O Museo do Mar tende unha ponte con Xapón na exposición 'A arte do efémero'

A mostra presenta pezas de arte nipón de dúas importantes coleccións privadas

A mostra presenta pezas de arte nipón de dúas importantes coleccións privadas
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, atendeu á inauguroción da exposición
O Museo do Mar de Galicia acolle ata o 25 de xaneiro a mostra "A beleza do efémero. A arte xaponesa a través das coleccións de Daniel Buján e Pardo-Mitsunaga". Esta exposición é un achegamento á arte nipoa a través dos gravados coñecidos co nome de Ukiyo-e, pertencentes á colección de Daniel Buján, unha das coleccións máis importantes de España en gravado xaponés, a cal estará acompañada por unha serie de pezas únicas pertencentes á colección de Pardo-Mitsunaga, entre as que poderán verse unha escultura dun asceta das montañas do S.XIV, un biombo e un escritorio portátil ambos do S.XVII, así como pezas de louza e outros elementos dos S.XVI a XIX.

A mostra reúne un total de 97 gravados, procedentes da gran colección particular de Daniel Buján onde están representados os grandes artistas da estampa xaponesa que transitan desde o século XVII ata o XIX, e 18 pezas de distintas artes (porcelana, laca, escultura, pintura...), e que foron rigorosamente escollidas entre as magníficas obras que constitúen a exclusiva colección de Severo Pardo e Rika Mitsunaga. Cómpre destacar que a pegada da cultura xaponesa en Occidente alcanza a súa plenitude co Japonisme no século XIX e o xurdimento da Art Nouveau ou Modernismo que se inspira na meirande medida na arte deste país, na pintura dos biombos das escolas Rimpa e Kano, así como no gravado nipón Ukiyo-e , un termo xaponés que significa "imaxes do mundo flotante" (uki: flotante; yo: mundo; e: imaxe). Todo este ambiente artístico desemboca nun novo estilo de pintura, o impresionismo, que bebe directamente da pintura xaponesa e cuxos principais artistas coleccionaban avidamente gravados e obxectos xaponeses como fonte de inspiración e aspiración estética chegando ata as novas tendencias que van sobrevivindo como o fauvismo, o cubismo, a art-decó e o tachismo.