Compostela faise a capital do deseño

A cidade acolle o Foro de Edición e Deseño galego e mais o Encontro Nacional de Asociacións de Deseño

A cidade acolle o Foro de Edición e Deseño galego e mais o Encontro Nacional de Asociacións de Deseño
Desde este 14 de outubro e ata o vindeiro día 17, Santiago de Compostela convértese na capital do deseño no país ao acoller dous encontros dedicados a esta disciplina. A Asociación Galega de Deseño (DAG) celebra na primeira destas xornadas o seu encontro bienal, o FEED, concentrado nesta xeira nunha única data. O encontro aborda o "deseño gráfico, deseño de produto, deseño dixital, deseño de estratexia ou deseño de servizos e experiencias" artellados en dous obradoiros de mañá e seis conferencias de tarde.

O Centro Galego de Arte Contemporánea e mais o Museo do Pobo Galego acollen estas actividades. O obradoiro "Deseño informado por datos" de Ricardo Tayar abre o programa, que completa a súa oferta formativa con "Sistemas visuais flexibles", impartido por Elio Salichs. As conferencias de tarde estarán a cargo de Laurent Ogel, Júlia Esqué, Laura Hernández, Ana Moliz, Pablo Honey e Verónica Fuerte, que manterán un encontro co público.

O Encontro Nacional de Asociacións de Deseño (ENAD), pola súa banda, desenvolve a súas actividades entre os días 15 e 17 a concentrar nas sesións de mañá as conferencias e nas de tarde as propostas formativas. Entre as presentacións, destaca a do Estudio da economía do deseño en Galicia, que realizarán Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Irene García, presidenta da Asociación Galega de Deseño na mañá do día 15. Mesas redondas sobre "Identidade e territorio", ou o "Deseño de políticas públicas. A contratación de servicios de deseño" fan parte do programa. Unha conferencia sobre o traballo do Laboratorio de Formas , a presentación do encontro València Capital Mundial del Diseño 2022 ou un showroom de festivais de deseño completan a iniciativa.

Integrada na proposta da ENAD, o Centro Galego de Arte Contemporánea abre este 14 de outubro a mostra "FSWD / Identidade e Territorio". Comisariada por Uqui Permui, Ángel Martínez, Gloria Escribano e Juan Lázaro recolle traballos integrados na iniciativa From Spain With Design (FSWD) da ENAD. A mostra recolle 135 proxectos de deseño de distintas áreas "que, máis aló de responder ao lema da convocatoria, destacan pola súa calidade, pola súa proxección no mercado nacional e internacional, por ser un modelo de sinerxía entre deseñador e empresa, por dar respostas coherentes e construír valor". A exposición está aberta ata o vindeiro 30 de xaneiro de 2022.