O foro de deseño achégase aos debates de actualidade e a aplicación empresariais e sociais

A Cidade da Cultura acolle este encontro bienal no que participan destacados deseñadores

A Cidade da Cultura acolle este encontro bienal no que participan destacados deseñadores
O Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia acolle hoxe o foro bienal de deseño FEED, organizado pola Asociación Galega de Deseño co obxectivo de achegarse á actualidade das disciplinas do deseño e das persoas que traballan nelas, impulsando a transferencia de coñecemento aos sectores formativo, profesional, empresarial e social. Entre hoxe, venres, e mañá pasarán polo FEED diversos profesionais galegos, españois e doutros países para chegar as súas experiencias e contrastalas en encontros e mesas redondas. O programa conta, por exemplo, con Miguel Lueiro, que este mesmo ano recibiu o Premio Nacional de Diseño de España na categoría de profesionais noveis.

Este ano a DAG abre un espazo de diálogo e encontro para que empresas de diferentes sectores e profesionais do deseño intercambien coñecemento e experiencias, para fortalecer a conexión entre o sector produtivo e o sector do deseño. Breves exposicións introdutorias darán paso ao diálogo e o intercambio de opinións entre as persoas asistentes. Amais da presentación de proxectos de alumnado das escolas, que vén sendo habitual, neste foro o venres pola mañá presentaranse iniciativas sobre licenzas tipográficas e os seus usos, sistemas de comunicación accesibles e lexibles, arquivos dixitais de deseño ou a integración de perspectiva de xénero nos proxectos profesionais. O programa ofrece tamén unha mesa redonda sobre os usos da Intelixencia Artificial, na que tomarán parte Chus Rojo (ilustradora e membro de AGPI), Alberto Quian (USC), Stef Silva (Invisible) e Carlos El Rojo (deseñador e socio de DAG). O sábado un relatorio de Jorge Martínez (Dataviz Cowboy) abordará o deseño da presentación de información e datos. Os profesores portugueses Vítor Quelhas e Horácio Marques, da Luga Poster Biennale presentarán un relatorio sobre o cartel como elemento entre a arte e a comunicación.