nas paisaxes urbanas, o uso intuitivo da cor, o debuxo da moda ou a recreación de pezas barrocas.

Boa parte das actividades desenvólvense ao abeiro das Xornadas de Ilustración Urbana, que transcorren entre os días 7 e 8 abertas ao público. Nestas actividades, a participación nas conferencias é libre até completar aforo, mentres que para o obradoiro será necesaria inscrición previa no correo info@compostelailustrada.com.