Xabier López gaña o Premio Trevo de Narrativa

A súa obra publicada 'Contrabiografía' obtén o triunfo nesta primeira edición do certame

Xabier López López
Xabier López López
A primeira edición do Premio Trevo de Narrativa xa ten obra gañadora, 'Contrabiografía' (Editorial Galaxia, 2024) , e está asinada por un dos autores máis recoñecidos da nosa narrativa actual, Xabier López López (Bergondo, 1974). A obra gañadora é un libro de viaxes no que a paisaxe é escenario e ao tempo condición da historia. Segundo explican desde a organización do certame, no relato "hai tempo para a reflexión, para os contos, a memoria familiar e a local, para o repouso e a aventura. De todo isto só pode saír un texto híbrido, pero fértil, como o é a existencia". Para o xurado do premio "a aposta é arriscada, e dela sae ben parado Xabier López, cunha prosa axeitada a cada necesidade, como se adapta a auga dun río a cada curso do mesmo".

Este galardón de iniciativa privada naceu en homenaxe á finada escritora María Duro Mansilla e ten como obxectivo recoñecer "a excelencia literaria da narrativa en lingua galega" e poderá outorgarse a "calquera obra literaria narrativa (novela, colección de relatos, libro de viaxes, colección de artigos xornalísticos) escrita orixinalmente en lingua galega, e publicada por primeira vez no ano anterior ao de cada convocatoria". O premio ten unha contía de 1504,80 euros, cifra que representa a data de nacemento de María Duro Mansilla.