
Entre os 34 nomes de artistas cuxa obra pode verse nesta exposición están os de Helena Almeida; Mónica Alonso; Berta Cáccamo; Elena Colmeiro; María Antonia Dans; Menchu Lamas; Maruja Mallo; Tatiana Medal; Julia Minguillón; Antía Moure; Pamen Pereira ou Soledad Penalta, entre outras. A mostra parte dunha esencia de creación artística feminina galega, para ampliar o contexto e comprobar como este movemento resoou en moi distintas latitudes. Desde a iconoclastia das Sen sombreiro, onde se pode situar a Maruxa Mallo, ata as renovacións varias décadas despois da man de Menchu Lamas, o século XX no que arranca a mostra caracterízase por constituír o prólogo a un novo paradigma autorial caracterizado pola vocación da inclusión en igualdade. Ademais de na sede física, 'Mirar de novo. A muller contra o tempo' está tamén dispoñible para visita virtual no espazo dixital AGalería onde comezou a súa andadura no contexto do máximo nivel de restricións para a actividade cultural en 2020.
'Mirar de novo. A muller contra o tempo' ofrecerá visitas guiadas e complétase cun exhaustivo catálogo homónimo que conta cun texto analítico asinado por Mónica Maneiro e unha introdución dos comisarios David Barro e Diego Cascón Castro. En presentación trilingüe, está á disposición a modo de consulta breve en formato "flippingpage" e tamén se pode descargar de balde ou adquirir na Tenda online da páxina web de Afundación.